O Athletic Club, coñecido popularmente como Athletic de Bilbao, é un club de fútbol vasco con sede en Bilbao, Biscaia. Fundado no ano 1898 e un dos clubs decanos do Estado español e, xunto co Fútbol Club Barcelona e o Real Madrid, o único equipo que participou en tódalas edicións da liga de Primeira división. O club comezou xogando os seus primeiros partidos en Getxo, aínda que durante cen anos, entre 1913 e 2013 xogou os seus partidos como local no antigo estadio de San Mamés, lugar alcumado como "A Catedral". A partir da tempada 2013-14 o Athletic xoga os seus partidos como local no novo San Mamés, con capacidade para 53.332 espectadores.

Coa súa característica vestimenta a faixas vermellas e brancas, unha das particularidades máis representativas do club é a súa tradición de xogar unicamente con xogadores nados ou formados futbolisticamente no histórico País Vasco, a cal mantén practicamente dende os seus inicios. Tamén é recoñecido historicamente, por ser un club de canteira e traballar na formación de novos futbolistas, sendo esta a principal fonte de abastecemento de xogadores para o primeiro equipo.

O Athletic posúe nas súas vitrinas oito campionatos da liga española, sendo o cuarto club en con máis títulos desta competición, e vinte e catro Copas do Rei. En 2025 ocupa o cuarto lugar na clasificación histórica da Primeira división, se ben tradicionalmente ocupou o terceiro lugar até que na tempada 2009/10 foi superado polo Valencia CF. Tamén ostenta a marca de maior goleada na historia da liga, ao vencer ao FC Barcelona por 12-1 na tempada 1929-30. A nivel continental, os maiores logros do club foron dous subcampionatos da UEFA Europa League. O primeiro data da tempada 1976-77, onde caeron na final ante a Juventus FC (baixo o nome de Copa da UEFA) e o segundo da edición de 2011-12, onde perderon ante o Atlético de Madrid. A maior goleada do Athletic en competición continental foi un 1-7 ao Standard de Liège na tempada 2004-05.

Historia Chega o fútbol a Biscaia (1890-1908) miniatura|esquerda|O Athletic Club co título da primeira edición da Copa do Rei en 1903 conseguida tras vencer ao Madrid por 2-3.

Na década de 1890 o fútbol chega a Biscaia grazas aos ingleses que traballaban nos portos biscaíños, os cales adoitaban xogar partidos de football nos seu tempo libre, aos que pouco a pouco fóronselles unindo os habitantes da zona. O interese dos biscaíños por este novo deporte foi medrando, até que en 1898 uns mozos do ximnasio Zamacois de Bilbao tiveron a idea de fundar un equipo como os existentes en Inglaterra. Este equipo foi bautizado co nome de Athletic Club, aínda que non se constituíu legalmente até o 5 de abril de 1901.

En 1900 xorde outro equipo, o Bilbao Football Club. Ámbolos dous clubs disputaban a miúdo partidos amigables, os cales cada vez ían tendo máis relevancia entre os afeccionados biscaíños, chegando crearse un gran rivalidade entre os dous conxuntos. Na primavera de 1902, celebrouse un torneo estatal de fútbol para celebrar a maioría de idade do rei Afonso XIII. O trofeo, considerado o precursor da Copa do Rei, foi bautizado como Copa da Coroación. Para disputalo, o Athletic Club e o Bilbao F.C. crearon un equipo combinado co nome de Bizcaya, o cal se alzou co título ao gañar por 2-1 ao Barcelona no hipódromo de Madrid.

En 1903, o Bilbao Football Club acordou en Xunta Xeral disolver a sociedade, ingresando a tódolos seus socios no Athletic Club. Tras superar unha dura crise institucional, que case lle custa a súa disolución, o Athletic debutou ese mesmo ano na recentemente creada Copa do Rei proclamándose campión tras vencer ao Real Madrid na final, título que repetiu ao ano seguinte.

A construción de San Mamés (1908-1922) 300px|miniatura|O Athletic campión de Liga en 1921.

Dez anos despois da fundación do club ao Athletic comezóuselle a quedar pequeno o campo de Lamiako. A afección polo fútbol en Biscaia estaba a medrar exponencialmente nos últimos anos, e un cambio de campo era cada vez máis preciso. A alternativa, o novo campo de Jolaseta, situado no barrio de Neguri (Getxo), tampouco cubría as necesidades dun club en pleno crecemento que demandaba un campo propio e en condicións. Un crecemento xustificado xa que en 1910, lucindo xa camisola branquivermella, o Athletic volveu proclamarse campión de Copa sete anos despois, repetindo o mesmo éxito ao ano seguinte. Neses anos, comezou a destacar a figura dun xogador novo que daría moito que falar nos próximos anos: Rafael Moreno Aranzadi, coñecido polo seu alcume "Pichichi", un extremo rápido, de disparo potente e con caneo. miniatura|left|170px|Rafael Moreno, Pichichi.

Como colofón ao equipo un equipo xa campión, ese mesmo ano contratouse ao primeiro adestrador da historia do club, o inglés Shepherd, o cal abandonou o club sendo substituído ao ano seguinte por outro inglés, William Barnes, o cal debutou cun empate a 0 nun partido ante o Fortuna de Vigo. En 1913 comezou por fin a ansiada construción do novo estadio coa colocación da primeira pedra o 20 de xaneiro, concluíndo as obras o 21 de agosto do mesmo ano. O estadio fora levantado nos terreos situados xunto ao asilo de San Mamés (en galego: San Mamede), de quen tomou o seu nome. A inauguración festexouse cun partido amigable entre o Athletic e o Racing Club de Irún, que terminou co resultado de empate a un gol. Pichichi foi precisamente o encargado de anotar o primeiro gol da historia da Catedral, alcume co que era coñecido o estadio.

Chegou entón unha época chea de éxitos para o Athletic, conquistou tres veces consecutivas a Copa do Rei, 1914, 1915 e 1916, sendo considerado pola prensa o mellor equipo do Estado. Con Barness no banco, o equipo do Athletic formábano os seguintes xogadores: Ibarreche baixo os paus; Solaun e Furtado na defensa; a Eguía, Belauste e o seu irmán Ramón no mediocampo; e a dianteira formada por Iceta, Germán, Apón, Zuazo e Pichichi. Este último, rexeitara varias ofertas de clubs ingleses que lle ofrecían un contrato profesional con moi boas condicións, mais preferiu ficar en Bilbao. Concluída a tempada 1915-16, o Athletic pasou por un tempo de crise institucional, e non foi até 1921 cando volveu gañar un novo campionato de Copa. Este foi o último título para Pichichi, que ao termo da tempada 1920-21 retirouse do fútbol. Algunhas fontes sinalan que tras retirarse, dedicouse á arbitraxe. Pouco despois, o 1 de marzo de 1922, faleceu a causa do tifo cando apenas contaba con 29 anos de idade. Hoxe o trofeo de máximo goleador da Liga leva o seu nome.

A primeira dianteira histórica (1922-1936) miniatura|300px|Equipo do Athletic campión de liga na tempada 1930-31. Forman de pé: Muguerza, Chirri II, Urquizu, Lafuente, Blasco, Ispizúa, Uribe, Unamuno e Casteláns. Agachados: Bata, R. Echevarría e Gorostiza.

A década de 1920 finalizou coa creación do campionato de liga na tempada 1928-29. Este feito coincidiu cun dos momentos máis doces da historia do Athletic, xa que durante a década de 1930 gañou até oito títulos en seis anos. Durante os últimos anos da década de 1920, o Athletic foi recrutando aos mellores talentos do fútbol biscaíño. Chegou Blasco en 1926 procedente do Acero de Olabeaga, posteriormente en 1927 Unamuno, procedente do Alavés, e do Barakaldo chegaron Lafuente en 1925 e Bata en 1929. Pola súa banda, do Arenas de Getxo recalaron Gorostiza en 1929 e Cilaurren en 1931. Do equipo de reservas do Athletic subiron xogadores como Chirri II e Garizurieta en 1927, Ispizua en 1928 ou Iraragorri en 1929.

Baixo a dirección do técnico inglés Frederick Pentland, o equipo alzouse con dous campionatos de liga (nas tempadas 1929-30 e 1930-31) e catro campionatos de Copa consecutivos (nos anos 1930, 1931, 1932 e 1933). Xa sen Pentland, que non chegou a un acordo para renovar o seu contrato, o Athletic fíxose con dous campionatos de liga máis, os de 1933-34 e 1935-36. Deste equipo destaca a popularmente coñecida como "A primeira dianteira histórica" do Athletic, formada por Lafuente, Iraragorri, Bata (gañador do Trofeo Pichichi en 1930-31), Chirri II e Gorostiza (gañador do Trofeo Pichichi en 1929/30 e 1931/32). Con Blasco como gardameta, gañador do Trofeo Zamora en tres ocasións (1929-30, 1933-34 e 1935-36). Aínda que estes premios non se instauraron até anos despois, fóronlles concedidos posteriormente como acto de recoñecemento.

É destacable desta época a goleada conseguida ante o Barcelona (12-1) na tempada 1930-31, o que dende aquela supón a maior goleada da historia da Liga. Por parte do Athletic marcou Bata 7 goles (min. 2', 8', 24', 37', 57', 60' e 68'), Gorostiza (min. 27'), Lafuente (min. 36'), Garizurieta (min. 55') e Iraragorri (min. 83'), incluíndo un gol en propia meta do barcelonista Zábalo. O gol do Barcelona foi obra do navarro Goiburu (min. 10'). Aquela tempada histórica o Athletic conseguira concluír a liga sen perder nin un só partido. Porén, as andanzas deste equipo cortáronse de golpe en 1936, ano no que estalou a guerra civil, feito que obrigou a suspender a liga durante catro tempadas.

A segunda dianteira histórica (1940-1955) En decembro de 1940 a Federación Española de Fútbol emitiu unha circular na que ordenaba aos clubs a eliminación de todo estranxeirismo antes do 1 de febreiro de 1941. Dende entón e até xullo de 1970, ano en que se derogou o Decreto, o nome oficial foi Atlético de Bilbao. miniatura|left|180px|Raimundo Pérez Lezama, porteiro titular do Athletic entre os anos 1941 e 1957. Conquistou o Trofeo Zamora na tempada 1946/47.

Trala fin da guerra civil, o campionato de Liga foi reiniciado na tempada 1939-40. O Athletic, viuse obrigado a refacer o equipo case na súa totalidade, xa que só puido dispor de cinco dos xogadores que formaban parte do club antes da contenda: Oceja, Zabala, Urra, Garate e Unamuno. O resto, tiveran que emigrar ou ficharan por outros equipos; así, Blasco e Cilaurren ficharon polo River Plate arxentino, mentres que Zubieta e Iraragorri fóronse ao San Lorenzo de Almagro. Para recompor o equipo, como xa se fixera en anteriores ocasións, buscáronse aos mellores talentos nos equipos vascos de categorías inferiores. O Athletic logrou formar un grupo sólido, co que forxou a que sería a "Segunda dianteira histórica", formada por Iriondo, Venancio, Zarra, Panizo e Gaínza. Outros xogadores que formaban parte da aliñación titular eran Celaya, Bertol, Arqueta, Mieza, Nando e o prometedor porteiro Echevarría, gañador dun Trofeo Zamora na tempada 1940-41, con todo tívose que retirar prematuramente debido a unha grave lesión en 1942. O seu posto na portaría ocupouno Lezama, un gardameta novo que iniciara a súa carreira deportiva en Inglaterra nas filas do Southampton, regresando máis tarde a Biscaia para xogar un ano no Arenas Getxo antes de recalar no Athletic.

O equipo conseguiu facerse de novo co campionato de Liga na tempada 1942-43, ademais de gañar a Copa durante tres anos consecutivos: en 1943, 1944 e 1945. O último campionato gañado por esta xeración, foi a Copa de 1950, na que Telmo Zarra logrou a marca de ser o xogador que máis goles marcou nunha final copeira tras anotar catro tantos (tres deles na prórroga). Tamén foi subcampión de liga nas tempadas 1940-41, 1946-47 e 1951-52, e de Copa nos anos 1942, 1949 e 1953. Destacan tamén o seis trofeos Pichichi conseguidos por Zarra.

Os once aldeáns (1955-1960)