Aguia, Aiga ou Aquila é unha das 48 constelacións listadas por Tolomeo, mencionada tamén por Eudoxo de Cnidos (século IV adC) e Arato (século III adC), e actualmente unha das 88 constelacións recoñecidas pola UAI. Tolomeo catalogou dezanove estrelas conxuntamente nesta constelación e na constelación de Antínoo, esta última xurdida durante o reinado de Hadriano (117 - 138). Ocupaba a parte sur da constelación actual de Aquila ata principios do século XIX cando foi descartada.

Nesta constelación apareceron varias novas importantes. Unha delas, no ano 389, alcanzou o brillo de Venus, e máis recentemente Nova Aquilae 1918, superou en brillo a Altair (α Aquilae).

Estrelas principais

α Aquilae (Altair), a vixésima estrela en brillo con magnitude 0,76; xunto con Deneb do Cisne e Vega da Lyra forma o Triángulo estival ou de verán. β Aquilae (Alshain), de magnitude 3,71, subxigante amarela lixeiramente variable. γ Aquilae (Tarazed ou Tarazet), situada 2º ó norte de Altair e segunda estrela máis brillante da constelación con magnitude 2,72. δ Aquilae, de magnitude 3,36, sistema estelar dobre ou triplo onde a súa estrela visible é unha subxigante branco-amarela. ε Aquilae, sistema estelar triplo onde a súa compoñente principal é unha xigante laranxa. ζ Aquilae (Deneb el Okab), con magnitude 2,99 é a terceira estrela máis brillante da constelación. η Aquilae, estrela variable, unha das cefeidas clásicas máis brillantes, cunha magnitude que cambia de 3,6 a 4,6 nun período de 7 días. π Aquilae, estrela dobre de sexta magnitude localizada 3º ó norte de Altair. σ Aquilae, variable eclípsante que cambia 0,2 magnitudes en 47 horas. 15 Aquilae, estrela dobre; os seus compoñentes de magnitude 5,40 e 7 pódense ver cun pequeno telescopio. Wolf 1055 (Gliese 752), estrela binaria a 19 anos luz composta por dúas ananas vermellas, unha delas, coñecida coma Estrela de Van Biesbroeck, é unha das máis tenues que se coñecen.

Obxectos notables do espazo profundo

NGC 6751, nebulosa planetaria onde a súa estrela central ten unha temperatura efectiva de 140.000 K. NGC 6790, nebulosa planetaria que visualmente presenta un aspecto uniforme. NGC 6803. AR: 19h 31m 18.0s Dec: +10°03'00" (Época 2000). Nebulosa planetaria, vese coma un disco apagado. NGC 6804. AR: 19h 31m 36.0s Dec: +09°13'00" (Época 2000) Nebulosa planetaria próxima á anterior. NGC 6781. AR: 19h 18m 24.0s Dec: +06°33'00" (Época 2000). Nebulosa planetaria 8º ó suroeste de Altair (α Aquilae). NGC 6709. AR: 18h 51m 30.0s Dec: +10°21'00" (Época 2000). Cúmulo aberto de 40 estrelas. Localizado a 5º de ζ Aquilae. B143, nebulosa escura visible con telescopios grandes e medianos.

Mitoloxía

esquerda|100px|miniatura|As constelacións de Aquila e Antinoo.

Na mitoloxía grega a constelación representaba a aguia, único animal que é capaz de voar de cara ós raios do sol. Foi enviada por Zeus a que levara o mozo e fermoso Ganímedes ó Monte Olimpo para servir de copeiro dos deuses. Segundo outras versións, foi o mesmo Zeus o que se transformou en aguia.

No hinduísmo, a constelación de Aquila identificase coa deidade, metade aguia e metade humana, de Garuda.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas The Deep Photographic Guide to the Constellations: Aquila NightSkyInfo.com: Constellation Aquila WIKISKY.ORG: Aquila constellation Star Tales – Aquila

Categoría:Constelacións