miniatura|Pintura venezolana de principios do século XX que representa o fundador de Caracas, o zamorano Diego de Losada. O pintor, anacronicamente, píntao cunha bandeira española rojigualda (creada no século XVIII, douscentos anos despois da etapa da conquista). A historia de Caracas comezou coa súa fundación en 1567 baixo o nome de Santiago de León de Caracas polo explorador zamorano Diego de Losada.

Idade Moderna

Século XVI En 1560 o mestizo Francisco Fajardo establece no lugar a facenda gandeira de San Francisco. Acosada polos indios da rexión (entre outros os caracas dun val achegado), ao ano seguinte o explorador Juan Rodríguez Suárez, para defendela mellor, convértea en Villa de San Francisco, con alcalde e repartindo terras entre os seus soldados. Pero foi destruída polos nativos ese mesmo ano. miniatura|Primeiro plano de Caracas1578 miniatura|Vista de Caracas en 1839.

Ata que en 1567-8 o conquistador Diego de Losada, seguindo unha Real Cédula, refunda formalmente no lugar a cidade de Santiago de León de Caracas. A súa excelente situación, preto da costa pero ben defendida por unha cadea de montañas e en altitude para temperar o clima, fan que en dez anos sexa elixida coma capital da provincia de Venezuela. Xa en 1576 os franciscanos fundan un convento e no 1577, o gobernador Juan de Pimentel debuxa o primeiro plano da cidade con vinte e cinco cuadras (seguindo as ordenanzas de Filipe II, no acostumado dameiro colonial español cunha praza central onde se sitúan os edificios representativos, cabido e igrexa).

Século XVII Os séculos XVII e XVIII son de crecemento á calor do comercio e ampliando a trama ortogonal en todas as direccións excepto ao oeste, onde estaba constrinxida polo outeiro do Calvario. Inda que un terremoto destrúe a cidade en 1641 e a reconstrución é lenta e traballosa (catedral no lugar da Igrexa Maior) os corsarios obrigan a iniciar unha muralla en 1678 que non se remata.

Século XVIII En 1703 iníciase unha grande expansión ao leste co barrio de La Candelaria (emigrantes canarios), e no 1777 Caracas convértese na capital da Capitanía Xeneral de Venezuela.

Idade Contemporánea

Século XIX O século XIX é o do libertador caraqueño Simón Bolívar e a independencia, e tamén o dun estancamento urbano. En 1812 un novo terremoto destrúe a cidade e tan só cara á fin da centuria, a administración do presidente Guzmán Blanco supón a modernización dos servizos públicos da urbe, pero asemade o seu afrancesamento coa destrución dunha chea de edificios coloniais hispanos e a súa substitución por outros dun eclecticismo á moda (por exemplo o Capitolio lexislativo, inmediato polo suroeste á praza maior chamada dende esa época Praza Bolívar).

Século XX De calquera maneira ata ben entrado o século XX Caracas inda mantén o carácter dunha pequena cidade agrícola e comercial. Foi a partir de 1936 que, co inicio dos ingresos petroleiros, comezou unha explosión demográfica (inmigración do campo e dende Europa: españois (moitos galegos), italianos e portugueses) que a levou en só sete décadas de vila a metrópole.

En 1939 apróbase o Plan Rotival para a reestruturación do centro cun grande eixo monumental e edificios gobernamentais ao sur das vinte e cinco mazás orixinais. Só se realizou o plan viario cunha grande e núa Avenida Bolívar e o ancheamento doutras arredor do núcleo histórico (Urdaneta, S.Martín, Sucre, Andrés Bello). O máis interesante dese tempo foron as realizacións do mellor arquitecto venezolano, Carlos Raúl Villanueva: a Reurbanización El Silencio (1942, ao pé do Calvario, orixe da Avenida Bolívar) e sobor de todo a Cidade Universitaria (1954, xunto ao Parque dos Caobos no outro extremo da Avenida Bolívar).

En 1952 un novo Plan Rector pretendeu desta vez aplicar as ideas urbanísticas da arquitectura moderna no canto do academicismo novecentista do anterior. Nós de autoestradas e o Centro Bolívar na avenida homónima é a súa herdanza máis significativa.

Coma outras grandes cidades de América Latina, Caracas ten sufrido os efectos dun exceso de migración do rural que a urbe non pode situar, en forma de poboados chabolistas (barrios) colgados dos outeiros que puntúan o val (ata case que un millón de persoas nos setenta).

Notas

Véxase tamén

Bibliografía Oramas Luis R., Boletín de la Academia Nacional de la Historia, 1961, Publicacdo en Caracas (Venezuela) Fray Pedro Simón, Noticias historiales de Venezuela, 1987. Publicado por Ediciones de la Academia Nacional de la Historia - Caracas (Venezuela)

Categoría:Historia de Venezuela Categoría:Caracas Categoría:Historia por cidade