Pere Bosch i Gimpera (Barcelona 1891 - México 1974) foi un arqueólogo e prehistoriador e unha das personalidades científicas de Cataluña (España) máis coñecidas internacionalmente. Asinaba, ás veces, como Pedro Bosch Gimpera.

Biografía Pere Bosch i Gimpera naceu en Barcelona o 22 de marzo de 1891. Comezou estudos de Dereito, mais pasou a realizalos de Filosofía e Letras. Trasladouse a Berlín entre 1911 e 1914, onde fixo estudos de Filoloxía Clásica e Prehistoria. En 1911 doutorouse en letras e en 1913 en Historia. As súas primeiras publicacións versaron sobre a civilización cretomicénica (1912) e sobre a orixe da traxedia grega (1913). Tamén traduciu a Homero. No ano 1915 foi nomeado director do servizo de escavacións do Institut d'Estudis Catalans e en 1916 gañou a cátedra de Historia Antiga na Universidade de Barcelona. En 1919 publicou Prehistoria catalana. Xa desde aquela época primeira mostrouse decididamente partidario do uso da lingua catalá nas publicacións científicas.

A partir de 1919 e até a súa morte mantería amizade e correspondencia privada co seu alumno e compañeiro Lluís Pericot i Garcia.

Coa obra Etnografía de la Península Ibérica (1932) desenvolveu teses innovadoras que lle deron sona. No ano 1933 é elixido reitor da Universidade de Barcelona. Implicado na política da Generalitat de Cataluña, republicana, ocupou o cargo de Conselleiro de Xustiza baixo a presidencia de Lluís Companys. Xunto con outros membros do goberno catalán foi encarcerado no buque "Uruguay", despois dos feitos do 6 de outubro de 1934, suceso que provocaría protestas internacionais.

Logo da guerra civil houbo de se exiliar en México. Posteriormente foi sometido a unha campaña de desprestixio na Universidade de Barcelona baixo dominio franquista. No país azteca sería profesor da Universidade Autónoma e máis da Escola Nacional de Arqueoloxía da Universidade de México. En 1945 publicou en México La formación de los pueblos de España.

No ano 1971 obtivo a nacionalidade mexicana.

Obra Bosch i Gimpera publicou varios libros e decenas de artigos. Entre os primeiros cabe sinalar:

Prehistoria catalana (1919). La arqueología prerromana hispánica (1920), apéndice a Hispania de Adolf Schulten. Pyrenäenhalbinsel, in Ebert, M. (ed), Reallexicon der Vorgeschichte, X, 1927-28. Etnología de la Península Ibérica (1932). El poblamiento y la formación de los pueblos de España (1945). El Próximo Oriente en la Antigüedad (1964). El problema indeuropeo (1968). La Universitat i Catalunya (1969). Historia de Oriente (1971). Prehistoria de Europa: Las raíces prehistóricas de las culturas de Europa (1975).

Véxase tamén Ligazóns externas Breve biografía na web do Institut d'Estudis Catalans .

Categoría:Prehistoriadores Categoría:Personalidades de Cataluña Categoría:Nados en Barcelona Categoría:Nados en 1891 Categoría:Finados en 1974 Categoría:Arqueólogos de España Categoría:Historiadores de Cataluña Categoría:Profesores da Universidade de Barcelona