Rita Amparo López Jean, nada en Vilaboa (Culleredo) o 30 de outubro de 1885 e finada en Montauban (Francia) o 12 de novembro de 1942, foi unha activista galeguista, presidenta da Agrupación Republicana Femenina da Coruña.
Traxectoria Filla de Adela Jeán Toca e de Sabino María López, avogado e secretario do concello de Culleredo, criouse en Vilaboa, onde a súa nai era mestra. Anos máis tarde trasladouse coa nai, xa viúva, á Coruña. Nesta cidade matriculouse no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña e posteriormente estudou Maxisterio. Ao mesmo tempo estudou canto e piano baixo a dirección de Xosé Baldomir e pintura con Máximo Ramos. Casada co coñecido político republicano César Alvajar, tivo un papel moi destacado na Agrupación Republicana Femenina entre 1933 e 1936, da que foi secretaria e presidenta. En 1935 ingresou no Partido Galeguista. miniatura|Tumba de Amparo López Jean no cemiterio de Santo Amaro da Coruña. Co triunfo da Fronte Popular trasladouse a Soria, onde o seu home fora nomeado Gobernador Civil. Durante a guerra civil o matrimonio viviu en Madrid, Valencia e Barcelona. En Barcelona foi nomeada Secretaria Xeral do Grupo Feminino Galeguista.
Rematada a guerra, exiliouse en Francia, na localidade de Vimoutiers, e tras a ocupación nazi viviu en Vichy e Montauban. Morreu en 1942. Os seus restos foron trasladados ao cemiterio de Santo Amaro no 2006.
Foi a nai de Amparo, Ana María, Javier e María Teresa Alvajar.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas Rita Amparo López Jean . Agrupación Cultural Alexandre Bóveda. 20/08/2019 "Mulleres de Culleredo: Amparo López Jean"
Categoría:Exilio galego Categoría:Nados en Culleredo Categoría:Nados en 1885 Categoría:Finados en 1942 Categoría:Políticos do Partido Galeguista Categoría:Feministas de Galicia