miniatura|Mapa topográfico do municipio de Borsele (Países Baixos) O concello ou municipio é, nas súas diversas formas, e baixo diferentes designacións, a estrutura básica de administración local en moitos países do mundo. Con orixes diferentes, consonte ás tradicións locais, os concellos modernos teñen, porén, bastantes puntos de contacto na súa estrutura e competencias.

En xeral, poden distinguirse tres tipos de concellos:

Urbanos: concellos constituídos exclusivamente, ou case, por territorio urbanizado; Rurais: municipios constituídos por un ou máis núcleos de poboación de pequenas dimensións e por territorio non urbanizado relativamente vasto; Mixtos: concellos que comprenden cantidades significativas quer de territorio urbano, quer de territorio rural.

Nalgúns países e nalgunhas subdivisións doutros países (como algúns estados norte-americanos), estes diferentes tipos están separados por lei, constituíndo diferentes unidades administrativas. Noutros, como en Portugal e España, todos os concellos son iguais ante a lei, aínda que por mor da súa poboación ou características estean suxeitos a un distinto trato financeiro, electoral, por exemplo (achegas doutras administracións, número de concelleiros elixibles, estatutos de capitalidade, áreas metropolitanas...).

Os concellos en España miniatura|Bandeiras na casa do concello de Vitoria-Gazteiz. A lexislación básica das municipalidades españolas é a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Segundo esta, o goberno e a administración do municipio correspóndenlle ao Concello, integrado polo alcalde e polos concelleiros. Estes últimos son elixidos mediante sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto, por períodos de 4 anos. O alcalde é elixido polos concelleiros en sesión plenaria, ou directamente polos veciños en certos casos contemplados na lei. Forma parte dunha provincia para todos os propósitos administrativos nacionais. Unha municipalidade contén unha ou máis parroquias.

Os órganos necesarios nos concellos de réxime común son os seguintes: Pleno: formado polo conxunto de concelleiros electos, presididos polo alcalde e asistidos polo secretario. Alcalde: desempeña as funcións de dirección do goberno e da administración municipal, así como as demais atribucións que lle outorga a vixente lexislación e, entre elas, a organización das áreas que integran o goberno municipal e dos departamentos, servizos e outros entes que constitúen a administración municipal. Tamén é atribución do alcalde a representación do Concello, sen prexuízo da súa posible delegación. Nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade, será substituído polos tenentes de alcalde na orde e coas competencias que se deriven do seu nomeamento. Tenente de alcalde: substitúe o alcalde en caso de ausencia ou enfermidade, función que realiza de forma independente á delegación de competencias que lle poida corresponder na área como edil. Comisión Especial de Contas, de necesaria existencia en todos os concellos (artigo 20.1.e) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local).

Outros órganos son:

Xunta de goberno: é o órgano que ten como atribución propia e indelegable a asistencia permanente ao alcalde no exercicio das súas funcións. Así mesmo, exercerá as competencias que lle deleguen o alcalde e o pleno municipal, cando teñan este carácter. Está integrada polo alcalde, que a preside, e polos concelleiros nomeados libremente por el como membros dela, que son asistidos nas súas reunións polo secretario xeral da corporación. A súa existencia é obrigatoria nos concellos de poboación superior a 5.000 habitantes; e nos de poboación inferior ao devandito límite, está condicionada á creación por acordo plenario ou por disposición do Regulamento Orgánico (artigo 20.1.b) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local). Comisións informativas: estudan aqueles asuntos que son relevantes para o municipio e pásanlle, posteriormente, un ditame ao pleno municipal, para a súa aprobación. Existen necesariamente nos concellos de poboación superior a 5.000 habitantes, e nos de inferior cando así o acorde o Pleno ou o dispoña o Regulamento Orgánico. Confórmanse por concelleiros e concelleiras de todos os grupos políticos en proporción ao número de concelleiros que teña o Pleno.

Así mesmo, tamén poden existir concellerías delegadas, isto é, concellerías que asumen competencias delegadas pola Alcaldía, toda vez que, segundo a lexislación vixente, os concelleiros non ostentan competencia administrativa algunha.

Por outra banda, cabe destacar que existen dous sistemas especiais de organización municipal, aparte dos de réxime común. Son os concellos organizados en Concejo Abierto e os concellos de gran poboación. O réxime especial do Concello Aberto regúlase no artigo 29 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, que establece como órganos necesarios ao Alcalde e á Asemblea Veciñal, que substitúe ao Pleno.

No que se refire ao réxime dos concellos de gran poboación, a súa regulación atópase no Título X da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local. Aplícase aos concellos:

Cuxa poboación supere os 250.000 habitantes. Ás capitais de provincia de poboación superior a 175.000 habitantes. Aos municipios capitais de provincia, capitais autonómicas ou sedes das institucións autonómicas. Aos municipios de poboación superior a 75.000 habitantes que presenten circunstancias económicas, sociais, históricas ou culturais especiais.

Nos dous últimos supostos, a aplicación do réxime de gran poboación debe acordarse pola Asemblea Lexislativa da Comunidade Autónoma respectiva, a iniciativa dos respectivos concellos.

A denominación máis común para o municipio en castelán é o de ayuntamiento. Na comunidade autónoma de Galicia, a municipalidade é chamada concello; en catalán, ajuntament; en éuscaro, udala; e en asturiano conceyos (singular: conceyu).

Municipios brasileiros miniatura|Escudo de Florianópolis, capital do estado de Santa Catarina. O municipio é a menor unidade político-administrativa no Brasil, estando baixo das Unidades Federativas (UF ou Estado). Posúe só dous poderes: o Executivo (Prefeitura) e o Lexislativo (Cámara de Vereadores); o xudicial agrupa a varios municipios. Xeralmente un municipio está composto dunha cidade, a súa sede, e veciñanzas rurais. Mais tamén se presenta na forma de varios núcleos urbanos dentro do mesmo territorio municipal. Cando son cidades que se desenvolveron moito e aproximaron a outros municipios, dáse o nome de Rexión metropolitana. En especial acontece coas capitais dos estados.

É o municipio o que coida directamente de varios aspectos prácticos da vida da poboación, como rexistro de inmobles, cometidos públicos menos importantes (rúas), asfaltamento de rúas, fiscalización do tránsito, mais a lexislación do tránsito é federal. Prové tamén o ensino básico nas súas escolas. Mantén postos de saúde para a súa poboación. Controla e fiscaliza o transporte público municipal (taxis, autobuses urbanos). Prové ou fiscaliza a recollida de lixo domiciliario. Controla e fiscaliza as feiras libres. As subdivisións políticas do municipio (distritos) son órganos sometidos ao poder da prefectura. Pode tamén presentar subprefecturas, descentralizando a administración no día a día. En todo caso, o poder político executivo é exclusivamente do Prefecto, sendo todos os outros auxiliares da súa indicación (cargos de confianza).miniatura|Casa do concello de Serro (Minas Xerais)O municipio non posúe forza policial armada, mais posúe a guarda municipal, que en xeral non usa armas de fogo.

No Brasil, o deseño dos límites municipais raramente coincide cos límites urbanísticos, naturais ou culturais dunha cidade, atendendo primariamente a intereses políticos de oligarquías locais. Basta tomar como exemplo que a cidade (mancha urbana) do Río de Xaneiro ten extensión territorial totalmente desconexa do municipio de Río de Xaneiro; en canto aquela se expande por outros municipios limítrofes, este inclúe aglomeracións fisicamente separadas, como a Barra da Tixuca. O proceso de emancipación municipal no Brasil sufriu forte revés despois de 1996, ano en que unha lei aprobada no Senado Federal ampliou os requisitos necesarios para a creación de novos municipios.

Dende 2013, Brasil posúe 5.570 municipios en 26 Estados máis dúas demarcacións equilvantes: o Distrito Federal de Brasilia e o Distrito Estatal de Fernando de Noronha. O maior municipio do Brasil é Sao Paulo, que posúe 1522,986 km² e unha poboación de 11 451 999 habitantes segundo o censo de 2022.

Municipios portugueses miniatura|Bandeira municipal de Lousada (Portugal) Os 308 municipios portugueses (autarquías locais) corresponden, en territorio, aos chamados concelhos, que son a subdivisión territorial máis consistente que o país tivo ao longo dos seus 800 anos de historia. Con orixe nas cartas de foral que os reis atribuían a certas terras e aos territorios limítrofes, o tipo de administración dos municipios/concellos foi variando substancialmente ao longo do tempo: fóronse creando uns, extinguindo outros, foron variando as súas competencias e nalgúns o territorio, mais os municipios/concellos permaneceron.

Hoxe, os municipios son rexidos por unha Cámara Municipal, órgano executivo, e teñen unha Asemblea Municipal, que é o órgano deliberativo. A Cámara é o órgano executivo que trata do goberno e dos asuntos correntes do municipio. Consonte a poboación do concello, a cámara municipal pode ser constituída por un número de vereadores impar entre 5 e 17, elixidos por sufragio directo e universal en listas, partidarias ou non. A Asemblea é a institución representativa do municipio, cuxa competencia principal é a fiscalización da actividade da cámara municipal. Parte dos seus membros, en número que varía coa poboación do concello e tamén co número de freguesías, é elixida por sufraxio directo e universal en listas que poden, ou non, ser partidarias, e a outra parte é composta por membros por razón do seu cargo: os presidentes das xuntas de freguesía do concello.

Municipios noutros países miniatura|En cor rosa sinálanse os municipios de Taiwán.

Municipalidade como entidades de primeiro nivel En Cabo Verde mantense a división administrativa herdada dos tempos dos portugueses con 17 concellos subdivididos en 31 freguesias (parroquias). Na República Popular da China, unha municipalidade (直辖市 en pinyin: zhíxiéshì) é unha cidade con igual estado dunha provincia: Pequín, Tiangin, Shanghai, e Chongqing. Na República da China en Taiwán, unha municipalidade especial (直轄市 en Wade-Xiles: chi-hsia-shih) é unha cidade con igual estatuto ca unha provincia. É o caso de Taipei, Taoyuan, Novo Taipei, Taichung,Tainan e Kaohsiung. En Montenegro, a municipalidade é a maior división rexional. En Eslovenia, unha municipalidade (občina) é a unidade administrativa local primaria. Hai 193, 11 das cales posúen un estatuto "urbano" con autonomía adicional. En España, unha municipalidade (municipio) é a unidade administrativa local primaria que se integra nunha provincia. En Francia, as municipalidades son unidades administrativas de terceiro nivel: por debaixo das rexións (primeiro nivel) e dos departamentos (segundo nivel). Reciben o nome de comunas, herdado da Revolución Francesa. En xeral, as comunas urbanas son de maior tamaño. Porén, débese ter en conta que a maior parte das comunas son menores que os concellos galegos. En toda Francia hai máis de 36.000 comunas (36.783 ao primeiro de marzo de 2008). Municipalidade como entidades de segundo nivel En Alemaña, unha municipalidade (Gemeinde) é parte dun distrito (Kreis). Entidades grandes de mesmo nivel son chamadas de cidade (Stadt).miniatura|Mapa do municipio de Vaudreuil-Solanges (Quebec) En Australia, unha municipalidade é unha cidade, ou condado, sendo unha subdivisión do estado.