O apeadoiro de Aranga foi un apeadoiro de Adif situado preto da aldea do Apeadeiro, entre as parroquias de Vilarraso e Aranga, no concello de Aranga. O edificio permanece á beira da liña férrea A Coruña-León e actualmente non presta servizos de pasaxeiros.
Situación O apeadoiro atópase no extremo sur da parroquia de Aranga, no linde coa de Vilarraso e a poucos metros do termo municipal de Curtis. Está situado no punto quilométrico 481,2 da liña férrea de largo ibérico que une León e A Coruña, entre as estacións de Teixeiro e Guitiriz, polo que era a derradeira estación da liña na provincia da Coruña en dirección a Lugo. O tramo é de vía única e está sen electrificar.
Historia miniatura|O apeadoiro de Aranga na Carta xeométrica de Galicia con el trazado de ferro-carriles y carreteras kilometradas (1917).
Entrou en funcionamento o 10 de outubro de 1875 coa apertura do tramo A Coruña-Lugo da liña férrea que pretendía unir Palencia coa Coruña. Recibiu o nome de Aranga, seguindo o costume castelán de pór os nomes dos concellos, e deu nome ó lugar do Apeadoiro.
En outubro de 1908 realizouse no apeadoiro unha xuntanza de foreiros veciños de Aranga, á cal acudiu César Sánchez Díaz, onde se discutiu a oposición ó pagamento das rendas con que contribuían á condesa Emilia Pardo Bazán. Ditas rendas foron adquiridas polo pai da escritora en 1845 e 1846 coa desamortización do mosteiro de Sobrado.
Na literatura No relato curto «Un saxo na néboa» do libro Que me queres, amor? (1995) de Manuel Rivas, o protagonista e maila Orquestra Azul baixan do tren na estación ou apeadoiro de Aranga para logo proseguir a pé cara a ficticia Santa Marta de Lombás.
O apeadoiro aparece tamén en varios relatos do guitiricense Xosé Bergantiños, onde o autor conta como ía ás troitas ó río Mandeo desde Guitiriz, baixando no apeadoiro de Aranga e camiñando uns quilómetros pola vía do tren até o río.
Por outra banda, nalgunhas cantigas populares faise referencia ó apeadoiro, aínda que sobre todo ó paso do tren pola zona: Dis que viches, que viches, / para min non viches nada; / non viches pasar o tren / de Teixeiro para Aranga. Monte Salgueiro no alto, / A Castellana tamén; / chegando ao monte de Orosa / xa se ve pasar o tren.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Outros artigos Lista de estacións de tren de Galicia Renfe Adif
Ligazóns externas
Aranga Categoría:Aranga