A Ilíada (/iˈliaða/; en grego antigo: Ἰλιάς, romanizado: Iliás;AFI: [iːliás]. "[un poema] sobre Ilión (Troia)") é un dos dous principais poemas épicos da Grecia antiga, atribuídos a Homero, así coma unha das obras literarias máis antigas lidas aínda por audiencias modernas. Do mesmo xeito que na Odisea, o poema divídese en 24 cantos, foi escrito en hexámetro dactílico e contén, na súa versión máis amplamente aceptada, 15 693 versos. O poema, ambientado na guerra de Troia, relata eventos significativos das derradeiras semanas do asedio á cidade de Troia por unha coalición de estados gregos micénicos, que durou dez anos. En particular, describe unha fera disputa entre o rei Agamenón e o célebre guerreiro, Aquiles. A Ilíada adoita ser considerada coma a primeira obra substancial da literatura europea.

A Ilíada e a Odisea foron probabelmente escritas en grego homérico, unha mestura literaria de grego xónico e outros dialectos, ao redor da fin do século -VIII e principios do século -VII. A autoría de Homero foi rara vez dubidada na antigüidade, mais a erudición contemporánea predominantemente asume que a Ilíada e a Odisea foron compostas de maneira independente, e que as historias foron formándose como froito dunha longa tradición oral. O poema era interpretado por recitadores profesionais de Homero, coñecidos coma "rapsodos".

Temas críticos no poema inclúen o kleos (gloria), o orgullo, o destino e a ira. Malia ser predominantemente coñecido polos seus temas tráxicos e serios, o poema tamén contén instancias de comedia. A Ilíada adoita ser descrita coma unha epopea masculina ou heroica, especialmente en comparación coa Odisea. Posúe descricións detalladas de instrumentos de guerra antigos e estrataxemas de batalla, con menos personaxes femininos. Os deuses olímpicos empeñan tamén un rol importante no poema, axudando aos seus guerreiros favorecidos no campo de batalla e intervindo en disputas persoais. A caracterización dos deuses no poema humanizábaos para o público da Grecia antiga, proporcionando unha sensación concreta da súa tradición cultural e relixiosa.

En 1977, publicouse en Vigo unha tradución parcial ao galego da Ilíada, por Evaristo Sela, na colección Pombal de Edicións Castrelos. Do mesmo tradutor é a versión completa de 1990, baixo o selo do Consello da Cultura Galega, os cales son responsábeis tamén da tradución da Odisea, de 1992.

Sinopse

Canto I

O andazo e a xenreira Crises, sacerdote de Apolo, pretende rescatar á súa filla Criseida, que está en poder de Agamenón, e prega ao deus que a vingue dos gregos. Apolo sementa a peste no campo dos gregos, minguando deste xeito os seus exércitos. O adiviño Calcas, explica as causas dos males que acosan aos aqueos; para calmar a iracundia de Apolo hai que restituír a Criseida. Irado Agamenón polas verbas do adiviño, esixe que Aquiles lle outorgue a súa escrava Briseida coma compensación, a cambio da que lle retornará a Crisis. Aquiles decide por este agravio non axudar aos gregos nin permitir que as súas tropas asistan á batalla. Demanda á súa nai, Tetis, que suba ao Olimpo e implore a Zeus que outorgue a vitoria aos troianos, por habelo ofendido Agamenón. Hera, ao coñecer que Zeus lle outorgou a Tetis tal don, encréspase co seu cónxuxe.

Canto II

O soño e o catálogo Zeus envía un soño falaz a Agamenón para que se aventure con tódolos seus exércitos na batalla, e o rei dos argivos comunícao aos seus caudillos. Como quere coñecer o pensamento dos aqueos, lles ordena na xunta que se dispoñan a retornar á patria, e se desbandan os soldados resoltos a preparar os seus navíos, cando Ulises e Néstor os conteñen con rogos e ameazas. Agamenón dispón as súas tropas a fin de que comece o combate, após haber sacrificado a Zeus, e festexado, un espléndido ágape cos reis do exército aqueo.

Canto III

Xuramento e combate de Menelao Cando os dous exércitos se dispoñen a pelear, Paris ofrécese para combater co máis afoutado dos argivos. Menelao acepta o desafío e aprestase á contenda. Paris recúa ao velo, mais decídese ao escoitar os reproches de Heitor e convéñense as condicións da batalla, sancionadas por Príamo e Agamenón: se Paris mata a Menelao, quedará con Helena e as súas riquezas, mentres que se Menelao mata a Paris, os troianos devolverán a Helena con tódalas riquezas que se levou do palacio de Menelao. Amais, os troianos pagarían aos aqueos os gastos da expedición.

Menelao está a piques de matar a Paris, cando Afrodita o envolve nunha nube e o leva a unha habitación do seu palacio, a onde tamén se levou a Helena, que reprocha a Paris a súa covardía e a Afrodita a súa perfidia.

Canto IV

Violación dos xuramentos Como Paris fuxiu do combate, Agamenón esixe o cumprimento do xurado, e os deuses axúntanse no Olimpo para decidir o destino de Ilión. Zeus, coma sempre, deixase seducir polas verbas de Hera, que pretende perder aos teucros, e manda a Atenea ao campo destes para que crebe o pactado. Induce Atenea a Pándaro para que lance unha frecha contra Menelao, feríndoo. Macaón cúralle a ferida e os teucros acometen aos gregos. Agamenón percorre as filas das súas tropas, arengando aos caudillos, e comeza o combate con inmensa carnizaría entre os gregos e os troianos.

Canto V

Diomedes, fillo de Tideo No encarnizamento da batalla destaca o denodo de Diomedes, amparado por Atenea. Acomete aos máis valentes dos teucros e non dubida en acometer tamén aos deuses que os protexen. Ataca a Afrodita, cando pretende sacar do combate ao seu fillo, Eneas, feríndoa nunha man. Lánzase logo contra Apolo, que quere protexer á deusa, e acométeo por tres voltas, até que o deus lle fala con acento horríbel. Como Ares combate ao lado dos teucros, Hera e Atenea póñense da banda dos gregos, protexendo a Diomedes, que fire ao deus da guerra, facendo que teña que arrincarse a frecha da man cun berro terríbel. No Olimpo, Zeus, após rifarlle, ordena que o cure Peón, médico dos celestiais.

Canto VI

Coloquio de Heitor e Andrómaca Cando os deuses abandonan o campo de batalla, os gregos minguan as falanxes dos troianos, que, cheos de pánico, foxen espantados á procura de refuxio na cidade. Heitor, aconsellado polo adiviño Heleno, vai a Troia para que a súa nai, Hécuba, seguida das principais mulleres da cidade, acuda ao templo de Atenea, para implorarlle que afaste a Diomedes da batalla. Heitor retorna entón á batalla, após despedirse de Andrómaca e do seu fillo, coa compañía do seu irmán, Paris, ao que trata ao principio con asperidade.

Canto VII

Combate de Heitor e Áiax Heitor enfrascase na loita, acompañado de Paris, e dá tales ánimos aos troianos co seu exemplo que fan estragos nas filas dos aqueos. Atenea teme pola súa sorte e descende de novo do Olimpo para axudarlles con máis empeño. Apolo a ve, e adiviña os seus propósitos; as dúas deidades resolven aprazar o combate por aquel día e persuadir a Heitor para que desafíe aos máis valorosos caudillos dos aqueos: Inspiran entón a Heleno, para que llo propoña a Heitor. Este adentrase nos exércitos, lanza o seu desafío e anuncia as condicións, mais como non ousa recollelo ningún dos gregos, ofrécese Menelao a contender con Heitor, porén, Agamenón llo impide, convencido de que sería vencido polo troiano, e fala de maneira que se ofrecen a combater nove dos caudillos gregos. Néstor aconsella que se vote a sortes e a empresa recae sobre Áiax Telamonio, como querían os guerreiros. Os dous acométense con furor até que son separados polos arautos. Antenor propón que lles sexan devoltas aos gregos Helena e as súas riquezas, mais Paris opónse. Os gregos erguen unha muralla inmensa para gorecer os seus navíos, que provoca a envexa de Poseidón.

Canto VIII

Batalla truncada Zeus convoca a xunta dos deuses no Olimpo e ameázaos con castigos espantosos se ousan axudar aos gregos ou aos troianos. Dende o cume do monte Ida, ordena que os aqueos se retiren, perseguidos polos teucros. Hera e Atenea acoden na defensa dos gregos, mais son detidas por Iris, a quen envía Zeus con esta encarga. Pola noite, arenga Heitor aos seus guerreiros e mándalles prender abondosas fogueiras, co fin de que non deixen as armas.

Canto IX

A embaixada e as súplicas a Aquiles Outra vez propón Agamenón a retirada dos seus exércitos, abatido pola derrota ao agruparse na xunta convocada por el. Opóñense Diomedes e Néstor. Envíase entón unha embaixada a Aquiles, formada por Ulises, Áiax de Telamón e dous arautos. Recíbeos afabelmente Aquiles, e escoita as súas verbas, mais responde logo de maneira inflexíbel, negándose a axudar a Agamenón contra os troianos. Os embaixadores retornan desencantados e refiren a Agamenón o acontecido na tenda de Aquiles. Diomedes afóutaos para o combate do seguinte día.

Canto X

A morte de Dolón Agamenón non puido durmir durante a noite, e en canto chega o abrente, comeza a visitar as tendas dos seus caudillos en compañía de Menelao. Acordan, nunha reunión improvisada ao carón do foso, enviar espías para pescudar o que acontece no campo dos teucros. Bríndanse para semellante empresa Diomedes, fillo de Tideo, e Ulises, poñéndose rapidamente en marcha. Apodéranse, nas terras de ninguén, de Dolón, que, de parte dos troianos, iba a espiar o campo dos aqueos. Danlle morte, após coñecer moitos segredos de el, sobre o exército dos troianos; avanzan ao campamento de Reso, rei de Tracia, recente chegado cos guerreiros de reforzo; matan ao rei e aos que dormen xunto a el e retornan ao campamento dos dánaos, levándose os seus magníficos cabalos.

Canto XI

Proezas de Agamenón Tódolos gregos se arman, precedidos de Agamenón, e lánzanse á batalla. Zeus envía a Iris para que anuncie a Heitor, da súa parte, que se afaste da loita cando vexa a Agamenón consumar fazañas arriscadas e sementar de morte o campo dos troianos. Só cando Agamenón sexa ferido, poderá entón Heitor retornar ao combate. Ulises, arrodeado polos troianos, deféndese con denodo até que van a socorrelo Áiax e Menelao. Os principais heroes gregos son feridos: Agamenón, por Coón; Ulises, por Soco, e Diomedes, por unha frecha lanzada por Paris. Aquiles ve, dende o alto da súa nave, a Macaón, ferido por Paris, e, como non o recoñece, manda a Patroclo para que o investigue. Néstor aconsella a Patroclo que rogue a Aquiles para que acuda ao combate contra os teucros e, que se non lle pasou aínda a ira, deixe polo menos que acuda Patroclo coas súas armas e cos mirmidóns.

Canto XII

O combate na muralla Os aqueos teñen que gorecerse trala muralla, perseguidos por Heitor. O fillo de Príamo tenta forzar as portas e atravesar o foso, para invadir así o recinto. Como non o acada, Polidamante lle aconsella entón atacar a cerca, e el, obedece. O exército dos teucros divídese en cinco falanxes, que acometen con furia por tódalas partes aos gregos. Unha aguia móstrase levando entre as súas farpas un espantoso dragón. Polidamante aconsella que o exército recúe, mais Heitor non o consente. Este, lanza unha pedra enorme contra unha das portas, crebándoa, e os troianos persiguen aos gregos até as súas propias naves.

Canto XIII

Ao pé dos navíos Poseidón compadécese dos estragos que fan os troianos entre os gregos e revístese da figura de Calcas, para impor alentos no corazón dos dous Áiaxes. Movéndose entre as filas aqueas, consegue que lles fagan fronte aos inimigos. O combate encarnízase porque os deuses apoian aos combatentes dun e doutro lado. As fazañas dos guerreiros son inacabábeis: Idomeneo contende con Eneas; Menelao, contra Heleno, fillo de Príamo, e deste xeito, os gregos conteñen aos troianos na á esquerda, mentres Heitor avanza na dereita, contendendo contra os máis valentes xefes das tropas aqueas. Zeus envía unha aguia aos aqueos, para revelarlles as súas grazas, mais Heitor non se arreda.

Canto XIV

Engano de Zeus