Antonia Ferrín Moreiras, nada en Ourense o 13 de maio de 1914 e finada en Santiago de Compostela o 6 de agosto de 2009, foi unha matemática e astrónoma galega. Traxectoria Foi filla do mestre de matemáticas Antonio Ferrín Moreiras, e sobriña do mestre e xornalista Ángel Ferrín Moreiras. En 1920 trasladouse coa familia a Santiago de Compostela. Estudou o bacharelato no Instituto Arcebispo Xelmírez e en 1930 matriculouse na Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela e na Escola Normal. Licenciouse en Química e obtivo ademais o título de mestra.

En 1934 comezou a traballar como profesora axudante de Física e Matemáticas na súa facultade —unha das seis mulleres en facelo naquel momento— e mais como profesora de Ciencias Naturais no instituto onde cursara o bacharelato. Seguiu estudando e matriculouse en Farmacia e fixo os dous cursos de Ciencias Exactas que a Universidade de Santiago ofertaba naquela altura.

Pola súa posición política, e tras unha denuncia anónima, en 1937 foi sancionada e apartada da docencia na Universidade de Santiago, ao igual que outros 45 profesores, entre eles, Enrique Rajoy Leloup, Fernando Calvet, Isidro Parga Pondal ou Francisco Fernández del Riego. Con todo, permitíuselle seguir como profesora no colexio de nenas orfas Nosa Señora dos Remedios de Santiago. En 1940 revisouse o seu caso e puido reincorporarse á docencia universitaria. Fíxoo como profesora axudante de Enrique Vidal Abascal.

miniatura|Observatorio Ramón María Aller Ulloa da Universidade de Santiago de Compostela Neses anos coñeceu a Ramón María Aller e comezou a se interesar pola astronomía. Participou nas actividades do Seminario de Astronomía Teórica e Matemática "Durán Loriga". Dende 1950, como bolseira do CSIC e máis tarde nunha praza de axudante, traballou no Observatorio Astronómico da Universidade de Santiago e publicou os seus traballos en distintas revistas de astronomía. En 1952 conseguiu unha praza fixa de investigación. Dous anos antes licenciárase por libre de Ciencias Exactas na Universidade Central de Madrid. En 1953 conseguiu por oposición unha praza na escola de maxisterio de Santander. En 1955 regresou a Santiago e traballou na escola de nenas Isabel A Católica.

En 1957 converteuse na primeira muller profesora da Facultade de Matemáticas en Santiago, acabada de crear. Alí impartiu clases ata 1963. Nesa época, ademais, rematou a súa tese sobre observación astronómica, Observacións de pasos por dúas verticais, dirixida por Aller e presentada na Complutense. Foi a primeira tese lida na nova Sección de Matemáticas e a primeira tese de Astronomía realizada por unha muller en España.

Ese ano marchou a Madrid para converterse en catedrática de Matemáticas na Escola de Maxisterio Santa María. Porén, axiña se trasladou á Facultade de Matemáticas da Universidade Complutense, onde deu clases de astronomía, primeiro como profesora adxunta interina e logo como adxunta numeraria. Durante este período mantivo contacto con Sixto Ríos e José María Torroja. Permaneceu na Complutense durante case vinte anos, ao tempo que continuou impartindo clases de ensino secundario na mesma cidade ata a súa xubilación en 1984.

En 2004 trasladouse a Santiago de Compostela por motivos de saúde.

A súa principal contribución á astronomía consiste en traballos sobre ocultacións estelares, medidas de estrelas duplas e determinación de pasos por dúas verticais.

Obras

Recoñecementos A Universidade de Vigo creou o Premio Antonia Ferrín Moreiras de creación de materiais e recursos docentes con perspectiva de xénero. Unha aula da Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela leva o seu nome.Aulas da Facultade Homenaxe a 6 Profesores Unha rúa de Lalín leva o seu nome. En 2023 a revista Gciencia considerouna unha das 20 mulleres de ciencia en Galicia que había que coñecer. En setembro de 2025, a Unión Astronómica Internacional nomeou o planeta anano 14005 como FerrinmoreirasWGSBN Bulletin. New Names of Minor Planets na súa honra.

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Rodríguez Rodríguez, Anaír. Pioneiras 2 : galegas que abriron camiño (1ª edición: febreiro de 2019 ed.). Vigo. ISBN 978-84-9121-464-9. OCLC 1135271442

Pintos Barral, Xoana (2021). Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Editorial Galaxia.

Ligazóns externas Antonia Ferrín Moreiras na exposición virtual Mulleres na Ciencia. "Antonia Ferrín Moreiras. En memoria" www.astronomia2009.es .

Mato, Mar( 2013). Medio siglo de la primera astrónoma gallega . Faro de Vigo. Consultado o 30/10/2014 Liste López, Socorro e Xoana Pintos Barral (2013). Las primeras docentes de ciencias en la Universidad de Santiago, XVI Coloquio Internacional AEIHM. Consultado 30/10/2014 Antonia Ferrín Moreiras entrevistada por Matilde Rios Fachal Youtube. Consello da Cultura Galega. Antonia, a primeira astrónoma. Artigo de Dosi Veiga en Ceosgalegos.

Categoría:Astrónomos de Galicia Categoría:Matemáticos de Galicia Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1914 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade Central de Madrid Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Profesores da Universidade Complutense de Madrid