O Reino de Nápoles foi un reino que ocupou os territorios da Italia meridional (Nápoles) e durante algúns períodos tamén a illa de Sicilia. En 1442 Afonso V, rei de Aragón, conquistou Nápoles que foi un dominio da dinastía Anxevina dende o ano 1266. Dende o século XV, Nápoles estivo en poder tanto de Aragón, Francia (durante un curto prazo), España e Austria e finalmente independente dende 1734 ata 1860, ano no que quedou incorporado ao proceso de unificación de Italia. Respecto de Sicilia foi un dominio da dinastía normanda de Hauteville desde o ano 1071, pasou a ser dominio dos Hohenstaufen en 1194, da dinastía Anxevina en 1266 e dominio aragonés dende 1282.

Historia

Afonso V, Rei de Aragón conquistou en 1443 o Reino de Nápoles controlado ata entón pola Dinastía Anxevina. A Afonso V sucedeuno o seu fillo Fernando I quen sería tan só Rei de Sicilia. Este reino continuou en mans dos seus descendentes ata que, en 1504, Fernando o Católico (Rei de Aragón, de Sicilia e de Castela), reintegrou o Reino de Nápoles á Coroa de Aragón. Logo integráronse os territorios á recentemente nada España.

Dende 1504 ata 1713 o Reino de Nápoles é parte do Reino de España. Á morte de Fernando o Católico, o seu neto Carlos herdou o trono, comezando así a Casa de Austria. A Carlos sucedéronlle os seus herdeiros aínda que cabe sinalar que os Reinos de Nápoles e Sicilia foron gobernados directamente por Vicerreis de nomeamento real.

Ao morrer Carlos II sen herdeiros, nomeou como o seu sucesor a Filipe de Borbón, neto de Lois XIV de Francia. A candidatura ao trono do arquiduque Carlos de Austria era apoiada por Inglaterra, Austria e as Provincias Unidas, que temían a unión de Francia e España, e, polos territorios da Coroa de Aragón, que temían o centralismo borbónico. Esta situación desencadeou a Guerra de Sucesión española (1700-1713). A contenda rematou coa Paz de Utrecht, pola que Filipe convertíase en Rei de España, mais tódalas posesións europeas cedíanse aos aliados. O Reino de Nápoles cedeuse a Austria e foi gobernado polo arquiduque Carlos, entón xa convertido en Carlos VI do Sacro Imperio Romano Xermánico.

Os Borbóns nas Dúas Sicilias

En 1734, Carlos de Borbón, por entón Duque de Toscana e fillo de Filipe V de España, logo de vencer aos austríacos, apoderouse de Nápoles coa axuda española, recuperando o territorio para os Borbóns e sendo recoñecido moi pronto por Francia (en virtude do Primeiro Pacto de Familia). En 1737 recoñecérono tamén os Estados Pontificios e, a continuación, o resto dos Estados italianos.

Carlos VII de Borbón e a súa dona María Amalia de Saxonia foron moi queridos polos seus súbditos e eles traballaron para gañarse ese agarimo, ao pouco tempo de ser o Rei trouxo reformas e a modernidade ao seu novo país, logrando axiña a unidade do pobo e o favoritismo deste para o seu Rei. Tanto el como os seus descendentes lograron gobernar, reformar e modernizar ao novo estado e ademais lograron o que moi poucos gobernantes puideron que é o amor dos suxeitos que ningunha outra dinastía tivo no curso dos séculos (se non de xeito menor), e que se manifestou abertamente durante os anos da invasión napoleónica e durante os seguintes á caída do Reino en mans dos Savoia, para lograr a unificación de Italia. En 1816, o fillo e sucesor no trono napolitano de Carlos VII (III de España), Fernando IV cambiou a denominación do Reino, Nápoles-Sicilia, por Dúas-Sicilias.

Finalmente Francisco II, tras perder o apoio do pobo e sufrir varias derrotas a mans dos Camisas Vermellas de Garibaldi vese forzado a capitular e entregar os seus territorios a Vítor Manuel II de Piemonte-Sardeña en 1860, que nun futuro pasará a ser o novo rei dunha Italia unificada. Con esta conquista, o Reino das Dúas Sicilias deixa de existir como estado independente.

Véxase tamén

Reino de Sicilia. Reino das Dúas Sicilias. Historia de Italia.

Nápoles Categoría:Historia de Nápoles Categoría:Historia de Italia Categoría:Estados desaparecidos da Península Itálica Categoría:Estados cristiáns Categoría:Estados da Idade Media Categoría:Estados da Idade Moderna