Foise co vento (en ) é un filme estadounidense de 1939 dirixido por Victor Fleming. É un filme de xénero épico, histórico e romántico adaptado da novela homónima de 1936 escrita por Margaret Mitchell. Foi producido por David O. Selznick de Selznick International Pictures. Ambientado no sur dos Estados Unidos no contexto da guerra civil estadounidense e na era da reconstrución, o filme conta a historia de Scarlett O'Hara, a decidida filla do propietario dunha plantación de Xeorxia. Scarlett está namorada de Ashley Wilkes, quen está casado coa súa curmá, Melanie Hamilton, e conta o seu posterior casamento con Rhett Butler. Está protagonizado por Vivien Leigh (Scarlett), Clark Gable (Rhett), Leslie Howard (Ashley) e Olivia de Havilland (Melanie).
A produción foi difícil dende o comezo. A rodaxe atrasouse dous anos por mor da determinación de Selznick de asegurar a Gable para o papel de Rhett Butler, e a "procura de Scarlett" levou a 1 400 mulleres a seren entrevistadas para o papel. O guión orixinal foi escrito por Sidney Howard e sufriu moitas revisións de varios guionistas nun intento de reducilo a unha lonxitude axeitada. O director orixinal, George Cukor, foi despedido pouco despois de que comezase a filmación e foi substituído por Fleming, quen á súa vez foi substituído brevemente por Sam Wood mentres Fleming tomaba algo de tempo libre para recuperarse do esgotamento.
O filme recibiu valoracións positivas dende a súa estrea en 1939, aínda que algúns críticos considerárono longo de máis. O elenco foi amplamente eloxiado e moitos críticos encontraron a Leigh especialmente axeitada para o seu papel de Scarlett. Na 12ª edición dos Óscar, recibiu dez premios (oito en competición e dous honoríficos) de trece nomeamentos, incluíndo os premios de mellor filme, mellor director (Fleming), mellor guión adaptado (outorgado de maneira póstuma a Sidney Howard), mellor actriz (Leigh) e mellor actriz secundaria (Hattie McDaniel, a primeira afroamericana en gañar un Premio Óscar). Na súa época, estabeleceu récords para o número total de premios e nomeamentos.
Foise co vento gozou dunha gran popularidade cando foi estreado. Converteuse no filme con maiores ganancias realizado até daquela, e mantivo o récord durante máis dun cuarto de século. Cando a súa recadación se axusta á inflación monetaria, aínda é o filme con maior recadación da historia do cinema. Volveuse a estrear de maneira periódica ao longo do século XX e conseguiu un fondo arraigo na cultura popular. Aínda que o filme foi criticada como un exemplo de negacionismo histórico que glorifica a escravitude, tamén se lle atribúe o mérito de ter mudado a maneira na que os afroamericanos eran representados cinematograficamente. É considerado como un dos mellores filmes da historia, situándose entre os dez primeiros postos da lista das mellores películas estadounidenses segundo o American Film Institute. En 1989, a Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos de América escolleuno para a súa preservación no National Film Registry.
Estreouse en galego na Televisión Española o 25 de xullo de 1986. Unha nova versión en galego foi emitida por primeira vez na TVG o 24 de xuño de 2006.
Sinopse miniatura|Scarlett e Rhett no baile de caridade. En 1861, na véspera da guerra civil estadounidense, Scarlett O'Hara (Vivien Leigh) vive en Tara, a plantación de algodón da súa familia en Xeorxia, cos seus pais, dúas irmás e numerosos escravos. Scarlett descobre que o seu amor secreto Ashley Wilkes (Leslie Howard) vai casar coa súa curmá, Melanie Hamilton (Olivia de Havilland). O día seguinte celébrase unha festa de compromiso na casa de Ashley, nunha plantación próxima, e Scarlett tenta achegarse a Ashley, mais é rexeitada; no canto diso, chama a atención doutro convidado, Rhett Butler (Clark Gable). A festa é interrompida pola nova da declaración de guerra e os homes bulen para alistarse. Nun intento por espertar os celos en Ashley, Scarlett casa co irmán máis novo de Melanie, Charles, antes de que marche para loitar. Trala morte de Charles mentres servía no exército dos Estados Confederados, a nai de Scarlett mándaa á casa de Hamilton en Atlanta, onde monta unha escena asistindo a un bazar de caridade co seu traxe de loito e bailando un valse con Rhett, agora un corredor de bloqueo para os Estados Confederados.
A guerra vólvese contra a Confederación despois da batalla de Gettysburg, na que morren moitos dos homes da cidade de Scarlett. Oito meses despois, cando a cidade está asediada polo exército da Unión na campaña de Atlanta, Melanie dá a luz coa axuda de Scarlett, e Rhett axúdalles a fuxir da cidade. Unha vez fóra da cidade, Rhett elixe saír a loitar, deixando a Scarlett que estaba en camiño de volta a Tara. Ao regresar a casa, Scarlett atopa Tara deserta, agás o seu pai, as súas irmás e os antigos escravos Mammy e Pork. Scarlett decátase de que a súa nai acaba de morrer de febre tifoide e que o seu pai perdeu a cabeza. Con Tara saqueada polas tropas da Unión e os campos sen coidar, Scarlett promete garantir a supervivencia de si mesma e da súa familia.
Mentres os O'Haras traballan nos campos de algodón, o pai de Scarlett intenta expulsar un "carpetbagger" da súa terra, mais é guindado do seu cabalo e asasinado. Coa derrota da Confederación, Ashley tamén volve, pero descobre que é de pouca axuda en Tara. Cando Scarlett lle pide que fuxa con ela, confesa o seu desexo e bícaa apaixonadamente, pero di que non pode deixar a Melanie. Incapaz de pagar os impostos reconstrucionistas en Tara, Scarlett engana ao prometido da súa irmá máis nova Suellen, o rico propietario dunha tenda Frank Kennedy, para casar con ela, dicíndolle que Suellen cansou de esperar e que casou con outro pretendente. Frank, Ashley, Rhett e outros varios cómplices realizan unha incursión nocturna nun asentamento irregular despois de que Scarlett foi atacada mentres ía soa por alí, o cal resultou na morte de Frank. Pouco despois do funeral de Frank, Rhett proponlle matrimonio a Scarlett e ela acepta.
Rhett e Scarlett teñen unha filla á que Rhett chama Bonnie Blue, pero Scarlett aínda pensa en Ashley e, desgustada pola perda da súa figura, négase a ter máis fillos ou a compartir cama con Rhett. Un día no muíño de Frank, Scarlett e Ashley son vistos abrazados pola irmá de Ashley, India. Cunha intensa aversión cara a Scarlett, India difunde con ansia os rumores. Máis tarde na mesma noite, Rhett, escoitando os rumores, obriga a Scarlett a asistir a unha festa de aniversario para Ashley. Melanie, con todo, apoia a Scarlett. Despois de regresar a casa da festa, Scarlett atopa a Rhett embaixo embriagado e discuten sobre Ashley. Rhett bica a Scarlett contra a súa vontade, afirmando a súa intención de manter relacións sexuais con ela esa noite, e leva a Scarlett ao cuarto.
Ao día seguinte, Rhett pide desculpas polo seu comportamento e ofrece a Scarlett o divorcio, que ela rexeita, dicindo que sería unha desgraza. Cando Rhett regresa dunha longa viaxe a Londres, Scarlett infórmalle que está embarazada, pero prodúcese unha discusión que fai que caia por un tramo de escaleiras e sufra un aborto espontáneo. Cando se está recuperando, a traxedia ocorre cando Bonnie morre mentres intentaba saltar un valado co seu cabalo. Scarlett e Rhett visitan a Melanie, que sufriu complicacións derivadas dun novo embarazo, no seu leito de morte. Mentres Scarlett consola a Ashley, Rhett prepárase para deixar Atlanta. Ao decatarse de que era el a quen realmente amaba, e non a Ashley, Scarlett suplícalle a Rhett que quede, pero el rexéitaa e marcha cara á néboa da mañá. Unha descarada Scarlett regresa a casa de Tara, xurando que algún día fará que Rhett volva.
Personaxes
Plantación de Tara Thomas Mitchell como Gerald O'Hara Barbara O'Neil como Ellen O'Hara (a súa muller) Vivien Leigh como Scarlett O'Hara (filla) Evelyn Keyes como Suellen O'Hara (filla) Ann Rutherford como Carreen O'Hara (filla) George Reeves como Brent Tarleton (en realidade, Stuart) Fred Crane como Stuart Tarleton (en realidade, Brent) Hattie McDaniel como Mammy (serva da casa) Oscar Polk como Pork (servo da casa) Butterfly McQueen como Prissy (serva da casa) Victor Jory como Jonas Wilkerson (supervisor do campo) Everett Brown como Big Sam (capataz do campo) En Twelve Oaks Howard Hickman como John Wilkes Alicia Rhett como India Wilkes (filla) Leslie Howard como Ashley Wilkes (fillo) Olivia de Havilland como Melanie Hamilton (curmá) Rand Brooks como Charles Hamilton (irmán de Melanie) Carroll Nye como Frank Kennedy (un hóspede) Clark Gable as Rhett Butler (un visitante de Charleston) En Atlanta Laura Hope Crews como tía Pittypat Hamilton Eddie Anderson como tío Peter (o seu cocheiro) Harry Davenport como Dr. Meade Leona Roberts como Mrs. Meade Jane Darwell como Mrs. Merriwether Ona Munson como Belle Watling Papeis secundarios menores Paul Hurst como o desertor ianqui Cammie King como Bonnie Blue Butler J. M. Kerrigan como Johnny Gallagher Jackie Moran como Phil Meade Lillian Kemble-Cooper como enfermeira de Bonnie en Londres Marcella Martin como Cathleen Calvert Mickey Kuhn como Beau Wilkes Irving Bacon como o cabo William Bakewell como oficial montado Isabel Jewell como Emmy Slattery Eric Linden como o caso de amputación Ward Bond como Tom, o capitán ianqui Cliff Edwards como o soldado que lembra Yakima Canutt como o renegado Louis Jean Heydt como o soldado famento sostendo a Beau Wilkes Olin Howland como o empresario alfombrista Robert Elliott como o comandante ianqui Mary Anderson como Maybelle Merriwether
Despois da morte de Olivia de Havilland, que interpretou a Melanie Hamilton, en xullo de 2020 á idade de 104 anos, o único membro do elenco acreditado sobrevivente é Mickey Kuhn, que interpreta o fillo de Ashley e Melanie, Beau.
Produción Antes da publicación da novela, varios executivos e produtoras de Hollywood negáronse a crear un filme baseado nela, incluíndo Louis B. Mayer e Irving Thalberg de Metro-Goldwyn-Mayer (MGM), Pandro Berman de RKO Pictures e David O. Selznick de Selznick International Pictures. A Jack L. Warner de Warner Bros gustoulle a historia, mais a súa grande estrela Bette Davis non estaba interesada, e Darryl Zanuck de 20th Century-Fox non ofrecera cartos abondos. Porén, Selznick cambiou de opinión logo de que o seu editor Kay Brown e o seu compañeiro empresario John Hay Whitney o instaron a mercar os dereitos do filme. En xullo de 1936, un mes despois de que fose publicada a novela, Selznick mercou os dereitos por 50 000 dólares.
Elenco miniatura|Imaxe publicitaria de Clark Gable e Vivien Leigh como Rhett e Scarlett. A selección dos dous papeis protagonistas converteuse nunha tarefa complexa que demorou dous anos. Para o papel de Rhett Butler, Selznick quería a Clark Gable como protagonista, mais Gable estaba en contrato con MGM, quen nunca o cedeu a outros estudios. Gary Cooper tamén foi considerado, mais Samuel Goldwyn, con quen Cooper estaba baixo contrato, negouse a prestalo. Warner ofreceu un paquete de actores composto por Bette Davis, Errol Flynn e Olivia de Havilland para os papeis principais en troques dos dereitos de distribución. Naquel momento, Selznick estaba determinado a conseguir a Gable e en agosto de 1938 chegou a un acordo co seu sogro, o xefe de MGM Louis B. Mayer: MGM proporcionaría a Gable e 1 250 000 dólares como metade do orzamento do filme, e en troques Selznick tería que pagar o salario semanal de Gable; a metade dos beneficios irían a MGM mentres que Loew's, Inc, empresa matriz de MGM, se encargaría de distribuír o filme.