Wilhelm Meyer-Lübke, nado en Dübendorf o 30 de xaneiro de 1861 e finado en Bonn o 4 de outubro de 1936, foi un lingüista neogramático e romanista de orixe suíza.
Traxectoria Discípulo do pai da romanística científica, Friedrich Diez. Foi profesor das universidades de Jena, Viena e Bonn. Seguiu a teoría de Gustav Gröber, adaptando o método comparatista da investigación das indoeuropeo ás linguas románicas, no estudo das cales introduciu principios de sistematización.
Criticismo sobre a actuación do substrato Mantivo un grande escepticismo cara a actuación do substrato nas explicacións dos cambios fonéticos. Observou que non se sabía abondo das linguas prerromanas: (osco e umbro na Italia central e meridional; galo, na Italia setentrional e na mesma Galia; ibero, en Hispania); non se sabía nada con certeza da lingua dos sardos e moi pouco da lingua prerromana da Dacia ou do Véneto. Unha das influencias de substrato céltico admitida naquela altura, era a mutación de [u] en [ü]. Esta mudanza obsérvase en francés, occitano, piemontés, lígur, lombardo, en parte dos dialectos da Emilia, en romanche e retorrománico engadinés, ademais de en galés, holandés, os dialectos alemáns de Alsacia, de parte de Brisgobia e do Vallese. Todas estas zonas foran habitadas polos celtas, mais a coincidencia entre a isoglosa e a área celta é menos precisa do que semella. Mais aínda admitindo a identidade da isoglosa moderna con área antigamente ocupada polos celtas, habería que demostrar que a isoglosa é antiga e que a coincidencia remonta efectivamente á época na que os celtas aprenderan latín. Ademais demostrouse que o fenómeno en occitano é posterior á época medieval, e parece fenómeno tardío tamén noutras zonas periféricas da Galorromania, desde Savoia até Normandía. A área actual da mudanza u>ü é resultado dunha expansión efectuada a partir dun núcleo orixinario pequeno, e mesmo se estendeu até o vasco de Iparralde.
De todos os fenómenos atribuídos á influencia do substrato céltico, os que resultaban máis seguros para Meyer-Lübke eran o paso de -CT- a -it- e a nasalización das vogais. A influxo osco-umbro, Meyer-Lübke atribuía dous fenómenos seguros: a sonorización das oclusivas xordas despois de nasal, e máis a asimilación -ND- > -nn-. Na Península Ibérica estudou o cambio do F- inicial que non desaparece diante do -r- nin diante do ditongo castelán ue procedente de O. En conclusión, Meyer-Lübke consideraba que antes de avanzar a hipótese da influencia do substrato deberían de cumprirse tres operacións preliminares:
Comprobar as condicións de vida real da poboación da zona onde aparece o fenómeno, ou ben das relacións exactas que mantiñan romanos e autóctonos. Comprobar a antigüidade do fenómeno na zona afectada. Analizar rigorosamente as diversas realizacións articulatorias de sons aparentemente idénticos.
A clasificación do catalán Seguindo ao seu mestre Friedrich Diez, en 1890 asignou á lingua catalá o status de dialecto do occitano (denominado daquela provenzal) na súa obra Grammatik der romanischen Sprachen (Gramática das Linguas Románicas), na que afirma: "Ao leste a transición se produce paulatinamente co catalán no Rosellón: Esta última variedade (parlen), que non é máis que un dialecto provenzal...." (p. 14). Porén, abandonou esta opinión en 1925, e emprega de maneira xeral o nome de "lingua catalá", mais afirmando as concordancias co occitano de todo o conxunto idiomático de Cataluña, o País Valenciano e as Baleares. Este cambio foi fundamental para o recoñecemento do catalán como unha lingua independente.
No seu estudo monográfico sobre do catalán (Das Katalanische) (1925), Meyer-Lübke comparou este idioma co castelán e o occitano e tirou a conclusión de que o catalán era unha lingua do grupo galorrománico. Con esta opinión comezou unha polémica sobre a subagrupación románica do catalán, xusto logo do seu recoñecemento como lingua independente, e sobre todo pola coincidencia cronolóxica da obra de Meyer-Lübke coa edición de Orígenes del español de Ramón Menéndez Pidal (1926), obra na que este filólogo español desenvolvía a tese da clasificación do catalán como lingua iberorrománica.
Obras Die Schicksale des lateinischen Neutrums im Romanischen (A cuestión do neutro latino na Romania) (Halle, 1883). Grammatik der romanischen Sprachen (Gramática das linguas románicas) (Estrasburg, 1890-1902), 4 vols. Italienische Grammatik (Leipzig, 1890). Historische Grammatik der französischen Sprachen (1898). Romanische Syntax (Leipzig, 1899). Einführung in das Studium der romanischen Sprachwissenschaft (Introdución ao estudo da lingüística románica (Heidelberg, 1901). Die Aussprache des Altprovenzalischen U (A pronunciación do U en antigo provenzal), in Mélanges Wilmotte (París, 1909). Romanisches etymologisches Wörterbuch (Dicionario etimolóxico das linguas románicas) (1911-1920), en trece entregas. "Gedanken über die Anlage des von Mn. A. M. Alcover unternommenen Diccionari català-valencià-balear", Bolletí del Diccionari de la Llengua Catalana XIII (juliol-agost 1923), p. 72-94. Das Katalanische. Seine Stellung zum Spanischen und Provenzalischen, sprachwissenchftlich und historisch dargestellt (O catalán. A súa situación perante o español e o provenzal) (Heidelberg, 1925).
Véxase tamén Bibliografía Calaforra i Castellano, Guillem: Wilhelm Meyer-Lübke i Das Katalanische: introducció i traducció. Barcelona, Institut d’Estudis Catalans. ISBN 84-7283-403-4
Categoría:Lingüistas de Suíza Categoría:Nados no cantón de Zürich Categoría:Nados en 1861 Categoría:Finados en 1936