Martín Bernardo Lasarte Arróspide, nado en Montevideo o 23 de marzo de 1961, é un exfutbolista uruguaio e adestrador de fútbol. Xogaba de defensa e tras conquistar con Nacional a Copa Libertadores e a Copa Intercontinental, fichou polo Deportivo da Coruña, no que foi durante tres anos e medio un dos seus xogadores máis emblemáticos, así como capitán do club. Trala súa retirada iniciou unha carreira como adestrador e gañou os títulos de liga do Uruguai, Chile e Exipto. Dirixiu en tres etapas diferentes o Nacional, logrou un ascenso á Primeira división española coa Real Sociedad e foi durante 14 meses seleccionador de Chile.
Traxectoria Naceu en Montevideo, sendo fillo de María Esther Arróspide, unha uruguaia de ascendencia vasca, e Martín Isidro Lasarte Izaguirre, un emigrante vasco de Andoain que tamén xogara ao fútbol antes de marchar cara ao Uruguai. Seu pai traballaba no negocio da la e o coiro, mentres que súa nai era ama de casa. Criouse xunto ao seu irmán Ignacio na capital uruguaia, onde practicaba pelota vasca e se relacionaba en ambientes da diáspora vasca.
Como xogador
Comezos Comezou a xogar ao fútbol no colexio Talleres Don Bosco e máis tarde ingresou no seu primeiro club, o Rentistas, ao tempo que empezou a estudar a carreira de Arquitectura e que traballaba nun negocio de fotografía. Debutou na Primeira División en 1980 da man do adestrador Juan Eduardo Hohberg e en 1986 saíu cedido ao Central Español. Ao ano seguinte foi cedido de novo, desta vez ao Rampla Juniors, co que acabou descendendo.
Nacional En 1988 fichou polo Nacional de Montevideo, adestrado por Roberto Fleitas. Debutou co Bolso en partido oficial o 10 de abril de 1988, no torneo Competencia diante de Danubio no Estadio Jardines del Hipódromo. Dous meses despois disputou os seus primeiros partidos co Nacional tanto na Primeira División como na Copa Libertadores, debutando na máxima competición suramericana nun encontro ante o tamén uruguaio Wanderers. Continuou como titular na Libertadores ata a chegada do internacional Hugo de León, que o relegou á suplencia nas semifinais e na final. Con todo, viu dende o banco como o seu equipo se proclamaba campión na final ante o Newell's Old Boys. A continuación viaxou a Tokyo, onde gañou tamén a Copa Intercontinental ante o PSV de Guus Hiddink, aínda que ficou de novo no banco de suplentes.
Deportivo da Coruña A finais de 1988 recibiu unha oferta do Deportivo da Coruña, da Segunda División, pero para fichar precisaba pasaporte español, polo que antes tivo que convencer a seu pai, de ideoloxía nacionalista vasca, o cal non quería que fose español. Finalmente fichou polo club galego a finais de xaneiro de 1989. Debutou co equipo adestrado por Arsenio Iglesias case un mes despois, o 22 de febreiro, nun partido da Copa do Rei ante a Real Sociedad en Atotxa, na Guipúscoa natal de seu pai. Foi titular en todos os restantes partidos da tempada, xogando como central case sempre xunto a Antonio Doncel, e acadou as semifinais da Copa do Rei, onde o equipo caeu ante o Valladolid por mor dun polémico gol de Manolo Peña na prórroga.
Na tempada 1989/90 xogou 40 partidos, todos como titular, e marcou o seu único gol coa camiseta do Deportivo, nun encontro ante o Sestao en Las Llanas. Disputou ademais, sen éxito, a promoción de ascenso, polo que xogou unha campaña máis en Segunda, antes de conseguir finalmente o ascenso en 1991.
Xa como capitán do equipo trala marcha de de José Gil, debutou na Primeira División na segunda xornada da tempada 1991/92, diante do Tenerife en Riazor. Pechou a campaña con 48 partidos xogados, todos saíndo dende o once inicial, e tendo como compañeiro habitual no centro da zaga a Miroslav Đukić. O Deportivo conseguiu a permanencia tras vencer nunha agónica promoción de permanencia ante o Betis. Ao remate do encontro e entre bágoas, o capitán Lasarte abrazou a Arsenio, quen lle manifestou canto sufrira o equipo, protagonizando un dos momentos máis icónicos da historia do club.
Foi a súa cuarta e derradeira tempada no club, O 20 de xuño de 1992 xogou o seu último partido co Deportivo, na volta das semifinais da Copa do Rei contra o Atlético de Madrid en Riazor. A pesar do seu gran rendemento e de ser un dos xogadores máis queridos pola afección, ao remate do seu contrato, o club decidiu non renovalo, o que supuxo unha gran decepción para el.
Defensor Sporting Despois de non encontrar equipo en España, en outubro de 1992 regresou ao Uruguai. En 1993 fichou por Defensor Sporting, tras recibir a chamada do adestrador Juan Ahuntchaín. Na súa primeira tempada co equipo violeta rematou como subcampión de liga, ao rematar por detrás de Peñarol. Na seguinte campaña, na que se implementou o sistema de dous torneos, proclamouse campión do Apertura e perdeu na definición final do campionato diante de Peñarol.
Últimos anos En 1995 regresou ao seu primeiro club, Rentistas, na Segunda División, co que estivo a piques de ascender. Tras unha segunda etapa no Rampla Juniors, ao remate da tempada 1996 decidiu retirarse como futbolista. Cando ía comunicar a súa decisión ao club, recibiu por parte deste unha oferta para converterse no novo adestrador. Así, tomou as rendas do equipo, aínda que disputou en 1997 un último partido contra Peñarol, sendo o autor do único gol do seu equipo, que perdeu 3-1.
Como adestrador
Rampla Juniors Na súa primeira tempada como adestrador de Rampla Juniors rematou sexto no Torneo Apertura e undécimo no Torneo Clausura.
Rentistas En 1998 pasou ao CA Rentistas, ao que chegou co obxectivo de conseguir a permanencia na máxima categoría, pois o equipo ocupaba a derradeira posición da táboa. Con todo, o conxunto de Lasarte superou amplamente as expectativas e despois de lograr un oitavo posto no torneo Apertura, pelexou polo título de liga no Clausura. Chegou á derradeira xornada como líder invicto, con dous puntos de vantaxe sobre o Nacional adestrado polo seu excompañeiro Hugo de León. No último encontro, disputado ante Danubio no novo Complexo Rentistas, o dianteiro de Danubio Julio de Souza rompeu a histórica xeira de 947 minutos sen encaixar un gol do equipo de Lasarte. Rentistas perdeu por 0-2 e quedou sen opcións de conquistar o título, debido á vitoria de Nacional no seu partido ante Huracán Buceo. Aínda así, Rentistas clasificouse para a liguiña pre-Libertadores e conseguiu o acceso por primeira vez na súa historia para un torneo continental, a Copa Conmebol, á que finalmente renunciou.
Na tempada 1999 non puido manter os bos resultados do equipo, que rematou sétimo no Apertura e último no Clausura, evitando por pouco o descenso.
Bella Vista En outubro do ano 2000 foi contratado como adestrador do CA Bella Vista, trala destitución do arxentino Sergio Batista. Tras pechar o torneo Clausura do 2000 na novena posición da táboa, obtivo o quinto lugar no Torneo Clasificatorio de 2001 e accedeu á chamada Zona Campionato, onde só puido sumar 9 puntos en 18 xornadas.
Al Wasl En 2002 viaxou aos Emiratos Árabes Unidos para dirixir ao Al Wasl de Dubai. No equipo árabe adestrou ao histórico dianteiro dos Emiratos Zuhair Bakheet, así como ao centrocampista iraniano Farhad Majidi. Cando asinou o contrato o equipo estaba penúltimo, con tan só 4 puntos en 7 partidos, e nos 5 meses que o dirixiu levouno ao quinto posto, logo de obter 26 puntos en 15 partidos.
RIver Plate En 2003 regresou ao Uruguai para asinar como técnico do River Plate de Montevideo, que se atopaba na Segunda División. O equipo estaba nas últimas posicións do Torneo Apertura, con apenas 3 vitorias en 12 partidos e Lasarte levouno a rematar sexto entre 18 equipos no Torneo Clausura. Na tempada 2004 mantivo a River Plate invicto durante as 8 primeiras xornadas do campionato, con 7 vitorias e un empate. Cun ataque liderado por Osvaldo Canobbio, o equipo coroouse campión do Torneo Apertura e subcampión do Torneo Clausura, rematando en primeiro lugar na táboa xeral da temporada con 63 puntos e logrando así o ascenso a Primeira.
Nacional (1ª etapa) Para a tempada 2005 asinou como adestrador do Nacional de Montevideo, substituíndo no cargo a Hugo de León. O equipo, no que destacaban xogadores como Luis Suárez ou o Chory Castro, realizou unha mala actuación na Copa Libertadores, quedando eliminado na primeira fase con só tres puntos, pero coroouse campión do Campionato Uruguaio, que ese ano celebrou unha edición curta dunha soa volta. Nacional mantívose invicto durante toda a competición de liga, rematando na primeira posición empatado a 41 puntos con Defensor Sporting. Na última xornada, derrotou ao Rocha grazas a un penalti no tempo engadido, convertido ao "estilo Panenka" por Sebastián Abreu. O título debería terse decidido nun desempate a dobre partido, pero Defensor Sporting decidiu non presentarse, en protesta pola arbitraxe nese partido entre Nacional e Rocha.
En agosto, o Nacional participou na 60ª edición do Trofeo Teresa Herrera na Coruña. No estadio de Riazor no que xogara durante tres anos e medio, Lasarte dirixiu o Nacional na súa vitoria sobre o seu máximo rival, Peñarol, no que foi o primeiro e único superclásico do fútbol uruguaio disputado en Europa.
Na tempada 2005/06, a primeira na que o campionato uruguaio se disputou cun calendario ao estilo europeo, o Nacional quedou subcampión do torneo Apertura por detrás de Rocha, despois de que lle quitasen 3 puntos polos actos violentos dos seus afeccionados na tempada pasada. No torneo Clausura, o Nacional obtivo o primeiro posto, polo que se enfrontou ao Rocha polo título de campión anual, conseguindo a vitoria tanto na ida como na volta. Na Copa Libertadores quedou encadrado nun grupo co Inter de Porto Alegre, o UA Maracaibo e os Pumas da UNAM, conseguindo o segundo lugar e o pase ás roldas de eliminatorias. Nos oitavos de final foi eliminado polo propio Inter de Porto Alegre, adestrado por Abel Braga, que finalmente acabou conquistando o título. Na Copa Suramericana eliminou ao Libertad paraguaio e ao Boca Juniors arxentino, antes de caer nos oitavos de final contra o Athletico Paranaense.
Logo de rematar quinto no Torneo Apertura da temporada 2006/07, non renovou o seu contrato co club.
Millonarios En 2007, logo de permanecer 3 meses en España coa súa familia, regresou a Montevideo e na segunda metade do ano trasladouse a Colombia, onde foi contratado polo Millonarios, por aquel entón o club máis laureado do país, substituíndo no cargo a Juan Carlos Osorio. Con todo, dirixiu o equipo de Bogotá durante só nove xornadas de liga ata a súa dimisión en setembro, deixando en crise ao club, último clasificado con só dous triunfos, un empate e seis derrotas.
Para a tempada 2008/09 fichou polo Danubio da súa cidade natal, co que conseguiu a primeira posición no Torneo Apertura, empatado co Nacional dirixido por Gerardo Pelusso. Disputouse entón un partido de desempate no estadio Centenario, sendo a vitoria para o Nacional por 1-2. Os bos resultados non tiveron continuidade no Clausura, onde o Danubio só puido ser décimo.
Real Sociedad En xuño de 2009 foi contratado pola Real Sociedad, que estaba inmersa nunha das maiores crises da súa historia, en concurso de acredores e afrontando a súa terceira tempada consecutiva na Segunda División. Con xogadores como Claudio Bravo, Ansotegi, Aranburu, Elustondo, Xabi Prieto, Carlos Bueno ou Antoine Griezmann, a Real de Lasarte ocupou durante case toda a tempada un dos dous primeiros postos da táboa, alternándose co Hércules de Esteban Vigo, ata que se afianzou definitivamente no liderado a partir da xornada 28 ata proclamarse campión e lograr así o ascenso a Primeira.
Na seguinte campaña o club mantivo o mesmo núcleo de xogadores, con Tamudo como unha das poucas incorporacións, e acadou a permanencia rematando na 15ª posición. Con todo, o 24 de maio de 2011 anunciouse que non continuaría no conxunto donostiarra."Prescinde de Lasarte y piensa en Bielsa"
Universidad Católica