O cólera é unha enfermidade infecciosa intestinal aguda, que a miúdo se presenta como unha epidemia, causada pola inxestión de alimentos ou auga contaminados polos serotipos O1 e O139 da bacteria Vibrio cholerae, ten un período de incubación curto, entre menos dun día e cinco días, e a bacteria produce unha enterotoxina que causa unha diarrea copiosa, indolora e acuosa que pode conducir con rapidez a unha grave deshidratación e á morte se non se trata con rapidez. A maior parte dos pacientes tamén sofren vómitos.
A enfermidade, orixinaria de Asia, concretamente do delta do río Ganxes, estendeuse dende finais do século XIX por todo o mundo para, posteriormente, retroceder e volver a concentrarse no sur de Asia. Os portos marítimos foron a vía de entrada habitual da enfermidade. Rexistráronse seis pandemias que mataron millóns de persoas en toda Europa, África e as Américas. A sétima pandemia, que aínda está en curso, comezou en 1961 no sur de Asia, chegou a África en 1971 e a América en 1991. A enfermidade considérase endémica en moitos países e o axente patóxeno que causa o cólera hoxe en día non pode ser eliminado do medio ambiente.
O cólera produciu varias epidemias, algunhas delas de alcance practicamente mundial, como a que, partindo da India (zona de Bengala), chegou a Europa e América a principios do século XIX. En xaneiro de 1991 xurdiu unha epidemia de cólera en varios países do norte de América do Sur que se difundiu rapidamente. O gromo máis recente de cólera está rexistrado en Haití, por mor dos estragos do terremoto producido en xaneiro de 2010.
O cólera foi pouco frecuente nos países industrializados durante os últimos 100 anos; no entanto, esta enfermidade aínda é común noutras partes do mundo, incluíndo o subcontinente Indio, Sueste asiático, Latinoamérica e a África subsahariana.
Robert Koch identificou a bacteria Vibrio cholerae como causa do cólera no ano 1883. Trátase dunha proteobacteria en forma de coma. Hai formas clínicas distintas, algunhas de alta mortalidade e outras máis benignas.
Etimoloxía A enfermidade recibiu varios nomes durante a historia tales como "enfermidade azul", "enfermidade negra", "febre álxida grave", "paixón colérica", "diarrea colérica", "cholera morbus", "cholera gravis" e, simplemente, cólera.
A orixe do termo é debatida. Pode provir do grego χΟλη (bile ou fel) e ρεω (corrente), é dicir, corrente ou fluxo da bile; ou do grego χΟληερα derivado de χηολε, que significa bile.
Segundo Heinrich Häser e Aulo Cornelio Celso, o cólera derivaba da bile (por isto se lle chamou cholera morbus, «enfermidade da bile»). Alexandre de Tralles consideraba que proviña dos intestinos, mentres que Rudolf Kraus e Alexis Littré crían que se transmitía por medio da auga dos regatos.
Formas de contaxio
miniatura|220px|TEM imaxe de Vibrio cholerae Unha persoa pode contraer o cólera bebendo líquido ou comendo alimentos contaminados coa bacteria do cólera. Durante unha epidemia, a fonte de contaminación son xeralmente as feces dunha persoa infectada. A enfermidade pode diseminarse rapidamente en áreas con tratamentos inadecuados de auga potable e augas residuais. A bacteria do cólera tamén pode vivir en ríos salubres e augas costeiras.
É pouco común a transmisión do cólera directamente dunha persoa a outra; polo tanto, o contacto casual cunha persoa infectada non constitúe un risco para contraer a enfermidade.
Preséntase como epidemia onde existen condicións sanitarias deficientes, aglomeración, guerra e inanición. Áreas endémicas son: Asia, África, o Mediterráneo e máis recentemente, América Central e do Sur. Un tipo de Vibrio estivo asociado cos mariscos, especialmente ostras crúas. Tamén son factores de risco residir en áreas endémicas ou viaxar por elas, así como beber auga contaminada ou non tratada.
Síntomas miniatura|Unha persoa con deshidratación severa debido ao cólera. Obsérvese os ollos afundidos e a diminución de turxescencia da pel, que produce mans e pel engurradas dereita|miniatura|Diarrea típica "auga de arroz"
A multiplicación das bacterias provoca alteracións da permeabilidade do intestino delgado que acaba dando lugar a: diarrea brusca e vómitos, que levan á deshidratación coa posibilidade dun choque circulatorio mortal en poucas horas.
As manifestacións do cólera son variables, dun estado asintomático a unha profusa diarrea en ausencia de dor, que aparece 24-48 horas logo da incubación. Neste caso, pódese chegar á perda dun litro de deposicións nunha hora como consecuencia da deshidratación producida polas alteracións da permeabilidade do intestino delgado. Nos casos severos, pode culminar nun estado de choque hipovolémico (cando a perda de masa sanguínea é superior ao 30%).
A persoa presenta sede, debilidade, atordamento do estado sensorial, hipotensión arterial e taquipnea, e náuseas. A pel e as mucosas están secas. A perda de potasio pode determinar o desenvolvemento de convulsións musculares. A perda dos líquidos por encima do 10% do peso pode conducir a un estado de oliguria que pode desembocar nunha insuficiencia renal, con afundimento ocular, pel engurrada e somnolencia que pode conducir ata o coma.
A perda de bicarbonato cos excrementos crea un estado de acidose metabólica cun desequilibrio dos electrólitos e o aumento das anomalías do hematocrito.
Os síntomas son de aparición brusca e sen período de incubación, a diferenza da salmonelose, e inclúen:
Dor abdominal por irritación da mucosa. Diarrea acuosa cun número elevado de deposicións (ata 30 ou 40 en 24 h). Este dato orienta bastante no diagnóstico deste cadro. As deposicións teñen un ton esbrancuxado con pequenos gránulos. Chámaselles «auga de arroz». Isto é a consecuencia da liberación de produtos de descamación, fragmentos de fibrina e células destruídas. Ademais, debido aos ións segregados son isotónicas, é dicir, cunha osmolaridade similar á do plasma (isto ocorre nas formas máis graves). Cabe destacar que esta diarrea ten un lixeiro cheiro a peixe, ou un cheiro fétido. A diarrea acompáñase con vómitos, o que provoca unha rápida perda de auga e electrólitos (potasio, sodio, magnesio, cloruro, hidróxeno fosfato, bicarbonato), ocasionando unha rápida deshidratación. Non causa febre (ou esta é moderada) debido a que o cadro se produce pola enterotoxina e non polo xerme.
Por todo o anterior, un paciente podería presentar un ou varios dos seguintes síntomas:
Apatía, decaemento. Disfunción sexual. Perda de memoria. Diarreas, defectos na flora intestinal. Frialdade e cianose. Cambras musculares. Hipotensión manifesta (pola gran perda de líquidos), pulso débil (o rego está dificultado en tecidos periféricos), taquicardia. Mans engurradas, pola deshidratación subcutánea. Aumento da viscosidade sanguínea por perda de líquidos. Isto, en suxeitos predispostos, pode derivar en complicacións como ictus, infartos, claudicación intermitente, isquemia, entre outras. Deshidratación tormentosa.
Excepto nas súas formas máis avanzadas mantense o estado de consciencia indemne. Cando a perda de electrólitos é intensa poden sobrevir vómitos como consecuencia da acidose e intensas cambras musculares froito da hipopotasemia. Nestes casos graves aparecen signos intensos de deshidratación, hipotensión e oliguria.
Tratamento e prevención A Organización Mundial da Saúde recomenda centrarse na prevención, preparación e resposta para combater a propagación do cólera."Cholera Fact Sheet", World Health Organization. who.int. acceso o 26/10/2014. Así mesmo, fai fincapé na importancia dun sistema de vixilancia eficaz. Os gobernos poden desempeñar un papel en todas estas áreas, así como na prevención do cólera ou indirectamente facilitando estas medidas.
A maioría dos pacientes -ata o 80%- poden ser tratados adecuadamente mediante a administración de compostos salinos de rehidratación oral forzada. Aos pacientes cunha deshidratación moi severa trátaselles mediante a administración de soro intravenoso.
Pódese acompañar o tratamento con antibióticos apropiados para diminuír a duración da diarrea, reducir o volume dos líquidos de rehidratación necesarios e acurtar a duración da excreción de Vibrio.
O tratamento con antibióticos de comunidades infectadas, ou "a quimioprofilaxe en masa", non ten ningún efecto sobre a prevención e propagación do cólera. Mesmo pode producir efectos adversos para o aumento da resistencia a antimicrobianos. Para garantir o acceso oportuno ao tratamento, nestes casos débense crear centros de tratamento do cólera entre a poboación afectada para asegurar a adecuada profilaxe.
A subministración de auga potable e o saneamento é unha solución desexable e segue sendo o factor crítico na redución da incidencia de gromo de cólera. Prevención Aínda que o cólera pode ser unha ameaza para a vida, a prevención da enfermidade normalmente é sinxela se se seguen as prácticas sanitarias adecuadas.
A prevención principal baséase no uso de auga non contaminada ou desinfectada. A cloración da auga de beber fai que o cólera non se considere unha preocupación sanitaria en Europa e Norte América. O último gran gromo de cólera nos Estados Unidos produciuse en 1910-11.
As medidas para a prevención do cólera non cambiaron moito nos últimos decenios, e na súa maioría consisten en proporcionar auga limpa e saneamento adecuado ás poboacións potencialmente afectadas. Ferver a auga e ademais filtrala é unha medida preventiva básica, pero moi eficaz. Hai varios puntos ao longo da ruta de transmisión do cólera nos que a súa propagación se pode (e debería) deter: dereita |miniatura| Cólera no hospital de Dacca, que mostra as típicas camas para cólera. Esterilización: É esencial a correcta eliminación e o tratamento das augas fecais residuais infectadas de cólera producidas polas vítimas e todos os materiais contaminados (por exemplo, pezas de vestir, roupa de cama etc). Todos os materiais que entran en contacto cos pacientes de cólera deben ser esterilizados lavándoos en auga quente usando lixivia para clorala, se é posible. As mans que entren en contacto cos pacientes de cólera ou as súas pezas de vestir, roupa de cama etc, deben ser coidadosamente limpadas e esterilizadas con auga clorada ou doutro tipo eficaz na loita contra os axentes microbianos. Rede de sumidoiros: hai que facer un tratamento antibacteriano da rede de sumidoiros con cloro, ozono, luz ultravioleta ou outros tipos de tratamentos eficaces antes de que entre nos cursos de auga subterráneos, axudando a previr o abastecemento de auga inadvertidamente a pacientes non diagnosticados propagando a enfermidade. Fontes: Advertencias sobre a posible contaminación por cólera deberían colocarse ao redor das fontes de auga contaminada con instrucións sobre a forma de descontaminar a auga (punto de ebulición, cloración etc) para o seu posible uso. Depuración da auga: Toda a auga utilizada para beber, lavar ou cociñar debe ser esterilizada por algún dos seguintes métodos: ebulición, cloración, tratamento con ozono da auga, luz ultravioleta de esterilización, ou filtración antimicrobiana nas áreas onde o cólera pode estar presente. A cloración e ebulición son a miúdo os sistemas menos custosos e máis eficaces de deter a transmisión. Os filtros de tea, aínda que moi básicos, reduciron significativamente a incidencia do cólera cando se utilizan nas aldeas pobres de Bangladesh que dependen das augas superficiais non tratadas. Son mellores os filtros antimicrobianos como os presentes nos equipos de tratamento de augas avanzados que hai nos equipamentos para expedicións. A educación en saúde pública e a incorporación de prácticas de saneamento son de importancia fundamental para axudar a previr e controlar a transmisión do cólera e outras enfermidades.
Unha vez que se detecta un gromo, a estratexia de intervención máis habitual e efectiva para reducir a mortalidade é garantindo o rápido acceso ao tratamento e o control da propagación da enfermidade.