San Salvador de Sanguñedo é unha parroquia do concello de Verea na comarca da Terra de Celanova, na provincia de Ourense. No ano 2020 tiña noventa e sete habitantes, deles cincuenta eran homes e corenta e sete eran mulleres, o que supón unha diminución de 84 habitantes en relación ao ano 2000. A parroquia engloba os lugares de A Abeleda, Balín, Casal de Abade, Casares, Outeiro de Sanguñedo e Sanguñedo.
Demografía Sanguñedo atópase nunha situación de crise demográfica, situación bastante común no interior de Galicia, sobre todo no rural. No ano 2020 tiña 97 habitantes, deles 50 eran homes e 47 eran mulleres, o que supón unha diminución de 84 habitantes en relación ao ano 2000.
Xeografía
Extensión parroquial Con 12,69 quilómetros cadrados, Sanguñedo é a terceira parroquia máis extensa do concello de Verea, tras San Miguel de Bangueses e santo Andrao de Cexo. Nela atopamos os núcleos de poboación de Abeleda, Casal de Abade, Casares, Outeiro e Sanguñedo.
Cursos fluviais
Río Ourille Regato de Balín Regato da Cernadela Regato de Sanguñedo Regato do Sobradiño Regato de Quintela
Toponimia San Salvador é un dos nomes que recibe Xesús como "salvador do xénero humano". Salvador empregouse en substitución de Xesús, xa que se consideraba grave irreverencia empregar este último como nome de persoa. O étimo vén do latín salvator/-oris (salvador, liberador, redentor). Con este nome é tamén coñecido San Salvador de Horta. Por outra banda, Sanguñedo é un fitotopónimo, ven do arbusto sangomiño, sanguino, sanguvino ou sanguineto (Rhamnus sanguineus) (Cornus sanguinea) .
Lugares de interese
Igrexa de San Salvador de Sanguñedo
dereita|miniatura|Igrexa de San Salvador de Sanguñedo. A igrexa de San Salvador construíuse a principios do século XVIII, con algúns elementos complementados no século XIX. Segundo a inscrición do canteiro que se atopa na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva. Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos agudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales se atopan dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo hai outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e máis unha estrutura triangular sobre a cal está un pararraios ornamental con forma de cruz grega. A igrexa ten tres altares; o altar maior ten un retablo construído en 1713 polo escultor Gregorio Álvarez, veciño de Quintela de Leirado e dourado por Agustín Vázquez; nel atópanse as imaxes da Inmaculada, San Francisco, Santo Antón e San Xosé. Os altares colaterais do Evanxeo da Nosa Señora do Carme e da Epístola da Nosa Señora das Dores, albergan as tallas da Virxe do Carme, Santa Tereixa, Santo Antón e San Bieito.
Cruceiro do Campo de Outeiro O cruceiro de Sanguñedo está situado no Campo do Outeiro, diante da igrexa de San Salvador de Sanguñedo a medio camiño entre o lugar de Sanguñedo e o Outeiro de Sanguñedo. Data do mesmo século que a igrexa (s. XVIII). O pedestal consta de tres chanzos, sobre el atópase un varal, primeiro cuadrangular e logo octogonal, que engarza cun capitel dórico e remata nunha cruz florenzada ocupada, no anverso, por un Cristo de expresividade dramática con pano de pureza e, no reverso, por unha Virxe orante sobre anxo.
Capela da Virxe dos Remedios A capela, que se atopa en Casares, é de planta rectangular e ten o tellado a ter augas. Accédese á mesma por un adro porticado con asentos pétreos ao redor, apoiado en columnas de cemento. No retablo atopamos a Virxe dos Remedios e do Amparo.
Ruta do Briñal Ruta sendeirista que trascorre por camiños agropecuarios que conectan diversos lugares das parroquias de Sanguñedo, Ourille e Pitelos. Une Casal de Abade coa aldea de Sabucedo. Por este sendeiro os gandeiros conducían o gando entre os prados da zona. O nome da ruta vén dado polo miradoiro do Briñal.
Eira dos canastros de Casal de Abade Na aldea hai unha eira comunal con canastros (denominación da zona) do século XIX.
Pozo Mimón Poza fluvial no transcurso do regato do Sobradiño. Conta unha lenda que un día pasaba un cura montado nunha besta ao carón do regato do Sobradiño cando de súpeto caeu el e máis a besta á poza. Dende aquela algunhas persoas intentaron atopar os corpos sen vida, os cales nunca foron atopados.
Muíños de Caíde Os muíños atópanse no curso do regato do Sobradiño. Foron empregados dende mediados do século XVII ata a mecanización do moído. Crese que en orixe eran propiedade do abade.
Ponte do Cubo Ponte empregada polos gandeiros para salvar o regato de Quintela. Forma parte da ruta do Briñal.
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Sanguñedo
Parroquias de Verea
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Verea
Categoría:Parroquias de Verea Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Salvador