Xoán Paulo II (en latín, Ioannes Paulus PP. II), nado co nome de Karol Józef Wojtyła (AFI: [ˈkarɔl ˈjuzɛf vɔjˈtɨwa]) en Wadowice o 18 de maio de 1920 e finado na Cidade do Vaticano o 2 de abril de 2005, foi o papa número 264 da Igrexa católica. De orixe polaca, foi o primeiro Pontífice non italiano dende Hadrián VI, finado en 1523. O seu pontificado de 26 anos foi o terceiro máis longo na historia da Igrexa católica, despois do de San Pedro (crese que entre 34 e 37 anos) e o de Pío IX (31 anos).

Foi considerado, segundo a revista Time, un dos líderes máis influentes do século XX, (de pago) e considérase que axudou á fin dos réximes comunistas en Polonia e no resto de Europa. No seu pontificado melloraron significativamente as relacións da Igrexa católica co xudaísmo, co islam, coa Igrexa ortodoxa e coa Comuñón Anglicana. Algúns sectores criticárono por manter a postura contraria da Igrexa ante a anticoncepción e a ordenación de mulleres, mentres que tamén foi criticado polo seu apoio ao Concilio Vaticano Segundo e ás súas reformas; porén, tamén foi gabado pola súa postura firme e ortodoxa en canto á doutrina católica.

Perspectiva xeral miniatura|esquerda|250px|Xoán Paulo II na súa visita ao Brasil. Xoán Paulo II enfatizou o que el denominou a «chamada universal á santidade». Tentou definir o papel da Igrexa católica no mundo moderno de cara a unha nova evanxelización, o pulo do ecumenismo e a contribución á construción dun mundo máis xusto e máis humano (o que denominou a civilización do amor). Denunciou o que considerou erros ideolóxicos propios do comunismo, o marxismo, o feminismo, o imperialismo, o relativismo, o materialismo, o fascismo (incluíndo o nazismo), o racismo e o capitalismo e as súas consecuencias. En moitos sentidos, loitou contra a opresión, o secularismo e a pobreza cunha constante defensa dos dereitos humanos, a dignidade da persoa e a diversidade cultural dos pobos.

A pesar de que mantivo relacións amigábeis con moitos dirixentes occidentais, rexeitou profundamente o consumismo por consideralo culpable da corrosión espiritual dos países occidentais, e a orientación hedonista das súas poboacións. Acusou tamén a Occidente dun egoísmo insolidario cos desherdados da terra.

O seu labor en Polonia foi un factor relevante na apertura dos países do vello bloque soviético, tal como recoñeceu o propio Mikhail Gorbachev.

Dende o punto de vista doutrinal, mantívose equidistante. Rexeitou as formulacións máis radicais da teoloxía da liberación, unha teoloxía comprometida cos procesos revolucionarios de Latinoamérica. Pero foi máis contundente con Monseñor Lefevbre, coñecido polas súas posicións ultraconservadoras, a quen acabou excomungando. Elevou ao cardealado a teólogos perseguidos no seu día polas súas ideas aperturistas (Yves Congar, Henri de Lubac ou Hans Urs von Balthasar), pero foi inflexible con outros como Hans Küng, xa sancionado por Paulo VI, ou Leonardo Boff).

Na súa loita contra o que denominou a cultura da morte, foi criticado polas súas posicións contrarias á anticoncepción, o preservativo, o aborto, a eutanasia e a fecundación artificial.

Maior recoñecemento suscitou a súa defensa da paz nos máis diversos conflitos bélicos e, moi particularmente, a súa condena da guerra de Iraq.

Xoán Paulo II foi coñecido como o Papa Viaxeiro por percorrer distancias máis grandes que os seus predecesores.

Beatificou 1 340 persoas, máis que calquera dos papas anteriores. O Vaticano confirmou que canonizou máis xente que a suma dos seus predecesores nos anteriores cinco séculos, e dunha gran variedade de culturas. Este feito é difícil de demostrar, xa que as crónicas de moitas das máis temperás canonizacións están incompletas ou perdidas.

En febreiro de 2004 foi nomeado para o Premio Nobel da Paz honrando o seu traballo de oposición á opresión comunista e o seu traballo a prol da xustiza.

Xoán Paulo II morreu o 2 de abril de 2005 tras unha longa loita contra a doenza de Parkinson e outras enfermidades. Inmediatamente trala súa morte, moitos dos católicos de todo o mundo demandaron que fose declarado santo o máis pronto posible, aos berros de «Santo Subito» («Santo xa» en italiano). Tanto o xornal L'Osservatore Romano como Bieito XVI, refírense a el como o Grande.

Xoán Paulo II foi sucedido polo Cardenal Joseph Ratzinger de Alemaña, antigo prefecto da Congregación para a Doutrina da Fe que celebrou o funeral.

Biografía Vida temperá miniatura|Emilia e Karol Wojtyła (pai) no día do seu casamento. Karol Józef Wojtyła naceu o 18 de maio de 1920 en Wadowice, no sur de Polonia, e foi o menor dos tres fillos que tiveron Karol Wojtyła e Emilia Kaczorowska. A súa nai morreu en 1929, canto el tiña oito anos. O seu pai criouno de maneira que puido estudar. O seu irmán, que traballaba de médico, morreu cando Karol tiña uns 12 anos. A súa xuventude estivo marcada polos longos contactos coa comunidade xudía de Wadowice. Xogaba ao fútbol a miúdo, habitualmente como gardameta.Karol Wotjyla: The Pope of the third millennium, Sergio Toppi,‎ Tony Pagot, 2001, St Pauls, ISBN 978-0854396276

Karol ingresou na Universidade en Cracovia. Traballou voluntariamente como bibliotecario e fixo o servizo militar obrigatorio na Lexión Académica. Na súa xuventude foi atleta, actor e dramaturgo e aprendeu como mínimo doce idiomas durante a súa vida, entre eles latín, ucraíno, grego, castelán, portugués, francés, italiano, alemán, inglés e, por suposto, polaco. Tamén adquiriu un certo dominio do ruso.

Durante a segunda guerra mundial e a conseguinte ocupación nazi, todos os estudantes da Universidade foron arrestados e a Universidade suprimida. Todos os homes en idade de traballar debían ter un traballo. El traballou como mensaxeiro para un restaurante e como obreiro nunha canteira.

O seu pai morreu cando el tiña 22 anos.

Sacerdocio miniatura|esquerda|Estatua de Xoán Paulo II na Catedral da Almudena, Madrid. En 1942, en pleno dominio nazi, ingresou no seminario clandestino dirixido polo arcebispo de Cracovia, o cardeal Sapieha. Karol Wojtyła foi ordenado sacerdote o 1 de novembro de 1946, polo mesmo arcebispo Sapieha, co que se confirmara. Pouco despois, comezou a estudar Teoloxía na Universidade Pontificia de San Tomé de Aquino, onde acadou unha licenciatura e despois un doutoramento en Teoloxía Sacra. A súa investigación versou sobre a Doctrina de fide apud S. Ioannem a Cruce (A doutrina da fe de acordo a San Xoán da Cruz). Aínda que o seu traballo foi unanimemente aprobado en xuño de 1948, foille denegado o doutoramento porque non podía permitirse imprimir o texto da súa exposición. En decembro dese ano, un texto revisado da súa exposición foi aprobado pola facultade teolóxica da Universidade de Cracovia, e Wojtyła acadou finalmente o título.

Conseguiu un segundo doutoramento, baseado nunha avaliación da posibilidade de establecer unha ética católica no marco do sistema ético da fenomenoloxía de Max Scheler e a súa ética dos valores, en 1954. Como sucedera co primeiro, tivo que agardar a obter o título. Esta vez, as autoridades comunistas prohibiron á facultade da Universidade de Cracovia outorgar o título. Xunto coa súa habilitación na Universidade Católica de Lublín, finalmente obtivo o doutoramento en Filosofía en 1957 desa institución, onde obtivo a Cátedra de Ética en 1956.

Bispo e cardeal O 4 de xullo de 1958 o papa Pío XII nomeouno bispo auxiliar da arquidiocese de Cracovia. Foi convocado a Varsovia para reunirse co primado de Polonia, o cardeal Stefan Wyszyński, quen o informou de dito nomeamento. Accedeu a traballar como bispo auxiliar do arcebispo Eugeniusz Baziak, e foi ordenado bispo o 28 de setembro de 1958 co título de bispo titular de Ombi. Karol Wojtyła converteuse así, con 38 anos, no bispo máis novo de Polonia. O principal consagrador foi o propio Baziak, e os co-consagradores foron os bispos auxiliares Boleslaw Kominek e Franciszek Jop. Baziak finou en xuño de 1962, e Wojtyła foi seleccionado vicario capitular (administrador temporal) da arquidiocese.

En 1962 tomou parte no Concilio Vaticano Segundo, onde fixo achegas ao Decreto sobre a liberdade relixiosa (Dignitatis Humanae) e á Constitución Pastoral da Igrexa e o mundo moderno (Gaudium et Spes). Participou asemade no Sínodo dos Bispos. En decembro de 1963 o papa Paulo VI nomeouno arcebispo de Cracovia. O 26 de xuño de 1967, Paulo VI anunciou a elevación do arcebispo Wojtyła ao Sagrado Colexio de Cardeais, sendo o segundo máis novo do devandito colexio (47 anos) e recibindo o título de cardeal-presbítero de San Cesareo in Palatio. No mesmo ano, contribuíu significativamente á encíclica Humanae Vitae, que abordou en profundidade a postura católica contraria á anticoncepción.

Un papa para Polonia miniatura|Escudo de Xoán Paulo II. O «M» é pola Virxe María, a quen tiña moita devoción En agosto de 1978, trala morte de Paulo VI, participou no conclave que elixiu papa a Xoán Paulo I. Con 65 anos, era considerado novo para os estándares papais. De todos os xeitos, Xoán Paulo I, feble de saúde, morreu despois de tan só 33 días de papado, o que levou á celebración dun novo conclave.

As votacións no segundo conclave dividíronse principalmente entre dous candidatos: o cardeal Giuseppe Siri, o arcebispo de Xénova; e o cardeal Giovanni Benelli, o arcebispo de Florencia. Nas primeiras votacións, Benelli parecía o futuro papa. Finalmente Wojtyła converteuse no elixido, en parte grazas ao apoio do cardeal Franz König e outros que antes apoiaran ao cardeal Siri.

Converteuse no papa 264º de acordo coa lista de papas cronolóxica. Con 58 anos de idade, foi o papa máis novo elixido dende Pío IX en 1846. Como o seu inmediato predecesor, Xoán Paulo II prescindiu da tradicional coroación papal e no canto diso recibiu a investidura eclesiástica coa simplificada inauguración papal o 22 de outubro de 1978. Durante a súa inauguración, cando os cardeais se axeonllaban diante del, tomaban os seus votos e bicaban o seu anel, ergueuse cando o primado polaco cardeal Stefan Wyszynski se axeonllou, parouno cando lle ía bicar o anel e ergueuno. Como bispo de Roma tomou posesión da súa catedral, o 12 de novembro de 1978.

Atentados O 13 de maio de 1981 Xoán Paulo II foi ferido por un disparo de Mehmet Ali Ağca, un pistoleiro turco, cando entraba na Praza de San Pedro nunha audiencia. Ağca foi capturado e sentenciado á cadea. Dous días despois do Nadal de 1983, Xoán Paulo II visitou o cárcere onde Ağca estaba encerrado e falaron en privado durante 20 minutos. Xoán Paulo II dixo: «O que temos falado permanecerá como un segredo entre el e mais eu. Faleille como a un irmán a quen perdoei e que ten a miña completa confianza».

O 2 de marzo de 2006, unha comisión parlamentaria italiana concluíu que o Kremlin estaba detrás do atentado, en relación co apoio de Xoán Paulo II a Solidariedade, o sindicato católico obreiro polaco, unha tese que foi enseguida apoiada por Michael Ledeen e pola CIA no seu momento. A investigación estableceu que algúns departamentos de seguridade búlgaros foron empregados para manter oculto o papel desempeñado pola Unión Soviética. De todos os xeitos, hai outras teorías alternativas, e o mesmo papa declarou durante unha visita a Bulgaria en maio de 2003 que aquel país non tiña nada que ver coa tentativa de asasinato. O infrutuoso asasino era tamén membro da organización ultranacionalista turca os Lobos Grises, que foran supostamente infiltrados polos Gladio, unha organización paramilitar relacionada coa OTAN creada para prever unha posible invasión soviética de Turquía. Bulgaria e Rusia rebateron as conclusións da comisión italiana, resaltando o feito de que o mesmo papa negara a conexión búlgara. Esta tese é tamén a trama da novela de Tom Clancy Coello Vermello, publicada en 2002.