Osa Menor, Carriño ou Carro Pequeno, é unha das constelacións máis coñecidas do hemisferio norte. Consta de sete estrelas coa forma de carro; catro delas formarían o que sería a parte fonda do carro e as outras tres serían o que sería o mastro do carro.

O elemento máis coñecido da Osa Menor é a estrela Polar, a cal atópase na prolongación do eixe da Terra, de modo que está fixa no ceo e sinala o Polo Norte xeográfico, polo que ten sido empregada polos navegantes coma punto de referencia na súas viaxes. Á parte da estrela Polar, a Osa Menor carece de elementos de interese para o afeccionado á astronomía.

Dada a súa situación, a Osa Menor só pode verse no hemisferio norte, pero a cambio, nese hemisferio pódese ver todo o ano. Xunto coa súa compañeira a Osa Maior, é un dos elementos máis característicos do firmamento do hemisferio norte.

Mitoloxía Na mitoloxía grega hai varias versións sobre a orixe da Osa Menor. Nunha delas sería Fénice, transformada en osa por Artemisa tras ser seducida por Zeus. Este relato é moi semellante ó de Calisto, que foi catasterizada na Osa Maior e por isto algúns autores cren que orixinalmente debeu existir un relato con dous catasterismos dun mesmo personaxe (Zeus convertería a Calisto na Osa Maior e posteriormente Artemisa convertería a Calisto na Osa Menor).

Noutra versión dise que se trataba de Cinosura, ama de Zeus e ninfa do monte Ida.

Estrelas principais α Ursae Minoris (Polaris, Estrela Polar ou Estrela do Norte), a estrela máis brillante da constelación, unha superxigante amarela e variable cefeida de magnitude 1,97. β Ursae Minoris (Kochab), de magnitude 2.07, unha estrela xigante laranxa que antigamente foi utilizada coma estrela polar. γ Ursae Minoris (Pherkad), de magnitude 3.00, estrela branca e variable do tipo Delta Scuti. δ Ursae Minoris (Yildun ou Pherkard), estrela branca da secuencia principal de magnitude 4,35. ε Ursae Minoris, binaria eclípsante e variable RS Canum Venaticorum de magnitude 4,21. ζ Ursae Minoris (Alifa al Farkadain), estrela branca de magnitude 4,32. η Ursae Minoris (Anwar al Farkadain), anana branco-amarela de magnitude 4,95. λ Ursae Minoris, xigante vermella de magnitude 6,38. RR Ursae Minoris, xigante vermella e variable semirregular; o seu brillo varía entre magnitude 4,53 e 4,73. Calvera, nome informal da que se pensa que pode se-la estrela de neutróns máis próxima á Terra.

Obxectos Notables do espazo profundo NGC 6217, galaxia espiral de brillo superficial 14 e tamaño aparente 3,6' x 3,6'. NGC 5832, galaxia espiral barrada máis cativa cá anterior. Galaxia Anana da Osa Menor, pertencente ó Grupo Local e localizada 4,5º ó sur de Pherkad (γ Ursae Minoris).

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Osa Maior Setentrión Estrela Polar

Ligazóns externas The Deep Photographic Guide to the Constellations: Ursa Minor Star Tales – Ursa Minor

Categoría:Constelacións