A vexiga urinaria é un órgano oco musculomembranoso que forma parte do tracto urinario e que recibe a urina dos uréteres e a expulsa a través da uretra ao exterior do corpo durante a micción. Recibe tamén os nomes populares galegos de vincha e mexa. miniatura|dereita|Interior da vexiga
Orixe embriolóxica A vexiga urinaria está presente en todos os mamíferos. Procede da parte inferior do pedículo do alantoide, obliterándose progresivamente a parte superior deste pedículo para formar o uraco.
Situación A vexiga urinaria está situada na escavación da pelve. Por diante está fixada á pube, por detrás limita co recto, coa parte superior da próstata e as vesículas seminais no home, e coa vaxina na muller. Superiormente está recuberta polo peritoneo parietal que a separa da cavidade abdominal, e por abaixo limita coa próstata no home e coa musculatura perineal na muller.
Forma A vexiga urinaria cando está chea ten unha forma esférica, e cando está baleira aseméllase a un tetraedro con: Vértice anterosuperior no que se fixa o uraco. Vértice anteroinferior que corresponde ao orificio uretral. Vértices superoexternos nos que desembocan os uréteres. A capacidade fisiolóxica da vexiga urinaria ata que aparece o desexo de micción oscila entre os 300 e 350 ml. Pode aumentar de 2 a 3 litros en caso de retención aguda de urina. Esta capacidade redúcese en casos de cistite ata os 50 ml.
O interior da vexiga visualízase mediante unha cistoscopia, que mostra a mucosa vesical, os meatos ureterais e o pescozo vesical (a unión coa uretra). Estes tres puntos delimitan o trígono vesical, unha porción fixa e non distensible do órgano.
A parede da vexiga está formada por tres capas: Capa serosa: o peritoneo parietal recobre a vexiga na súa cara superior e parte posterior e laterais cando está chea. Capa muscular: está formada por músculo liso con tres capas: Capa externa ou superficial: formada por fibras musculares lonxitudinais. Capa media: formada por fibras musculares circulares. Capa interna ou fonda: formada tamén por fibras lonxitudinais As tres capas da parede muscular forman o músculo detrusor que cando se contrae expulsa os ouriños e ten como antagonistas os esfínteres da uretra. Capa mucosa: está formada por epitelio de transición urinario que é un epitelio estratificado de ata oito capas de células, impermeable, en contacto cos ouriños, e pola lámina propia, que é de tecido conxuntivo.
Rexións do interior da vexiga Trígono vesical: os uréteres entran na vexiga diagonalmente a través da parede dorsolateral, nunha área chamada trígono, que ten forma triangular e ocupa a área correspondente á parede posteroinferior da vexiga. A uretra define o punto inferior do triángulo que debuxa o trígono. Apex vesical: o ligamento medio umbilical conecta co ápex da vexiga. Cúpula vesical: é a parte superior e máis ampla da vexiga, que aumenta considerablemente de volume, como unha esfera, cando está chea de ouriños. Pescozo vesical: está conectado coa pube a través do ligamento pubovesical nas mulleres, e polo ligamento puboprostático en homes.
Irrigación e innervación da vexiga Arterias: proveñen da arteria ilíaca interna directamente ou das súas ramas como a arteria umbilical na parte superior, a arteria xenitovesical na súa parte media ou da arteria pudenda na súa parte inferior. Veas: drenan nun plexo venoso pelviano que recobre o espazo prevesical na súa superficie posteroinferior e que termina na vea ilíaca interna. Vasos linfáticos: a linfa da vexiga drena nos ganglios perivesicais, de alí aos ilíacos externos e aos ilíacos internos, que se reúnen nos ganglios do promontorio. Nervios: a innervación da vexiga procede de: Plexo lumboaórtico ou hipogástrico: que contén febras nerviosas do sistema nervioso simpático. Plexo presacro: que contén fibras nerviosas do sistema nervioso parasimpático. miniatura|dereita|230px|Compoñentes do sistema de control da vexiga ilustrado na muller Mentres que a vexiga está chea de ouriños, o músculo está relaxado. Cando se micciona, o músculo contráese para expulsar os ouriños da vexiga.
Dous músculos do esfínter rodean a uretra, que é un conduto membranoso. Os ouriños saen por este conduto.
Os esfínteres manteñen pechada a uretra apertándoa coma se fosen bandas elásticas. Os músculos do chan da pelve que están debaixo da vexiga tamén axudan a manter pechada a uretra.
Cando a vexiga está chea, os nervios que se atopan nela mandan sinais ao cerebro. É cando se producen as gañas de ouriñar. Nese momento, o cerebro manda un sinal aos esfínteres e aos músculos do chan da pelve para que se relaxen. Isto permite que os ouriños saian a través da uretra. O cerebro tamén manda un sinal á vexiga para que se contraia e expulse o contido.
Compoñentes do sistema de control da vexiga Para un bo control da vexiga, todos os compoñentes do sistema deben actuar en conxunto:
Os músculos da pelve deben soster a vexiga e a uretra. Os músculos do esfínter deben abrir e pechar a uretra. Os nervios deben controlar os músculos da vexiga e do chan da pelve.
Enfermidades da vexiga urinaria Cistite Cancro de vexiga Incontinencia urinaria
Véxase tamén Ligazóns externas National Kidney and Urologic Diseases Information Clearinghouse (NKUDIC)
Categoría:Aparato excretor Categoría:Órganos