Remismundo, nado a comezos do século V, foi un rei suevo do Reino de Galicia dende o 463 ata, polo menos, o 469, cando morre o historiador Hidacio. Foi responsable da reunificación e pacificación do reino tras a morte de Frumario, pactou con Teodorico II e converteuse ao arianismo.

Traxectoria Remismundo aparece ao final da guerra civil sueva. Aínda que os suevos e galaicos volveron firmar a paz cara o 461, o resentimento e actividade diplomática cos visigodos e Roma non cesou por parte dos diferentes bandos.

Esta situación non cambiaría ata a morte de Frumario no 463, cando os suevos escollen a Remismundo como único rei, a quen Isidoro de Sevilla recoñece como fillo de Maldras ( "Remismundo Masdrae filio" ). A partir deste momento os visigodos, tamén de orixe xermana, apoiaron ao rei como lexítimo monarca da Gallaecia.

O primeiro movemento de Remismundo foi a de acudir como embaixador á corte visigoda na Galia, onde o monarca visigodo, Teodorico II, ademais de enviarlle agasallos e armamento, ofreceulle o matrimonio coa súa filla. Despois desta sucedéronse máis viaxes deste tipo e aumentou a actividade diplomática entre os dous reinos xermanos. miniatura|Dominios da monarquia sueva, extensión do Reino de Galicia no século V. Unha vez establecida a paz na Gallaecia, Remismundo, centrouse na Lusitania. No verán de 465 a cidade de Conímbriga foi cercada polos suevos. A muller do gobernador, chamado Cantabro, foi feita refén, quizais para evitar a traizón ou manter a fidelidade. Ao ano seguinte, en 466 os suevos de Remismundo atacaron aos aunonenses, que probablemente habitaban na costa da actual Pontevedra, o que provocou a chegada dunha embaixada goda. É posible que o pacto adquirira certo carácter relixioso; Hidacio, fala da chegada ese mesmo ano dun misioneiro chamado Áiax que, despois co apoio de Remismundo, convertería ás elites suevas ao arianismo.

Cando Teodorico II foi substituído por Eurico no ano 467, Remismundo lanzou novas ofensivas para reforzar a súa posición, que tamén quixo facer patente pola vía diplomática con embaixadas ante o emperador, os vándalos e os godos. Nesas mesmas datas retomara as súas hostilidades contra os aunonenses e no 468 Conímbriga quedou devastada. No ano 469, coa colaboración de Lusidio, Lisboa foi tomada polos suevos de Remismundo. O feito de alcanzar a paz cos aunonenses pouco despois non lle impediu continuar co seu espolio na Lusitania e no convento de Astorga.

Coa morte do historiador Hidacio no 469, iníciase un período na historia dos suevos do que existen poucos datos. Asúmese que foi un período de paz e cooperación cos visigodos. Normalmente adxudícaselle este ano como o da súa morte, pero non hai documentación que o respalde. Dubídase de cal puido ser o sucesor de Remismundo xa que non existe documentación contrastable ata o reinado de Carriarico.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Lista de monarcas de Galicia Reino suevo Lista de reis suevos Suevos

Categoría:Reis suevos Categoría:Reis de Galicia Categoría:Finados en 469