Nas ciencias, un alvéolo (do latín científico alveǒlus, diminutivo do latín alveus, "cavidade"), é calquera oco, cavidade ou depresión de pequenas dimensións nunha superficie.
En anatomía un alvéolo pode designar dúas formacións diferentes: Os alvéolos dentarios, cavidades dos ósos maxilares dos mamíferos onde se insiren as pezas dentarias. Os alvéolos pulmonares, pequenos sacos nos que remata a árbore bronquial.
En zooloxía úsase para designar: A cada unha das celas ou do favo das abellas e doutros insectos himenópteros. A cada unha das pequenas cavidades da parede interna do barrete dos ruminantes.
En bioloxía é: Calquera depresión de pequenas dimensións na superficie de calquera órgano como, por exemplo, a que presentan os tálamos das plantas da familia das compostas ou asteráceas.
En xeomorfoloxía ten significados ben diferentes: Por un lado, designa as cavidades ou depresións de pequenas dimensións (de até varios centímetros) e de forma globular, escavadas nunha rocha (especialmente nas calcarias) por acción química (alvéolo de disolución) ou mecánica (pola abrasión do vento cargado de area); Cando a cavidade é de maior tamaño, denomínase tafoni (na terminoloxía xeolóxica internacional) ou cachola, na popular galega. Pero tamén se designa con este termo ás depresións de grandes dimensións (de varios hectómetros a varios quilómetros de diámetro) escavadas por erosión diferencial nos zócolos cristalinos debida ao afloramento de rochas alterábeis ou ao entrecruzamento de liñas de fractura.
Finalmente, en micoloxía é: Cada unha das cavidades nas que se atopa o himenio dos fungos ascomicetos, como os que se poden ver nas pantorras ou xiruspatos (cogomelos do xénero Morchella), o conxunto dos cales dá ao sombreiro típico destes fungos un aspecto de esponxa.