O cruzamento léxico é un procedemento de formación de novos vocábulos no que dous elementos ou formas lingüísticas, que se inflúen mutuamente por semellanza de sons ou de sentido, se combinan para dar lugar a unha palabra novacfr. Regula, M, e Jernej, J., Grammatica italiana descrittiva, Bern & München, 1975, 2ª ed, páx. 63 infra; Ferreiro, M., Gramática histórica galega, I, Santiago de Compostela, 1996, 2ª ed., páx. 213.
Contaminación e cruzamento léxico Aínda que adoita ser presentado como un caso de contaminación lingüística, do que se diferencia con dificultadeFerreiro, M., op.cit., 212-213, nesta última hai un determinante que apenas muda o seu corpo fonético, pola influencia recibida. Así en casos de contaminación exemplificados por Edwin B. WilliamsWilliams, Edwin B., Do latim ao português. Río de Janeiro. 1961, páx 116, as alteracións son mínimas: estrela que deriva do latín *stellam sufriu a contaminación de astro (< astrum), apenas no -r-; ou amañecer do latín *admanescere leva o -ñ- por influxo de mañá (< *maneanam).
Por contra o cruzamento léxico orixina un novo vocábulo no que, ás veces, resulta complicado adiviñar cales son os elementos formantes, aínda que proveñen de ambos (ou dun terceiro). O adxectivo do galego (porco) silleiro "o que ten o lombo levantado" é posibelmente explicábel como un cruzamento do latín cingulum "cinto" e máis (porcus) singularis, este literalmente "porco solitario" (orixe do francés sanglier "xabarín" e do galego senlleiro).
Exemplos de cruzamento léxico Aleuto "esperto" < latín electus "elixido, eleito" x latín lectus "lido". Birollo "vesgo" < latín *bis-oculum "dous + ollo" x céltico virare "xirar". Buraco < dunha raíz xermánica afín ao inglés to bore ou o alemán bohren "furar, aburacar" cruzado co latín *furaculum < furare "furar". Do mesmo xeito a variante burato cruzaríase cun derivado do latín furare + sufixo -attuRivas Quintas, E., Léxico galego: Historia e fenomenoloxía. Lugo. 1989, páx. 140, fronte a hipótese que defende que deriva de foratu, cun paso intermedio *vorato, cfr. Nunes, J.J., Compêndio de gramática histórica portuguesa, 1930, 2ª edic., páx. 88 Cómbaro "faixa de terra que separa dúas fincas contiguas" < latín cumulum (> galego cómaro) x raíz céltica *comb- "curvado, lombado". Folerpa "pedazo de neve que cae" < céltico follem x celto-latino drappum. Liorta "pelexa; rebumbio" < lío x loitaRivas Quintas, E., op. cit., páx. 142. Maínzo "millo americano" < maíz (vocábulo de orixe americana) x paínzo "millo miúdo" (do latín panicium) Mocalla "chuvia miúda" < moco "moco" (latín muccum) x poalla "chuvia fina" (de po < latín pulvis). Pucharca < puzo (< latín puteum) x charca (de posíbel orixe prerromana). Rascallo "mollo de ramas para varrer o forno" < rascar ( < latín rasecare) x vasallo "vasoira de xestas ou uces" ( este posibelmente do latín *versaculu, compárese vasoira < versoria). Véspora "vespa" < vespa "idem" x espora "aguillón para cabalarías".
Bibliografía Ferreiro, Manuel, Gramática histórica galega (Manual). t. I. Santiago de Compostela. Laiovento. 1996, 2ª ed. Regula, M., e Jernej, J., Grammatica italiana descrittiva: su basi storiche e psicologiche. Bern und München. Francke Verlag. 1975, reimpr. da edic. de 1965. Rivas Quintas, Eligio, Léxico galego: Historia e fenomenoloxía. Lugo. Alvarellos. 1989. Williams, Edwin Bucher, Do latim ao português: Fonologia e morfologia históricas da língua portuguesa. Rio de Janeiro. Tempo Brasileiro. 1975, tradución portuguesa do orixinal de 1938.
Notas
Cruzamento léxico