Suíza (/ˈswi.θa/; en alemán: Schweiz;En lingua alemá suíza: Schwyz ou Schwiiz. en francés: Suisse; en italiano: Svizzera; en romanche: Svizra), é un estado federal situado na Europa central, sen saída ao mar, mais con conexións a través do río Rin. Linda ao norte con Alemaña, ao leste con Austria e Liechtenstein, ao sur con Italia e ao oeste con Francia. É tamén coñecida como a Confederación Suíza ou de xeito oficial, aínda que menos usual, Confoederatio Helvetica (en latín para Confederación Helvética).

A nación ten unha forte tradición de neutralidade política e militar, razón pola cal é a sede de numerosas organizacións internacionais, incluíndo a Cruz Vermella, a Organización Mundial do Comercio ou unha das oficinas das Nacións Unidas. Non forma parte da Unión Europea, mais si forma parte do Acordo de Schengen.

É segundo as propias autoridades suízas unha nación multiétnica, multilingüística e multicultural, froito dunha vontade política, onde conviven catro linguas nacionais: o alemán, o francés, o italiano e o romanche. O estado réxese por unha estrutura confederal dende 1848, que consiste en vinte e seis estados chamados cantóns. A súa capital é Berna.

O seu nome deriva dun dos cantóns fundadores da federación, Schwyz (en alemán estándar: Schweiz, aparentemente variante da tribo dos suevos), en canto ao nome de Confederación Helvética deriva da antiga tribo celta dos helvecios que habitaron a metade oeste e parte do centro deste país durante a antigüidade. Suíza é, dende finais do século XIX, un dos estados máis ricos e desenvolvidos do mundo.

Historia

miniatura|esquerda|160px|A Carta Federal de 1291 A Antiga Confederación Suíza foi unha alianza entre as comunidades do val central dos Alpes, que facilitaba a xestión dos intereses comúns e garantía a paz na montaña das rutas comerciais máis importantes. A Carta Federal de 1291 asinada polos representantes dos cantóns rurais de Uri, Schwyz e Nidwalden, é considerada o documento fundacional da confederación, malia ser probable que as alianzas xa existisen décadas antes.

Un dos motivos deste acordo foi unirse fronte ao dominio da foránea casa dos Habsburgo, entón detentores do trono do Sacro Imperio Romano Xermánico. Na Batalla de Morgarten en 1315 os suízos derrotaron o exército dos Austrias, garantindo así a súa independencia de facto como a Confederación Suíza. Na Paz de Westfalia de 1648 os países europeos recoñeceron a independencia helvética do Sacro Imperio e a súa neutralidade.

En 1798 o exército da Revolución francesa conquistou Suíza, constituíndo un novo estado centralizado e abolindo os cantóns. O novo réxime, coñecido como a República Helvética, foi moi impopular, ao ser imposto por un exército invasor que destruíu séculos de tradición para converter Suíza nun estado satélite francés. En 1815 o Congreso de Viena restabeleceu a independencia do país e as potencias europeas concordaron en recoñecer a súa neutralidade de xeito permanente.

Suíza adoptou unha constitución federal en 1848, na cal se elixiu Berna como capital. Até entón a sede do goberno rotaba cada ano e máis tarde cada dous anos para non menosprezar ningún cantón da confederación. As outras dúas cidades candidatas eran Zürich e Lucerna. A idea da necesidade dun equilibrio entre os cantóns nun sistema federado (argumento en contra de Zürich como a cidade máis forte e capital industrial) e os resentimentos debidos á guerra separatista do Sonderbund (Liga Separada ou A Outra Alianza) de 1845 (á cal Lucerna pertencía) levaron á elección final de Berna como sede do Goberno.

A constitución sufriu extensas emendas en 1874, estabelecéndose responsabilidade federal para os asuntos legais, de defensa e comercio. Dende entón, as melloras continuas nos campos político, económico e social caracterizaron a historia do país. Historicamente neutral, o país non participou en ningunha das guerras mundiais. En 2002, de acordo coa constitución federal de 1999, Suíza finalmente tornouse membro integral das Nacións Unidas.

Política miniatura|esquerda|220px|O Primeiro Pazo Federal en Berna miniatura|220px|esquerda|O Consello federal suízo en 2024. Os seus membros actuais son (de esquerda á dereita):Chanceler federal Viktor Rossi, CF Élisabeth Baume-Schneider, CF Ignazio Cassis, CF Karin Keller-Sutter (Viceresident), CF Viola Amherd (President), CF Guy Parmelin, CF Albert Rösti, CF Beat Jans

miniatura|273px|Sede da Asemblea Federal De acordo coa constitución de 1999, os cantóns deteñen todos os poderes non especificamente delegados á Confederación. O parlamento bicameral suízo, a Asemblea Federal, é principalmente quen exerce o poder. As dúas cámaras, o Consello dos Estados e o Consello Nacional, teñen poderes iguais en todos os aspectos, inclusive canto á iniciativa lexislativa. Non existen o cargo de primeiro ministro nin o de presidente a Suíza. O Presidente da Confederación Suíza é soamente un primus inter pares do Consello Federal Suízo, un consello executivo de sete membros que constitúen o goberno e a prefectura de Estado de Suíza.

Os 46 membros do Consello de Estados (dous de cada cantón e un de cada un dos antigos semicantóns) elíxense directamente en cada cantón, mentres os 200 membros do Consello Nacional son electos directamente nun sistema de representación proporcional. Calquera cidadán pode oporse a unha lei que sexa aprobada polo parlamento. Se é capaz de recoller 50.000 firmas contra devandita lei en 100 días, hase de convocar un referendo a nivel nacional no que os votantes deciden por maioría sinxela se aceptan ou rexeitan a lei.

Ademais, calquera cidadán pode solicitar que se adopte unha decisión sobre unha emenda que queira facer á constitución. Para que tal emenda prospere, ten que recoller 100.000 firmas en 18 meses. Devandita iniciativa popular pode ser formulada como unha proposta xeral ou, máis frecuentemente, como un novo texto cuxo contido non poida ser mudado nunca polo parlamento e o goberno. Despois da recollida de votos, o Consello Federal (Goberno) pode crear unha contraproposta á proposta de emenda e realizar unha votación no mesmo día. Dita contraproposta adoita ser un compromiso entre o sistema actualmente vixente e a nova proposta. Os votantes decidirían de novo nun referendo nacional se aceptan a iniciativa, a contraproposta ou ámbalas dúas. Se ambas son aceptadas, o votante ten que asinar adicionalmente unha preferencia. As iniciativas teñen que ser aceptadas por unha dobre maioría dos votos populares e unha maioría dos cantóns.

O órgano executivo máximo é o Consello Federal, un colexiado de sete membros. Aínda que a constitución determine a responsabilidade da Asemblea Federal pola elección e supervisión dos membros deste Consello, el asumiu gradualmente un papel destacado na dirección do proceso lexislativo, alén da súa atribución na execución da lei federal. O Presidente da Confederación elíxeno os sete conselleiros pola Asemblea Federal, e por un ano asume funcións representativas especiais.

Dende 1959, os catro partidos maioritarios están representados no Consello Federal, proporcional á súa representación no Parlamento federal:

2 demócratas cristiáns (CVP/PDC) 2 socialdemócratas (SPS/PS) 2 demócratas liberais (FDP/PLD) 1 Partido Popular da Suíza (SVP/UDC).

Esta distribución tradicional das cadeiras non está sustentada por ningunha lei, e nas eleccións de 2003 para o Consello Federal o CVP/PDC perdeu a súa segunda cadeira para o SVP/UDC.

O Tribunal Federal vela polo cumprimento da lei e resolución de conflitos oriúndos de violacións de autonomías cantonais e comunais, ben como de tratados internacionais; aprecia aínda reclamacións por violación de dereitos constitucionais. Os seus xuíces son elixidos pola Asemblea Federal para mandatos de seis anos.

Cantóns

A Confederación suíza divídese en 26 cantóns:

15px|Escudo de Appenzell Interior Appenzell Interior* 15px|Escudo de Appenzell Exterior Appenzell Exterior* 15px|Escudo de Argovia Argovia 15px|Escudo de Basilea-Campo Basilea-Campo* 15px|Escudo de Basilea-Cidade Basilea-Cidade* 15px|Escudo de Berna Berna 15px|Escudo de Friburgo Friburgo 15px|Escudo de Glarus Glarus 15px|Escudo dos Grisóns Grisóns 15px|Escudo de Lucerna Lucerna 15px|Escudo de Neuchâtel Neuchâtel 15px|Escudo de Nidwalden Nidwalden* 15px|Escudo de Obwalden Obwalden* 15px|Escudo de Sankt Gallen Sankt Gallen 15px|Escudo de Schaffhausen Schaffhausen 15px|Escudo de Schwyz Schwyz 15px|Escudo de Soleura Soleura 15px|Escudo de Tesino Tesino 15px|Escudo de Tugovia Turgovia 15px|Escudo de Uri Uri 15px|Escudo de Valais Valais 15px|Escudo de Vaud Vaud 15px|Escudo de Xenebra Xenebra 15px|Escudo de Xura Xura 15px|Escudo de Zug Zug 15px|Escudo de Zürich Zürich

*Estes semicantóns están representados por un só representante no Consello de Estados (no canto de dous).

As súas poboacións oscilan entre os 15.000 habitantes de Appenzell Interior e os 1.253.500 de Zürich. A súa área entre os 37 km² do cantón menor, Basilea-Cidade, e os 7.105 km ² dos Grisóns. Os cantóns comprenden un total de 2.889 municipios. En Suíza existen dous enclaves: Büsingen, que pertence a Alemaña e Campione d'Italia, que pertence a Italia.

Nun referendo celebrado no estado austríaco de Vorarlberg o 11 de maio de 1919 máis do 80% dos votantes apoiou a proposta de que o Estado debería unirse á Confederación Suíza. Con todo, finalmente foi impedido pola oposición do goberno de Austria, os aliados, os liberais suízos, os italo-suízos (persoas de nacionalidade Suíza que viven nas rexións de fala italiana) e o romands (suízos que viven nas rexións de fala francesa).

Institucións internacionais en Suíza

Un número inusitado de institucións internacionais teñen a súa sede en Suíza, en parte debido á súa política de neutralidade. A Cruz Vermella foi fundada aquí en 1863 e aínda ten o seu centro institucional no país. Tamén ten a súa sede a Unión Europea de Radiodifusión, concretamente na cidade de Xenebra.

Aínda que Suíza non é membro da Unión Europea, xa que o pobo suízo rexeitou a súa adhesión nun referendo a comezos de 1990, forma parte do Acordo de Schengen, que permite a libre circulación polo estados da Unión. Suíza é un dos máis recentes países que se sumaron ás Nacións Unidas, no ano 2002, aínda que a segunda maior sede da Organización xa se atopaba en Xenebra. Ademais Suíza foi membro fundador da Liga das Nacións. A parte da sede das Nacións Unidas, Xenebra é sede de moitos organismos das Nacións Unidas, como a Organización Mundial da Saúde (OMS) ou a Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT) entre outros.

Tamén moitas das federacións e organizacións deportivas internacionais teñen a súa sede arredor de todo o país, como por exemplo a Federación Internacional de Hóckey sobre Xeo. Os máis importantes son, probablemente, o Comité Olímpico Internacional, en Lausana, a FIFA (Federación Internacional de Fútbol Asociación), en Zürich, e a UEFA (Unión Europea de Fútbol Asociación).

A fundación do Foro Económico Mundial fundación tamén ten a súa sede en Xenebra, organización mellor coñecida pola súa reunión anual en Davos, reúne os líderes económicos e políticos para discutir os temas importantes que enfronta o mundo, incluída a saúde e o medio ambiente.

Xeografía dereita|miniatura|Mapa de Suíza