A urea (do grego ούρον, urina) é un composto químico cristalino e incoloro, de fórmula CO(NH2)2. Atópase de xeito abondoso na urina e nas feces. É o principal produto terminal do metabolismo de proteínas nos mamíferos. A urina humana contén arredor duns 20 g por litro, e unha persoa adulta elimina de 25 a 39 g ao día.

Características En cantidades menores, está presente no sangue, no fígado, na linfa e mais nos fluídos serosos, e tamén nos excrementos dos peixes e moitos outros animais inferiores. Tamén a atopamos no corazón, nos pulmóns, nos ósos e nos órganos reprodutivos así como no seme. A urea fórmase principalmente no fígado coma un produto final do metabolismo. O nitróxeno da urea, que constitúe a meirande parte do nitróxeno da urina, procede da descomposición das células do corpo, especialmente das proteínas dos alimentos. A urea está presente tamén nos fungos así como nas follas e sementes de numerosos legumes e cereais.

É solúbel na auga mais no alcol, e lenemente solúbel en éter. Obtense mediante a síntese de Wöhler, deseñada en 1828 polo químico alemán Friedrich Wöhler, e foi a primeira substancia orgánica obtida artificialmente.

Usos Por mor ao seu alto contido en nitróxeno, a urea preparada comercialmente emprégase na fabricación de adubos agrícolas. A urea emprégase tamén como estabilizador en explosivos de carbonocelulosa e é unha compoñente básica de resinas preparadas sinteticamente.

Así mesmo úsase nos pensos para o gando. É unha fonte de azoto non proteico que pode aproveitar a flora bacteriana que mora no sistema dixestivo dos ruminantes para producir proteínas, que nutren o seu hóspede. É moito máis barato que as proteínas de orixe vexetal, e malia consumir calorías para converter a urea en proteína, resulta máis rendíbel. Pódense empregar outras fontes de azoto non proteico, coma o amoníaco ou nitratos, porén a urea é máis segura: as vacas eliminan polo cuspe a urea producida polo seu metabolismo e deste xeito poden aproveitala. O leite de vaca tamén contén urea.

Na dermatoloxía a urea emprégase como humectante natural polas súas excelentes propiedades hidratantes.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Aparello urinario Ciclo da urea Proba de alento da urea Urease

Categoría:Compostos químicos Categoría:Química orgánica Categoría:Ciclo da urea Categoría:Ureas