Ignacio Martín-Esperanza Tejada, nado en Verín o 5 de xuño de 1936, é un exfutbolista e exadestrador galego. Xogaba de dianteiro e foi un dos membros máis destacados do Pontevedra na década de 1960, na época coñecida como a do "Hai que roelo", na que o equipo militou durante varias tempadas na Primeira División.

Traxectoria

Como futbolista

Real Madrid Fillo do capitán de carabineiros Ignacio Martín-Esperanza Albareda e de María Tejada Gómez, comezou xogando ao fútbol no Verín, e aos 18 anos ingresou no Real Madrid. Militou no filial do club branco, o Plus Ultra, en Segunda División, e saíu cedido dúas tempadas a dous equipos tamén de Segunda: o La Felguera e o Atlético Ceuta. Sumou 105 partidos e 31 goles na categoría de prata entre 1956 e 1960.

Betis e Algeciras En 1960 fichou polo Betis, co que debutou na Primeira División o 11 de setembro, nun partido en que os béticos gañaron por 2-0 ao Mallorca. Titular indiscutible na súa primeira tempada en Sevilla, con Ferdinand Daučík no banco, unha grave lesión sufrida no Camp Nou en outubro de 1961 cortou a súa progresión. Trala lesión disputou só 9 partidos máis no equipo andaluz en case dúas tempadas. Na segunda metade da tempada 1962/63 foi traspasado ao Algeciras, da Terceira División, que pagou por el 250.000 pesetas. Foi unha peza clave para que o equipo lograse na fase de promoción o segundo ascenso á Segunda División da súa historia.

Pontevedra En 1963 fichou polo Pontevedra, que se preparaba para debutar na Primeira División. Disputou completos todos os encontros da tempada, e marcou un total de 8 goles, pero o equipo acabou descendendo. Con todo, volveu subir na seguinte campaña, tras proclamarse campión de Segunda, e mantívose durante cinco anos máis na elite, na época do Pontevedra que pasou á historia como a do "Hai que roelo". Xogou un total de 172 partidos oficiais co Pontevedra, co que marcou 21 goles.

Como adestrador Pouco despois de colgar as botas comezou a súa carreira como adestrador. En xaneiro de 1973 colleu as rendas do Pontevedra en substitución do cesado Caeiro, pero non puido salvar o equipo do descenso a Terceira. Continuou á fronte do equipo na seguinte tempada, pero foi cesado despois de 11 xornadas, co equipo na quinta posición. En xuño de 1974 asinou como novo adestrador do Lugo, ao que dirixiu durante dúas campañas na Terceira División.

Nas tempada 1976/77 e 1977/78 adestrou o Algeciras, conseguindo na segunda delas o ascenso á Segunda División, 15 anos despois de que o lograse como xogador no mesmo club. Nos seguintes anos pasou polo Lleida e o Figueres, antes de regresar en 1982 ao Lugo, ao que adestrou durante unha tempada máis. A continuación adestrou o Hospitalet, o Portonovo e o Atlético Baleares, e entre 1993 e 1994 exerceu como secretario técnico do Pontevedra. En 1999 volveu brevemente ao banco do club granate, pero dimitiu por sorpresa despois de só 6 xornadas, molesto porque o seu método de traballo fose cuestionado. Continuou no club como director deportivo ata o ano 2001.

Notas

Categoría:Nados en 1936 Categoría:Nados en Verín Categoría:Futbolistas da provincia de Ourense Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do AD Ceuta Categoría:Xogadores do Real Betis Balompié Categoría:Xogadores do Algeciras CF Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Pontevedra CF Categoría:Adestradores do Pontevedra CF B Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores do Algeciras CF Categoría:Adestradores do UE Lleida Categoría:Adestradores da UE Figueres Categoría:Adestradores do CE L'Hospitalet Categoría:Adestradores do Portonovo SD Categoría:Adestradores do Atlético Baleares Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Directores deportivos de fútbol de Galicia