Pedro I do Brasil, nado en Queluz, Lisboa, o 12 de outubro de 1798 e finado nesa mesma vila o 24 de setembro de 1834, foi o fundador e primeiro gobernante do Imperio do Brasil. Tivo tamén un breve reinado no Reino de Portugal coma Pedro IV de Portugal, onde foi alcumado como "o Liberador" e "o rei Soldado". Nado no pazo de Queluz, Pedro I foi o cuarto fillo do rei Xoán VI de Portugal e da raíña Carlota Xoaquina de Borbón, pertencendo á casa de Braganza. Cando as tropas francesas invadiron o seu país no ano 1807 fuxiu xunto á súa familia ó Brasil, naquel entón a maior e máis rica colonia de Portugal.

A expansión da revolución liberal de 1820 ata Lisboa levou ó pai de Pedro I a volver a Portugal en abril de 1821, deixándoo a el como rexente do Brasil. Tivo que tratar coas ameazas de revolucionarios e de insubordinación das tropas portuguesas, que conseguiu superar. A ameaza do goberno portugués de revogar a autonomía política da que gozara o Brasil dende 1808 recibiuse alí cun descontento xeral. Pedro I escolleu o bando brasileiro e declarou a independencia do Brasil de Portugal o 7 de setembro de 1822. O 12 de outubro dese mesmo ano foi aclamado como emperador do Brasil e para marzo de 1824 tiña derrotado a tódolos exércitos leais a Portugal. Uns poucos meses despois Pedro I abateu a Confederación do Ecuador, un intento de secesión sen éxito por parte de rebeldes no nordeste do Brasil.

Unha rebelión secesionista na provincia de Cisplatina no sur do país a comezos de 1825, e o subsecuente intento por parte das Provincias Unidas do Río da Prata de anexionala, levaron ó imperio á guerra cisplatina. En marzo de 1826 Pedro I converteuse brevemente no rei de Portugal antes de abdicar en favor da súa filla máis vella, María II. A situación agravouse en 1828 cando a guerra no sur tivo como resultado a perda de Cisplatina para o Brasil. Ese mesmo ano en Lisboa, Miguel, irmán máis novo de Pedro, usurpou o trono de María II. Pola súa parte, a relación concorrente do emperador cunha cortesá manchou a súa reputación. Tivo tamén que lidar con varias dificultades xurdidas no parlamento do Brasil, onde tivo lugar unha loita sobre se o goberno debía estar escollido polo monarca ou pola lexislatura, que dominou os debates políticos dende 1826 ata 1831. Incapaz de tratar cos problemas tanto no Brasil coma en Portugal de forma simultánea, o 7 de abril de 1831 Pedro I abdicou en favor do seu fillo Pedro II e viaxou cara a Europa.

Pedro I invadiu Portugal liderando ó seu exército en xullo de 1832. Inicialmente encarando o que semellaba ser unha guerra civil, ó pouco tempo viuse involucrado nun conflito maior que abarcou toda a Península Ibérica nunha loita entre os propoñentes do liberalismo e os que procuraban un retorno ó absolutismo. Pedro I faleceu a causa dunha tuberculose o 24 de setembro de 1834, poucos meses antes de conseguir a vitoria xunto ós liberais. Tanto os seus coetáneos coma historiadores posteriores considerárono unha figura chave que axudou a espallar os ideais liberais que permitiron que o Brasil e Portugal pasasen dos réximes absolutistas a outras formas de goberno representativo.

Primeiros anos miniatura|200px|left|Pedro con dous anos de idade, por Agustín Esteve, c.1800 Pedro naceu as 8 da mañá o 12 de outubro de 1798 no pazo real de Queluz na vila de Queluz, preto de Lisboa, Portugal. Recibiu o seu nome por san Pedro de Alcántara, e o seu nome completo foi Pedro de Alcântara Francisco António João Carlos Xavier de Paula Miguel Rafael Joaquim José Gonzaga Pascoal Cipriano Serafim. Recibiu o título honorífico de "Dom" dende o seu nacemento.

Pertencía á casa de Braganza a través do seu pai o príncipe Xoán (posteriormente o rei Xoán VI), e era neto do rei Pedro III e da raíña María I de Portugal, emparentados ámbolos dous como tío e sobriña un doutro. A nai de Pedro, Carlota Xoaquina, era filla do rei Carlos IV de España. Os pais de Pedro tiveran un matrimonio infeliz, xa que Carlota Xoaquina era unha muller ambiciosa, que sempre procurou os intereses de España en detrimento dos de Portugal. Cunha reputación de infidelidade ó seu marido, chegou a conspirar o derrocamento deste xunto a varios nobres portugueses.

Sendo o segundo fillo varón maior, converteuse en príncipe de Beira e herdeiro aparente do seu pai trala morte do seu irmán máis vello Francisco Antonio en 1801. O príncipe Xoán actuara como rexente da súa nai, a raíña María I, após o diagnostico e declaración de demencia incurable desta no ano 1792. Cara ao ano 1802 os pais de Pedro estaban separados. Xoán vivía no Pazo Real de Mafra mentres que Carlota Xoaquina residía no Pazo Ramalhão. Pedro e os seus irmáns vivían no Pazo de Queluz xunto coa súa avoa María I, lonxe dos seus pais, ós que só vían durante eventos de estado en Queluz.

Educación miniatura|esquerda|Pedro con 11 anos de idade, por Francesco Bartolozzi, c.1809 A finais de novembro de 1807, tendo Pedro nove anos de idade, a familia real escapou de Portugal por mor da aproximación á Lisboa do exército francés enviado por Napoleón. Chegaron en marzo de 1808 a Río de Xaneiro, capital do Brasil, que naquel entón era a colonia máis extensa e rica de Portugal. Durante a viaxe Pedro leu a Eneida de Virxilio e pasou tempo conversando coa tripulación do buque, adquirindo coñecementos de navegación. Xa no Brasil, tras unha breve estancia no Pazo Imperial, Pedro instalouse xunto co seu irmán máis novo Miguel e o seu pai no pazo de São Cristóvão. Malia que nunca chegou a ter unha relación íntima co seu pai, Pedro estimábao e resentía a humillación constante sufrida polo seu pai a mans de Carlota Xoaquina por mor das aventuras extramatrimoniais dela. Xa posteriormente de adulto, Pedro só albergaba un sentimento de desprezo pola súa nai, á que chamaba abertamente "pécora" ("vadia"). Segundo o historiador Neill Macaulay, estas primeiras experiencias de traizón, frialdade e abandono tiveron un grande impacto na formación do seu carácter.

A súa institutriz ("aia") foi María Genoveva do Rêgo e Matos, á que profesaba un amor maternal, e o seu supervisor ("aio") foi o freire Antonio de Arrábida, quen se converteu no seu mentor. Ámbolos dous estaban ó cargo da súa crianza e tentaron proporcionarlle unha educación axeitada. A súa instrución incluía unha variedade de temas como matemáticas, economía política, lóxica, historia e xeografía. Aprendeu a falar e escribir en portugués, latín e francés. Tamén era capaz de traducir dende o inglés e comprendía o alemán. Pedro continuou a súa educación xa de emperador, adicando unhas dúas horas diarias ó estudo e á lectura.

Malia ter unha instrución considerable, a súa educación resultou deficiente. O historiador Otávio Tarquínio de Sousa afirmou que Pedro "era sen lugar a dúbidas intelixente, espelido e perspicaz". Porén, o historiador Roderick J. Barman relatou que era "demasiado bulideiro, errático e emocional" por natureza, indicando que sempre foi moi impulsivo e nunca chegou a aprender a exercitar un autocontrol ou avaliar as consecuencias das súas decisións e adaptar a súa perspectiva ós cambios nas situacións. O seu pai nunca permitiu que ninguén o disciplinase, e en varias ocasións saltábase a súa rutina de dúas horas de estudo diario despachando ós seus instrutores para adicarse a outras actividades que consideraba máis interesantes.

Primeiro matrimonio miniatura|200px|right|Retrato de Pedro ós 18 anos de idade, por Jean-Baptiste Debret, c.1816 Ó príncipe satisfacíanlle máis as actividades que requirían habilidades físicas que as actividades lectivas. Na propiedade do seu pai en Santa Cruz Pedro adicouse a adestrar cabalos e chegou a estar considerado un bo xinete e un excelente ferrador. Gozaba, xunto co seu irmán Miguel, das cazas a cabalo a través de terreos descoñecidos, por medio de bosques e incluso de noite ou con tempo adverso. Demostrou ter talento tamén para o debuxo e as actividades manuais, adicándose á talla de madeira e á construción de mobles. Gustáballe a música e adicouse á ela seguindo a guía de Marcos Portugal, chegando a estar considerado un compositor capaz. Considerábase que tiña unha boa voz para o canto e sabía tocar varios instrumentos musicais, incluíndo o piano, a frauta e a guitarra, cos que tocaba cancións e bailes populares. Agás en ocasións solemnes nas que vestía o traxe da corte, a súa vestimenta de diario consistía nuns pantalóns brancos de algodón xunto cunha chaqueta a raias de algodón e un chapeu de ala ancha feito de palla, ou dunha levita e sombreiro de copa para situacións máis formais. Tamén adoitaba pasar tempo conversando coa xente na rúa sobre as súas preocupacións.

O seu carácter estaba marcado por un impulso enerxético que bordeaba a hiperactividade, era impetuoso, irritable e tiña tendencia a ser dominante. Aburríase e distraíase con facilidade, e a maiores das súas actividades ecuestres e de caza entretíñase flirteando con mulleres. Sentíase atraído pola procura de aventuras, e en ocasións frecuentaba tabernas en Río de Xaneiro situadas en distritos de mala reputación, disfrazado de viaxeiro. Non adoitaba beber alcohol, pero era un mullereiro incorrixible. A primeira relación duradeira que se lle coñece foi cunha bailarina francesa chamada Noémi Thierry, que tivo un fillo con el que naceu xa morto. O pai de Pedro, que ascendera ó trono como Xoán VI, enviouna lonxe para evitar poñer en dúbida o compromiso do príncipe coa arquiduquesa María Leopoldina, filla do emperador Francisco I de Austria.

O 13 de maio de 1817 Pedro casou por procuración con María Leopoldina. Cando ela chegou a Río de Xaneiro o 5 de novembro dese ano, namorouse de forma inmediata de Pedro, a quen vía máis encantador e atractivo do que esperaba. O príncipe, que tiña 19 anos nese momento, era atractivo e algo máis alto ca a media, con ollos escuros e cabelo marrón escuro. Segundo Macaulay, "a súa boa aparencia debíase en gran medida o seu porte, orgulloso e ergueito incluso nunha idade difícil, e ó seu aseo, que era impecable. Habitualmente pulcro e limpo, adoptara o costume brasileiro de bañarse a miúdo." A misa nupcial, que incluíu a ratificación dos votos tomados anteriormente na procuración, tivo lugar o 6 de novembro. Tiveron xuntos sete fillos: María (posteriormente a raíña María II de Portugal), Miguel, João, Januária, Paula, Francisca e Pedro (posteriormente o emperador Pedro II do Brasil).

Independencia do Brasil

Revolución liberal de 1820

miniatura|300px|Aceptación provisional da Constitución de Lisboa, de Félix Émile Taunay, c. 1821 O 17 de outubro de 1820 chegaron novas de que as gornicións militares en Portugal amotináranse, dando lugar o que se coñecería como a Revolución liberal de 1820. O exército formou un goberno provisional, suplantando á rexencia asignada por Xoán VI, e convocou ás Cortes para unha elección democrática co obxectivo de crear unha Constitución nacional. Pedro sorprendeuse cando o seu pai ademais de pedirlle consello, decidiu envialo a Portugal para gobernar como rexente no seu nome e aplacar ós revolucionarios. O príncipe non fora educado para gobernar e ata entón non lle permitiran participar en asuntos de estado. Este papel herdado por dereito de nacemento estivera ocupado pola súa irmá máis vella María Teresa. Xoán VI confiaba no seu consello, e era ela quen formaba parte do Consello de Estado do rei.

O rei e os seus conselleiros máis próximos, todos eles partidarios dos principios da monarquía absolutista, sospeitaban de Pedro, que pola contra era coñecido por ser favorable ó liberalismo e á monarquía constitucional representativa, influenciado polas obras de Voltaire, Benjamin Constant, Gaetano Filangieri e Edmund Burke. A súa propia muller María Leopoldina chegou a afirmar: "O meu marido, que Deus nos axude, ama as novas ideas". Xoán VI pospuxo a marcha de Pedro tanto como lle foi posible, temendo que unha vez que chegase a Portugal os revolucionarios aclamaríano como rei.