Miriam Makeba, nada o 4 de marzo de 1932 en Xohanesburgo e finada o 10 de novembro de 2008 na cidade italiana de Castel Volturno, foi unha cantante surafricana, coñecida tamén como Mama Afrika.
Vida Zensile Makeba Qgwashu Nguvama Yiketheli Nxgowa Bantana Balomzi Xa Ufnu Ubajabulisa Ubaphekeli Mbiza Yotshwala Sithi Xa Saku Qgiba Ukutja Sithathe Izitsha Sizi Khabe Singama Lawu Singama Qgwashu Singama Nqamla Nqgithi"Letters to the Editor ", Time, 5/10/1983, chamada Miriam Makeba, era filla dunha curandeira suaci e dun xhosa que morreu cando ela era unha nena. Segundo a tradición, o seu nome contén os nomes propios de todos os seus devanceiros homes, ademais dunha ou dúas palabras que describen o seu carácter.
Comezou a cantar de pícara, na Kilmerton Training Institute de Pretoria. Posteriormente, xa de moza comezou a xirar cun grupo non profesional ata que se integrou nos Manhattan Brothers nos anos cincuenta. A partir dese momento xa só se dedicou á música, e axiña formou o seu primeiro grupo, The Skylarks (As lavercas), onde cantaba unha mestura de jazz e melodías tradicionais de Suráfrica.
En 1959, actuou no musical King Kong canda Hugh Masekela, con quen logo casaría. Nesa época tamén participa no documental anti-apartheid Come back, Africa, que ela mesma presentará no Festival de Cine de Venecia en 1959. A raíz dos problemas que lle trouxo ese filme e das dificultades económicas, abandona Suráfrica e instálase en Londres, onde coñece a Harry Belafonte, quen a axuda a entrar e instalarse nos Estados Unidos. É neste país onde publica na década dos sesenta as súas cancións máis famosas: Pata Pata, The Click Song (Qongqothwane en xhosa), e Malaika. En 1966, Makeba recibe un Grammy na categoría de mellor gravación tradicional ou étnica, canda Belafonte polo disco An Evening With Belafonte/Makeba. O álbum contiña letras e mensaxes reivindicativas da loita contra o apartheid da poboación negra en Suráfrica.
Cando en 1960 quixo enterrar a súa nai en Suráfrica decatouse de que o seu pasaporte fora revogado polas autoridades do apartheid. En 1963 falou contra o apartheid nas Nacións Unidas, e prohibíronlle a entrada en Suráfrica. Ao longo da súa vida recibiu nove pasaportes distintos, e foi cidadá de honra de dez países.
En 1968, xa separada do seu primeiro home, casou con Stokely Carmichael, un activista dos Panteras negras nado en Trinidad e Tobago. Este foi o motivo de que se rompesen os contratos de gravación que tiña nos Estados Unidos e de que tivese que cancelar as súas xiras de concertos. Mudáronse os dous a Guinea, que daquela acababa de conseguir a independencia, e integráronse no círculo persoal do presidente Ahmed Sékou Touré. Makeba separouse de Carmichael en 1973 e continuou a actuar sobre todo en África, Suramérica e Europa. Participou como cantante na velada do combate Rumble in the Jungle, que enfrontou os púxiles Muhammad Ali e George Foreman en Zaire en 1974. Tamén foi nesa época representante de Guinea ante as Nacións Unidas.
Ao que lle morre a única filla, en 1985, trasládase a Bruxelas. En 1987 participa na xira do álbum de Paul Simon Graceland. Ese mesmo ano publica o libro da súa autobiografía: Makeba: My Story. En 1990, Nelson Mandela convenceuna de volver a Suráfrica e de vivir no país logo da caída do réxime do apartheid. En 2008, logo de participar nun concerto de apoio ao escritor italiano Roberto Saviano, perseguido pola camorra, cando se estaba despedindo no escenario, faleceu dun ataque cardíacoMiriam Makeba muere en Caserta tras cantar contra la Camorra, El País, 10/11/08.
Participación en filmes e televisión No documental Come back, Africa, (1959), de Lionel Rogosin. Intervén nun episodio do show de Bill Cosby, en 1991. Sarafina!, (1992), un filme sobre a revolta de Soweto, onde fai o papel da nai do protagonista. Amandla!: A Revolution in Four-Part Harmony (2002), documental sobre o apartheid.
Discografía Álbums Miriam Makeba: 1960 The Many Voices Of Miriam Makeba: 1960 The World Of Miriam Makeba: 1962 Makeba: 1963 Makeba Sings: 1965 An Evening With Belafonte/Makeba (con Harry Belafonte): 1965 The Click Song: 1965 All About Makeba: 1966 Malaisha: 1966 Miriam Makeba In Concert!: 1967 Makeba!: 1968 The Promise: 1974 Country Girl: 1975 Pata Pata: 1977 Sangoma: 1988 Welela: 1989 Eyes On Tomorrow: 1991 Sing Me A Song: 1993 A Promise: 1994 Live From Paris & Conakry: 1998 Homeland, 2000 Keep Me In Mind, 2002 Live at Berns Salonger, Stockholm, Sweden, 1966: 2003 Reflections, 2004 Makeba Forever, 2006
Recompilatorios The Queen Of African Music - 17 Great Songs, 1987 Africa 1960-65 recordings, 1991 Eyes On Tomorrow, 1991 The Best Of Miriam Makeba & The Skylarks: 1956 - 1959 recordings, 1998 Mama Africa: The Very Best Of Miriam Makeba, 2000 The Guinea Years, 2001 The Definitive Collection, 2002 The Best Of The Early Years, 2003
Premios Grammy en 1966 polo álbum An Evening With Belafonte/Makeba, na categoría da mellor gravación tradicional ou étnica. Nomeada a un Grammy en 2000, na categoría de mellor música do mundo, por Homeland. O premio Dag Hammarskjöld da paz en 1986. A medalla de ouro da paz Otto Hahn en 2001. O premio Polar Music es aequo con Sofia Gubaidulina (2002). O Premio pola Paz da asociación para as Nacións Unidas en España (2007).
Notas
Véxase tamén Outros artigos Cultura de Suráfrica Ligazóns externas Web oficial
Categoría:Cantantes de Suráfrica Categoría:Músicos de Suráfrica Categoría:Nados en Xohanesburgo Categoría:Nados en 1932 Categoría:Finados en 2008