Iago Falque Silva, nado en Vigo o 4 de abril de 1990, é un exfutbolista galego que xogaba na demarcación de centrocampista. Xogador zurdo, ten ocupado as posicións de medio e sobre todo media punta ou medio ofensivo. Desenvolveu a maior parte da súa carreira no fútbol italiano, sendo o terceiro futbolista español con máis goles na Serie A, só por de Callejón e do tamén galego Luis Suárez.
É fillo da política do PSdeG, Carmela Silva.
Traxectoria
Comezos Comezou a xogar ao fútbol no Cristo de la Victoria de Vigo, e con 11 anos foi posto a proba polo Real Madrid, co que disputou dous torneos e foi elixido mellor xogador do Torneo Internacional de Maspalomas. Ao remate deste, aceptou unha oferta do FC Barcelona, onde se foi formando como xogador nas categorías inferiores. En 2002 disputou co club catalán o Arousa Fútbol 7, sendo elixido mellor xogador do torneo.
Juventus Logo de sete anos en Barcelona, en agosto de 2008 fichou pola Juventus por un período de catro anos, sendo asignado ao equipo xuvenil ou "Primavera". O 5 de decembro de 2008 foi convocado por primeira vez polo adestrador do primeiro equipo, Ciro Ferrara, para un partido da Serie A, contra o Lecce, pero non chegou a xogar."El gallego Iago Falque se asoma en el Juventus" , El Correo Gallego, 7/12/2008 Continuou o resto da tempada no xuvenil, co que gañou o Torneo de Viareggio.
Cesión ao Bari En agosto de 2009 saíu cedido ao Bari, club no que permaneceu cinco meses sen chegar a debutar co primeiro equipo na Serie A, xogando no canto diso co xuvenil. En xaneiro regresou a Turín e volveu vestir a camiseta do equipo "Primavera", co que gañou de novo o Torneo de Viareggio, marcando un dos goles da final ante o Empoli.
Cesión ao Villarreal B O 29 de xullo o Villareal e a Juventus chegaron a un acordo para a cesión por unha tempada do futbolista ao filial do equipo castellonenco, o Villarreal B, que militaba na Segunda División. Titular indiscutible no ataque amarelo, foi o máximo goleador do equipo, con 11 tantos.
Tottenham Hotspur Na tempada 2011/12 volveu ser cedido pola Juventus, desta vez ao Tottenham Hotspur. O 15 de setembro debutou co equipo na Europa League, nun partido ante o PAOK FC en Tesalónica. Despois de disputar catro partidos máis da competición europea e un da FA CUP, en xaneiro de 2012, o equipo inglés decidiu fichalo en propiedade e cedelo ao Southampton, que ocupaba o liderado da Championship, a segunda liga inglesa.Fichaje por el Tottenham Hotspur, artigo en Marca, 16 de xaneiro de 2012 . Debutou esa mesma semana ante o Leicester, pero non volveu disputar ningún minuto co equipo.
Cesións ao Almería e Rayo Vallecano Comezou a tempada 2012/13 no Tottenham, co que debutou na Premier League nun partido contra o Everton, pero en xaneiro foi cedido ao Almería, da Segunda División. No equipo andaluz fíxose coa titularidade e logrou o ascenso despois de derrotar na promoción o Las Palmas e o Girona. Para a campaña 2013/14 foi cedido ao Rayo Vallecano, da Primeira División. Debutou na máxima categoría nun encontro fronte ao Levante, e disputou un total de 31 partidos co equipo, marcando tres goles.
Genoa En agosto de 2014 fichou polo Genoa, regresando así ao fútbol italiano. Co equipo xenovés estreouse na Serie A, na derrota da primeira xornada ante o Napoli. Titular durante a maior parte da tempada, foi o máximo anotador do equipo de Gasperini, que rematou sexto na táboa, sumando un total de 13 goles en liga e un na Copa de Italia.
Roma No verán de 2015 foi traspasado á Roma, que pagou por el uns oito millóns de euros. No equipo da capital italiana, comezou xogando como titular con Rudi Garcia como adestrador, pero foi relegado á suplencia trala chegada de Luciano Spalletti ao banco. Coa camiseta da Roma fixo o seu debut na Liga de Campións, nun partido contra o FC Barcelona no Stadio Olimpico. Xogou cinco encontros da máxima competición europea e marcou un gol, nun empate a catro goles ante o Bayer Leverkusen.
Torino En xullo de 2016 anunciouse a súa cesión ao Torino, tamén da Serie A. Marcou 12 goles e repartiu 8 asistencias no equipo adestrado por Siniša Mihajlović. O seu bo rendemento propiciou que o equipo piemontés exercese a súa opción de compra sobre o xogador. Repetiu os 12 goles na tempada 2017/18 e marcou 6 na seguinte.
Cesión ao Genoa Con todo, perdeu protagonismo no inicio da tempada 2019/20 e no mercado invernal saíu cedido ao Genoa, equipo no que debutara na Serie A uns anos antes. Alí tivo como técnico a Davide Nicola e xogou 10 encontros ata o remate da competición, anotando dous goles.
Cesión ao Benevento Na tempada 2020/21 foi cedido por novena vez na súa carreira, desta volta ao Benevento, da Serie A. No equipo adestrado por Filippo Inzaghi apenas contou con minutos, disputando só 11 partidos, só 4 deles como titular, e marcando un gol ante o Crotone. O equipo acabou a tempada descendendo á Serie B. Ao remate da súa cesión deixou o Torino e o fútbol italiano, sendo o terceiro futbolista español con máis goles marcados na historia da Serie A (48), só por detrás de Callejón e do tamén galego Luis Suárez.
América de Cali Despois de estar uns meses sen equipo, en xaneiro de 2022 asinou como novo xogador do América de Cali, da Primeira A de Colombia. Debutou co equipo adestrado por Juan Carlos Osorio o 28 de febreiro, nunha vitoria por 2-0 sobre o Once Caldas. Uns días despois xogou o seu primeiro partido na Copa Suramericana, ante o Independiente Medellín. Con todo, os problemas físicos impedíronlle participar con normalidade en 2022, disputando só 13 partidos ata finais de novembro, cinco deles como titular. Recuperou continuidade a partir de decembro, no cuadrangular semifinal do Torneo Finalización 2022, e no Apertura 2023.
Con todo, en maio de 2023, cando estaba finalmente asentado na titularidade, sufriu unha fractura de tibia nun partido contra o Atlético Nacional, tras unha entrada do defensa Andrés Salazar. Catro meses despois, mentres se atopaba no interior das instalacións deportivas do club, o seu vehículo, no que só viaxaba o seu chofer persoal, foi atacado con disparos. Este incidente acabou provocando a marcha do xogador, que decidiu abandonar Colombia para salvagardar o benestar da súa familia.
Alajuelense En xuño de 2024, despois de máis dun ano sen xogar, fichou pola Liga Deportiva Alajuelense, da Primeira División de Costa Rica. Debutou co equipo adestrado por Alexandre Guimarães o 17 de xullo, na Recopa de Costa Rica contra Deportivo Saprissa no Estadio Nacional de San Xosé. Formou no centro do campo xunto a Larry Angulo e o capitán Celso Borges, e o seu equipo acabou gañando o título por 3-1. En decembro conquistou o seu segundo título, a Copa Centroamericana, derrotando na final ao Real Esteli de Nicaragua. Ese mesmo mes proclamouse subcampión de liga, ao perder na Gran Final contra o Herediano.
En maio de 2025 anunciou a súa retirada do fútbol, aos 35 anos de idade.
Selección nacional Internacional coas categorías inferiores da selección española, en 2007 participou coa sub-17 na Eurocopa sub-17 e na Copa do Mundo sub-17. Na primeira delas, disputada en Bélxica, marcou dous goles e foi titular na final ante Inglaterra, na que España se proclamou campioa grazas a un solitario gol de Bojan Krkić. No Mundial, celebrado en Corea do Sur, marcou un gol contra Corea do Norte e disputou unha nova final, na que España caeu ante Nixeria na quenda de penaltis, sendo el un dos que fallaron o seu lanzamento.
En 2008 foi convocado por Arsenio Iglesias e Fernando Vázquez para xogar coa selección galega nun amigable contra Irán. Foi titular en dito partido, disputado no estadio de Riazor, no que Galicia venceu por 3-2. Foi convocado tamén para o encontro da Irmandiña contra Venezuela en 2016, pero a última hora foi baixa por lesión.
Datos persoais Súa nai é a política do PSdeG Carmela Silva, que ostentou entre outros cargos o de senadora, deputada no Congreso e presidenta da Deputación de Pontevedra. É ademais sobriño de Gustavo Falque, presidente do Coruxo dende 2001. Froito da súa relación coa modelo venezolana Carolina Araque, en 2021 naceu o seu fillo Liam.
Palmarés Alajuelense Recopa de Costa Rica (1): 2024. Copa Centroamericana (1): 2024.
Selección española sub-17 Eurocopa sub-17 (1): 2007.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador no sitio web do América de Cali .
Categoría:Nados en 1990 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do FC Barcelona B Categoría:Xogadores do Juventus FC Categoría:Xogadores do SSC Bari Categoría:Xogadores do Villarreal CF B Categoría:Xogadores do Tottenham Hotspur FC Categoría:Xogadores do Southampton FC Categoría:Xogadores da UD Almería Categoría:Xogadores do Rayo Vallecano Categoría:Xogadores do Genoa CFC Categoría:Xogadores do AS Roma Categoría:Xogadores do Torino FC Categoría:Xogadores do Benevento Calcio Categoría:Xogadores do América de Cali Categoría:Xogadores do LD Alajuelense Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-17 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-19 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de España sub-21 Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Galicia