Un arquetipo é un modelo ou exemplo de ideas ou coñecemento recorrente do cal se derivan outros modelos ou formas, representacións ou imaxes para modelar os pensamentos e actitudes propias de cada individuo, de cada conxunto, de cada sociedade, mesmo de cada sistema.
Orixe e uso do termo A palabra "arquetipo", do grego ἀρχέτυπος, deriva dos termos αρχή, arché, ‘fonte’, ‘principio’ ou ‘orixe’, e τυπος, tipos, ‘impresión’ ou ‘modelo’.
Emprégase en varios ámbitos, especialmente na filosofía, na psicoloxía analítica, na crítica textual, na antropoloxía cultural e nos estudos literarios.
Un sistema de palabras, de ideas, de ideais ou pensamentos, segue unha conduta regular, envolveito no seu propio paradigma; mesmo se usan arquetipos para modelar o seu propio camiño, para abrirse campo nun medio de ideas abstractas e pouco comprensíbeis ou mesmo inintelixíbeis, soamente guiados polos seus propios pensamentos e crenzas.
No seu sentido xeral, un arquetipo é un tipo ou modelo ideal de algo. Así, pode dicirse que certas esculturas da Grecia clásica funcionaron como arquetipos de beleza, é dicir, como modelos exemplares aos que outras obras podían aspirar ou cos que podían ser comparadas.
Filosofía e relixión Trátase dun termo empregado por filósofos platónicos e neoplatónicos, como Plotino, para designar as ideas, formas ou ideas intelixibles, como modelos de todas as cousas existentes, segundo a concepción do propio Platón. Segundo esta interpretación, presente no mito da caverna, os obxectos do mundo visible serían realizacións imperfectas ou copias deses modelos.
Nas filosofias teístas o termo indica as ideas presentes na mente de Deus. Pola confluencia entre neoplatonismo e cristianismo, o termo arquetipo chegou até a filosofía cristiá.
Psicoloxía Na psicoloxía analítica de Carl Gustav Jung, os arquetipos son patróns ou imaxes primordiais do inconsciente colectivo. Non son imaxes fixas e fechadas, senón disposicións simbólicas que poden manifestarse en mitos, soños, imaxes relixiosas, contos de fadas e outras obras literarias e outras producións culturais. Exemplos habituais na tradición junguiana son "a nai", "a sombra", "o heroe", "o vello sabio" ou a "ánima" e o "ánimus".
Crítica textual Na crítica textual, denomínase arquetipo o texto non conservado que se reconstrúe hipoteticamente a partir das copias, manuscritos ou testemuños derivados del. Este sentido non debe confundirse necesariamente co texto orixinal ou autógrafo, xa que o arquetipo é o antepasado común reconstruído dunha tradición textual determinada.
Notas
Véxase tamén
Crítica textual Estereotipo Inconsciente colectivo Mito Platonismo Prototipo
Categoría:Arquetipos Categoría:Antropoloxía cultural Categoría:Narratoloxía Categoría:Psicoloxía social