A Dinastía Savoia ou Casa de Savoia é unha dinastía que tradicionalmente tiña a súa orixe en Savoia, e que reinou en Italia, dende a súa fundación coma reino en 1861 despois da súa unificación ata a instauración da República Italiana no ano 1946.

Condado de Savoia

Foi fundada por un nobre borgoñón, Humberto o da Man Branca (morreu aproximadamente en 1048), quen obtivo para o seu fillo Odón o título de Conde de Savoia, con dominios no norte da península italiana. Este último, a través do seu matrimonio con Adelaida, herdeira de Turín no Piemonte, logrou espallar os dominios da súa Casa. Nos seguintes tres séculos, a familia logrou estender os seus dominios en Francia, Italia e Suíza. No século XIII, Niza pasou a mans da familia, dando a Savoia unha saída ao mar.

Ducado de Savoia

En 1416, Amadeu VIII, Conde de Savoia, a través do apoio do Sacro Emperador Romano Sexismundo, estableceu o Ducado de Savoia establecéndose coma o seu primeiro duque. Amadeu abdicou en 1434, herdando o ducado o seu fillo Luís tralo cal fundaría unha orde relixiosa en Italia, sendo elixido Sumo Pontífice polo Concilio de Basilea co nome de Fiz V en 1440, renunciando ao posto nove anos máis tarde.

Cara ao 1536, a autoridade dos Duques de Savoia sobre Xenebra rematara, perdendo a Casa tódalas súas posesións en Suíza. Ese mesmo ano, Francisco I, rei de Francia, invadiu e ocupou o resto de posesións da familia. Con todo, coa derrota de Francia fronte España en 1559, a Paz de Cateau-Cambrésis restituíu as terras a Manuel Filiberto, décimo duque de Savoia.

Reino de Sardeña e Piemonte

Baixo Vítor Amadeu II, Savoia uniuse ás guerras contra Lois XIV de Francia a finais do século XVII. Aínda que os franceses lograron moitas concesións dos Duques, Savoia uniuse á Grande Alianza contra Luís. En 1696, polo Tratado de Turín, Savoia pechou a paz con Francia e abandonou a Grande Alianza. Grazas, con todo, a que Vítor Amadeu uniuse a Austria (1703) de novo en contra de Francia na Guerra de Sucesión Española, os franceses invadiron e devastaron o Piemonte, pero finalmente foron expulsados por Vítor Amadeu e o seu curmán austríaco, o xeneral Uxío, Príncipe de Savoia, no asedio a Turín. Polo tratado de Utrecht, Vítor Amadeu recobrou tódalas terras tomadas por Francia no Piemonte, ademais de gañar o dominio de Sicilia e o título de Rei de Sicilia. Ademais, a metade da provincia de Montferrato que non fora cedida a Savoia en 1631 foi cedida á Coroa por Austria. En 1720, Savoia intercambiou a posesión de Sicilia pola de Sardeña pertencente a Austria, e Vítor Amadeu foi coroado como Rei de Sardeña.

Reino de Italia

En 1831, Carlos Alberte de Savoia foi coroado Rei de Sardeña e Duque de Savoia. En 1849, abdicou a favor do seu fillo, Vítor Manuel II quen cedeu o Ducado de Savoia e a cidade de Niza a Francia en 1860 e foi coroado Rei de Italia en 1861. Foi sucedido en 1878 por Humberto I, quen foi asasinado en 1900. O seu fillo, Vítor Manuel III abdicou en maio de 1946 a favor do herdeiro da Coroa, Humberto II, quen gobernou ata xuño dese ano, cando Italia foi proclamada república tras un plebiscito no que ademais manifestouse o rexeitamento dos italianos á tolerancia que os Savoia tiveron con Mussolini e o fascismo. Humberto II e o seu fillo, Vítor Manuel foron vivir a Portugal pouco despois. Vítor Manuel III morreu en Alexandría, Exipto en 1947.

Vítor Manuel de Savoia e Saxonia Coburgo (n. 1937), fillo de Humberto II, é a actual cabeza da Casa Real de Savoia. No ano 2002 foille permitido volver a Italia, rexeitando ao seu dereito ao Trono, e como un cidadán regular e leal da República Italiana.

Dende o palacio dos Papas, no Quirinal de Roma, á prisión de Potenza. Vítor Manuel de Savoia, herdeiro da monarquía italiana, suprimida en 1946, ingresou o 17 de xuño de 2006 no cárcere daquela cidade meridional, acusado de ter corrompido a funcionarios públicos e de organizar un bordel ambulante.

Trala súa detención, a Consulta de Senadores do Reino de Italia, organismo creado por Humberto II en 1955 (existindo xa a República Italiana) depuxo a Vítor Manuel como Xefe da Casa de Savoia en favor do seu curmán e rival Amadeu de Aosta, alegando que Vítor Manuel casara cunha muller sen título nobiliario sen pedir permiso ao seu pai Humberto II, o derradeiro rei, aínda que isto sucedera 30 anos atrás.

Liña Condes de Savoia 1003-1047 ou1048: Humberto I de Savoia. 1048-1051 ou 1056: Amadeu I, fillo do anterior. 1051 ovo 1056-1060: Odón I, irmán do anterior. rexencia 1060-1091: Adelaida de Susa, esposa do anterior. 1060-1078: Pedro I, fillo do anterior. 1060-1080: Amadeu II, irmán do anterior. 1080-1103: Humberto II, fillo do anterior. 1103-1148: Amadeu III, fillo do anterior. 1148-1189: Humberto III, fillo do anterior. 1189-1233: Tomé I, fillo do anterior. 1233-1253: Amadeu IV, fillo do anterior. 1253-1263: Bonifacio I, fillo do anterior. rexencia 1253-1259: Tomé II, fillo de Tomé I de Savoia. 1263-1268: Pedro II, fillo de Tomé I de Savoia. 1268-1285: Filipe I, irmán do anterior. 1285-1323: Amadeu V, fillo de Tomé II de Savoia. 1323-1329: Eduardo, fillo do anterior. 1329-1343: Aimone, irmán do anterior. 1343-1383: Amadeu VI, fillo do anterior. 1383-1391: Amadeu VII, fillo do anterior. 1391-1416: Amadeu VIII, fillo do anterior. o 1416 o emperador Sexismundo I elevou o título a Duque de Savoia.

Duques de Savoia

1416-1440: Amadeu VIII. 1440-1465: Lois I, fillo do anterior. 1465-1472: Amadeu IX, fillo do anterior. 1472-1482: Filiberto I, fillo do anterior. 1482-1490: Carlos I, irmán do anterior. 1490-1496: Carlos II, fillo do anterior. 1496-1497: Filipe II, fillo de Lois I 1497-1504: Filiberto II, fillo do anterior. 1504-1553: Carlos III, irmán do anterior. 1553-1580: Manuel Filiberto, fillo do anterior. 1580-1630: Carlo Manuel I, fillo do anterior. 1630-1637: Vítor Amadeu I, fillo do anterior. 1637-1638: Francisco de Savoia, fillo do anterior. rexencia 1637-1663: María Cristina de Francia, esposa de Vítor Amadeu I 1638-1675: Carlos Manuel II, irmán do anterior 1675-1720: Vítor Amadeu II, fillo do anterior o 1713 convértese en Rei de Sicilia e o 1720 convértese no rei do Reino de Sardeña-Piemonte

Reis de Sardeña-Piemonte 1720-1730: Vítor Amadeu II. 1730-1773: Carlos Manuel III, fillo do anterior. 1773-1796: Vítor Amadeu III, fillo do anterior. 1796-1802: Carlos Manuel IV, fillo do anterior. 1802-1821: Vítor Manuel I, irmán do anterior. 1821-1831: Carlos Fiz, irmán do anterior.

Póla Savoia-Carignano, descendentes de Carlos Manuel I. 1831-1849: Carlos Alberte I. 1849-1861: Vítor Manuel II, fillo do anterior. o 1861 remata a unificación italiana sendo nomeado rei de Italia.

dereita|miniatura|Bandeira do Reino de Italia (1961-1946)

Reis de Italia 1861-1878: Vítor Manuel II. 1878-1900: Humberto I, fillo do anterior. 1900-1946: Vítor Manuel III, fillo do anterior. 1946 Humberto II, fillo do anterior (derradeiro rei de Italia).

Gobernantes doutros estados 1871-1873: Amadeu I de España, rei de España e fillo de Vítor Manuel II de Italia. 1941-1943 Tomislav II, rei do Estado Independente de Croacia e neto de Amadeu I de España.

Véxase tamén

Outros artigos Savoia. Alta Savoia. Condado de Savoia. Ducado de Savoia. Reino de Sardeña-Piemonte. Unificación de Italia. Historia de Italia.

Ligazóns externas Portal Oficial da Casa Real de Savoia

Categoría:Casa de Savoia Categoría:Historia moderna de Italia Categoría:Historia de Francia Categoría:Historia contemporánea de España Categoría:Historia de Croacia Categoría:Historia contemporánea de Italia Categoría:Historia de España do século XIX Categoría:Historia de Italia do século XIX