Ambosores320pxIgrexa parroquial de Santa María no lugar da Igrexa.Diocese:Mondoñedo-FerrolArciprestadoViveiroÁrea: 8 km²Poboación: 22 hab. (2014)Densidade: 2.75 hab./km²Entidades de poboación: 24
Santa María de Ambosores é unha parroquia eclesiástica pertencente ao arciprestado de Viveiro e á diocese de Mondoñedo-Ferrol, e que ten as súas terras e os seus lugares repartidos entre catro concellos de dúas provincias: Muras e Ourol da Lugo, e Mañón e As Pontes de García Rodríguez da Coruña. Segundo o IGE, no ano 2014 tiña 22 habitantes (14 homes e 8 mulleres).
Os 24 lugares da parroquia, moitos deles despoboados, son: Ameixeiras, Couce dos Mouros, O Mouriscón, Pena do Mouriscón, O Rego e Santar de Baixo no concello de Muras. Ambosores, Baroso, A Beira da Fraga, O Cabezón, A Carcallosa, A Cereixiña, Entrambosores, A Ferraxosa, A Fraga Chá, A Igrexa, O Outeiro, A Ribeira da Señora, Santar e Toxoso no concello de Ourol. Ambosores e A Ribeira do Bispo no concello de Mañón. E finalmente A Casanova e Niño do Azor no concello das Pontes. Os catro lugares que se achan na provincia da Coruña están despoboados, polo que se pode considerar que a parroquia se estende só polos dous concellos da provincia de Lugo.
Etimoloxía O nome da parroquia fai referencia aos dous ríos que se unen para formar o río Sor: o río Tras da Serra que nace no concello das Pontes e o de Santar que nace en terras de Muras. O primeiro deles fai de fronteira natural entre as provincias da Coruña e Lugo pouco despois do seu nacemento, e o segundo atravesa a parroquia de leste a oeste facendo tamén de fronteira natural entre os concellos de Muras e Ourol. Logo da unión, o río Sor segue sendo a fronteira natural das dúas provincias ata a súa desembocadura na ría do Barqueiro.
Historia A parroquia foi creada en 1895 dunha segregación da parroquia de San Pantaleón de Cabanas.
Patrimonio Igrexa parroquial: Situada no lugar da Igrexa (Ambosores, Ourol). Data do ano 1906 e ten planta de cruz latina. Cruceiro: Está na entrada ao cemiterio e é unha doazón de Luis Castelo e Cayetana Otero no ano 1908, segundo unha inscrición na base. Fonte lustral de Santa Lucía, preto da igrexa.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Ambosores, Muras Ambosores, Ourol
Categoría:Parroquias eclesiásticas divididas entre dous concellos Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía