A raza en bioloxía é un taxon que se utiliza para clasificar poboacións de individuos da mesma especie que, aínda que teñan a capacidade de ter descendencia fértil, o illamento e a perda de fluxo xénico deulles propiedades distintivas.
Raza nos animais domésticos A raza en animais domésticos refírese a grupos con características homoxéneas, tanto fenotípicas como de comportamento, dentro da mesma especie. Estas características fan que se distingan doutros organismos. A formación das razas débese ao illamento xenético e á adaptación ao ambiente, moitas veces influída pola cría selectiva. Non existe unha definición científica universal para "raza", mostrando a diversidade e complexidade da súa clasificación. Os animais de raza pura transmítenlles estes trazos característicos á súa descendencia.
Racialización humana Este termo tamén se aplicou á especie humana e as categorías máis mencionadas e usadas para referir as supostas razas (historicamente falouse de raza branca, raza negra, raza asiática...) baséanse en caracteres biolóxicos visibles (especialmente a cor da pel e as características faciais), os xenes e a identificación propia. O concepto de raza e a agrupación de razas específicas varía segundo a cultura e o tempo.
Desde os anos 1940, moitos científicos evolucionistas rexeitaron esas conceptualizacións de raza, sostendo que calquera definición de raza relativa aos seres humanos anatomicamente modernos está falta de vigor e validez taxonómica por imprecisas e arbitrarias, e que as supostas razas observadas varían segundo a cultura examinada. Non obstante, hai xente que se autoidentifica con razas determinadas ou as asigna a persoas ou etnias nun proceso denominado racialización.
Actualmente, existe un consenso científico que sostén que as razas biolóxicas humanas hoxe non existen, despois da extinción de subespecies como o Homo sapiens neanderthalensis. Esta postura está apoiada por evidencias xenéticas e arqueolóxicas que documentan a historia humana, o que indica que toda a variabilidade xenética humana pode ter unha orixe común en África hai aproximadamente 200.000 anos. Ao longo do tempo, a variabilidade xenética humana foise dispersando e mesturándose de forma significativa, de xeito que as distincións raciais que hoxe semellaban baseadas bioloxicamente nun pasado afastado carecen de base científica.
Notas
Véxase tamén Outros artigos
Lista de razas de cabalos Lista de razas de porcos Lista de razas de ovellas Racialización Racismo Regra dunha gota Raza e etnia no censo dos Estados Unidos
Categoría:Bioloxía