As cruzadas foron unha serie guerras relixiosas en Asia Occidental e Europa iniciadas, apoiadas e, ás veces, dirixidas pola Igrexa católica entre os séculos XI e XVII. As cruzadas difiren doutros conflitos relixiosos en que eran consideradas unha penitencia polos participantes para o perdón dos pecados confesos. O alcance das cruzadas é controvertido: algúns historiadores restrínxenas ás peregrinacións armadas a Xerusalén, outros amplíanas a todas as campañas militares católicas cunha promesa de beneficios espirituais, ou a todas aquelas cuxa principal característica é o fervor relixioso. As cruzadas máis coñecidas son aquelas dirixidas contra os musulmáns do Mediterráneo oriental para recuperar a Terra Santa entre os anos 1096 e 1271. Foron tamén cruzadas as loitas desde o século XII contra os mouros da Península Ibérica, o Imperio Otomán e contra outros grupos por distintas razóns. Estas inclúen as loitas contra o paganismo, a erradicación de herexías e a resolución de conflitos entre grupos católicos.

En 1095, o papa UrbanoII proclamou a primeira cruzada no Concilio de Clermont. Alentou o apoio militar para o emperador bizantino AleixoI contra os turcos selxúcidas, e unha peregrinación armada a Xerusalén. A resposta entusiasta en todos os estratos sociais de Europa occidental estableceu un precedente. Os voluntarios convertéronse en cruzados facendo un voto público por distintas razóns: ascensión masiva ao ceo en Xerusalén, satisfacer obrigas feudais, a oportunidade de gloria e honra ou de ganancia económica e política. Instauráronse catro Estados cruzados, xeralmente coñecidos colectivamente como Outremer: o Condado de Edessa, o Principado de Antioquía, o Reino de Xerusalén e o Condado de Trípoli. Os cruzados foron finalmente expulsados e, despois de máis de dous séculos de presenza no continente, a última cidade de Acre caeu en 1291.

A Reconquista, proceso histórico por medio do cal os reinos cristiáns do norte da Península Ibérica van conquistar progresivamente o Al-Andalus, foi proclamada cruzada en 1123 e finalizou coa conquista do Reino de Granada en 1492. As Cruzadas do Norte, campañas dos reinos cristiáns de Alemaña, Dinamarca ou Suecia contra as tribos pagás do nordeste de Europa, foron consideradas cruzadas desde 1147. O papa Inocencio III iniciou en 1199 a práctica do papado de proclamar cruzadas políticas contra gobernantes católicos desobedientes. A partir de 1209 desenvolveuse no Languedoc unha cruzada contra os cátaros, considerados herexes. O mesmo sucedeu no século XV en Savoia e Bohemia, e no século XVI contra os protestantes. A cruzada foi usada tamén como resposta ao auxe do Imperio Otomán a mediados do século XIV, rematando só coa Guerra da Santa Liga en 1699.

Antecedentes

dereita|300px|miniatura|Europa e o Mediterráneo na época da primeira cruzada. dereita|300px|miniatura|A dinastía selxúcida no seu período de maior extensión, 1092.

Para poder comprender que razóns tiñan os dirixentes de Europa e do Oriente Próximo para tomar semellantes decisións, debemos remontarnos aos anos inmediatamente anteriores ao comezo do fenómeno cruzado e ver que estaba sucedendo no mundo daquel entón.

En torno ao ano 1000, Constantinopla erixíase como a cidade máis próspera e poderosa do «mundo coñecido» en Occidente. Situada nunha posición facilmente defendible, no medio das principais rutas comerciais, e cun goberno centralizado e absoluto na persoa do Emperador, ademais dun exército capaz e profesional, facían da cidade e os territorios gobernados por esta (o Imperio bizantino) unha nación sen par en todo o orbe. Grazas ás accións emprendidas polo emperador Basilio II Bulgaroktonos, os inimigos máis próximos ás súas fronteiras foran humillados e anulados na súa totalidade.

Con todo, trala morte de Basilio, monarcas menos competentes ocuparon o trono bizantino, á vez que no horizonte xurdía unha nova ameaza proveniente de Asia Central. Eran os turcos, tribos nómades que, no transcurso deses anos, convertéronse ao islam. Unha desas tribos, os turcos selxúcidas (chamadas así polo seu mítico líder Seliuque), lanzouse contra o Imperio de Constantinopla. Na batalla de Manzikert, no ano 1071, o groso do exército imperial foi arrasado polas tropas turcas, e un dos co-emperadores foi capturado. A raíz desta desfeita, os bizantinos deberon ceder a maior parte de Asia Menor (hoxe o núcleo da nación turca) aos selxúcidas. Agora había forzas musulmás apostadas a escasos quilómetros da mesma Constantinopla.

Por outra banda, os turcos tamén avanzaran en dirección sur, cara a Siria e Palestina. Unha tras outra as cidades do Mediterráneo Oriental caeron nas súas mans, e en 1070, un ano antes de Manzikert, entraron na Cidade Santa, Xerusalén.

Estes dous feitos conmocionaron tanto a Europa Occidental como á Oriental. Ambos empezaron a temer que os turcos fosen dominar lentamente o mundo cristián, facendo desaparecer a súa relixión. Ademais, empezaron a chegar numerosos rumores acerca de torturas e outros horrores cometidos contra peregrinos en Xerusalén polas autoridades turcas.

A primeira cruzada non supuxo o primeiro caso de Guerra Santa entre cristiáns e musulmáns inspirada polo papado. Xa durante o papado de Alexandre II, este predicou a guerra contra o infiel musulmán en dúas ocasións. A primeira ocasión foi durante a guerra dos normandos na súa conquista de Sicilia, en 1061, e o segundo caso enmarcouse dentro das guerras da Reconquista española, na cruzada de Barbastro de 1064. En ámbolos casos o papa ofreceu a Indulxencia aos cristiáns que participasen.

A derrota bizantina na batalla de Manzikert (1071), a mans dos turcos seléucidas, provocou que o basileus (emperador) Aleixo I Comneno escribise unha carta ao papa Urbano II, solicitándolle o envío de mercenarios que loitasen por Bizancio contra os turcos.

Urbano II foi máis alá desta limitada expedición e, no concilio de Clermont (1095) predicou a primeira cruzada ao berro de ¡Quéreo Deus!, co obxectivo de liberar Xerusalén de mans musulmás (nas que xa levaba 400 anos).

A predicación de Urbano II provocou unha vaga de fervor tanto no pobo chan como na pequena nobreza (non así nos reis, que non participaron nesta primeira expedición).

No Mediterráneo Oriental Primeira cruzada

A predicación de Urbano II puxo en marcha en primeiro lugar a multitudes de xente humilde, dirixidas polo predicador Pedro o ermitán. Este grupo formou a chamada cruzada dos pobres. De xeito desorganizado dirixíronse cara Oriente, provocando matanzas de xudeus ao seu paso. Á súa chegada a Bizancio, o basileus enviounos, apresuradamente, ao outro lado do Bósforo. Despreocupadamente internáronse en territorio turco, onde os aniquilaron de xeito doado.

200px|miniatura|Captura de Xerusalén durante a primeira cruzada.

Moito máis organizada foi a chamada cruzada dos príncipes, formada por unha serie de continxentes armados, procedentes principalmente de Francia, os Países Baixos e o reino normando de Sicilia. Estes grupos ían dirixidos por xentes da nobreza como Godofredo de Bouillon, Raimundo de Tolosa e Bohemundo de Tarento. Durante a súa estancia en Constantinopla, estes xefes xuraron devolver ao Imperio Bizantino aqueles territorios perdidos por esta fronte aos turcos.

Dende Bizancio foron para Siria atravesando o territorio seleúcida, onde conseguiron unha serie de sorprendentes vitorias. Xa en Siria, puxeron sitio a Antioquía, que conquistaron logo dun asedio de sete meses. Non obstante, non a devolveron ao Imperio Bizantino, senón que Bohemundo retívoa para si mesmo, formando o Principado de Antioquía.

Dende Antioquía dirixíronse cara Xerusalén, conquistando algunhas prazas polo camiño e sorteando outras. En xuño do 1099 sitiaron a capital, que caeu en mans dos cruzados o 15 de xullo do 1099. Na conquista os cruzados realizaron unha terrible matanza, que non respectou a xudeus ou musulmáns, mulleres ou nenos.

Con esta conquista rematou a primeira cruzada, co que moitos cruzados volveron aos seus países de orixe. O resto ficou alí para consolidar os territorios acabados de conquistar. Xunto ao Reino de Xerusalén (dirixido inicialmente por Godofredo de Bouillon, que tomou o título de Defensor do Santo Sepulcro) e ao principado de Antioquía, creáronse tamén os condados de Edesa (actual Urfa, en Turquía) e Trípoli (no actual Líbano).

Tras estes éxitos iniciais produciuse unha nova vaga de cruzados, que formaron a chamada cruzada de 1101. Porén, esta expedición, dividida en tres grupos, resultou aniquilada polos turcos mentres atravesaban Anatolia. Este desastre apagou os espíritos cruzados durante case 50 anos.

Segunda cruzada

miniatura|Cadro do pintor francés do século XIX Émile Signol, no que se ve a San Bernaldo predicando a segunda cruzada en Vézelay en 1146. Grazas á división dos estados musulmáns, os estados latinos (ou francos, como eran coñecidos polos árabes), conseguiron establecerse e sobrevivir. Os dous primeiros reis de Xerusalén, Balduíno I e Balduíno II, foron gobernantes capaces que estenderon o reino a tódalas terras entre o Mediterráneo e o Xordán, e incluso máis aló.

Integráronse de xeito rápido no cambiante sistema de alianzas locais e así puido verse un enfrontamento entre a alianza dun estado cristián e un musulmán en contra da alianza doutro estado cristián con outro estado musulmán.

Non obstante, a medida que o espírito de cruzada ía decaendo entre os francos, cada vez máis confortables no seu novo estilo de vida orientalizante, entre os musulmáns ía crecendo o espírito de jihad, principalmente entre a poboación, mobilizada polos predicadores contra os seus impíos gobernantes, capaces de tolerar a presenza cristiá en Xerusalén e incluso de aliarse cos seus reis.

Este sentimento foi explotado por unha serie de caudillos que conseguiron unificar os distintos estados musulmáns e lanzarse á conquista dos reinos cristiáns. O primeiro destes foi Zengi, gobernador de Mosul e de Alepo, que no 1144 conquistou Edesa, liquidando o primeiro dos estados francos.

Como resposta a esta conquista, que puxo de manifesto a debilidade dos estados cruzados, o papa, ao través de Bernaldo, abade de Claraval (famoso predicador, autor así mesmo da regra dos templarios) predicou en 1146, a segunda cruzada.

A diferenza da primeira, nesta si participaron reis da cristiandade, encabezados por Lois VII de Francia (acompañado da súa muller, Aliénor de Aquitania) e polo emperador xermánico Conrado III. Os desacordos entre franceses e alemáns, así como cos bizantinos, foron constantes en toda a expedición.

Cando os dous reis chegaron, por separado, á Terra Santa, decidiron que Edesa era un obxectivo pouco importante e marcharon para Xerusalén. Desde alí, para desesperación do rei Balduíno III, no canto de enfrontárense a Nur al-Din (fillo e sucesor de Zengi), elixiron atacar Damasco, estado independente e aliado do rei de Xerusalén.

A expedición foi un fracaso, xa que tras só unha semana de asedio infrutuoso, os exércitos cruzados retiráronse e volveron ás súas patrias. Con este ataque inútil conseguiron que Damasco caese nas mans de Nur al-Din, que progresivamente ía cercando os estados francos.

Máis tarde, o ataque por parte de Balduíno II a Exipto, provocaría a intervención de Nur al-Din na fronteira sur do reino de Xerusalén, preparando o camiño para a fin do reino e a convocatoria da terceira cruzada.

Terceira cruzada

300px|miniatura|Krak dos Cabaleiros. Esta fortaleza, considerada inexpugnable, controlaba o paso do interior de Siria á costa e estivo baixo o mando dos Cabaleiros Hospitalarios até 1271, data na que se tomou.