Dublín (en ; en ) é a capital da República de Irlanda, así como do condado homónimo. É a cidade mais poboada da illa, con máis dun millón de habitantes na súa área urbana e unha área de influencia que abrangue 2,1 millóns de persoas, na chamada Greater Dublin Area.

Está situada na provincia de Leinster, cerca do centro da costa leste da Illa, na desembocadura do río Liffey que atravesa a cidade, e aproximadamente no centro do Condado.

Topónimo Dublín toma o seu nome do gaélico Dubh linn, que significa "estanque escuro"Charnock (1859) p. 90, en referencia ao punto onde o río Liffey se xunta co río Poddle no estancamento deste último no actual Wellington Quay. O estanque mantívose ata principios de 1700, mais a expansión da cidade tivo como consecuencia a súa drenaxe, e a canalización e soterramento do río Liffey, na actualidade o lugar do antigo estanque está ocupado polos Dubh Linn Gardens, tralo Castelo de Dublín, mentres que o curso baixo do Poddle discorre ata o río Liffey por unha canalización subterránea. Historicamente, na caligrafía irlandesa, bh escribíase cun punto sobre o b, como Duḃ Linn ou Duḃlinn, mais os normandos de fala francesa omitiron o punto e deletrearon o nome como Develyn ou Dublín.

O seu nome en irlandés é Baile Átha Cliath, que significa "poboación do vao de canizo" e que ten a súa orixe nun antigo vao composto con paneis de cana e vimbio entrelazados (Átha Cliath) que cruzaba o río Liffey nun lugar próximo á actual estación de ferrocarrís de Heuston. A voz irlandesa cliath tradúcese con frecuencia como "valo". Porén, a tradución como "canizo" é máis axeitada: cliath (en irlandés; "hurdle", en inglés) é, en efecto, unha estrutura lixeira e movible de material vexetal entrelazado que se emprega con frecuencia para separar o gando, mais tamén para asegurar o terreo inestable ou esvaradío.MacBains, An Etymological Dictionary of the Gaelic LanguageMA New Scottish Gaelic / English Bidirectional Dictionary Incorporating Dwelly O nome da cidade foi escrito deste xeito dende 1368, data na que foi documentado nos Anais do UlsterClarke (1990) citando a John Ryan e o seu libro Pre-Norman Dublin de 1949, p. 64.. Átha Cliath é o nome dun lugar que se refire a un punto de vao do río Liffey nas inmediacións da estación de Heuston, posteriormente aplicouse o nome a un mosteiro cristián que se cre que estivo situado na zona da rúa Aungier, actualmente ocupado pola igrexa carmelita da rúa Whitefriar. Debido á súa lonxitude, o nome irlandés de Dublín adoita abreviarse como BÁC.

Historia Orixes O primeiro asentamento preto deste lugar remóntase a máis de cinco mil anos. A Cristiandade chegou con San Patricio no ano 432 d. C. e comezou así unha idade dourada do catolicismo irlandés que produciu obras de arte relixiosa tan magníficas coma o Book of Kells ("Libro de Kells"), que hoxe en día pode verse no Trinity College.

Con todo a orixe da cidade moderna está nun enclave viquingos establecido no ano 841, os viquingos consolidaron a súa presenza coa vitoria na batalla de Dublín no ano 919. Os viquingos foron finalmente superados polos clans gaélicos na Batalla de Clontarf en 1014, pero a súa influencia aínda permanece en topónimos coma "Howth", que procede do nórdico hovud (que significa "promontorio"), ou "Leixlip", do nórdico laxlep (que significa "salto de salmóns").

O dominio inglés miniatura|270x270px|Catedral da Santísima Trindade de Dublín, popularmente coñecida como Christ Church. Os seguintes invasores foron os anglonormandos, enviados polo rei Henry II ("Henrique II"). Liderados polo conde de Pembroke, máis coñecido como Strongbow ("forte nó"), chegaron ao Condado de Wexford en 1169. Dublín pronto foi derrotada pola potencia das súas tropas e os normandos axiña se dispuxeron a modificar a faciana da vila. O rei garantiulle á cidade un foro en 1171 e estableceu a súa corte aquí. Os edificios sobreviventes máis antigos da cidade datan desta época, incluíndo Christ Church (a igrexa de Cristo), Saint Patrick's Cathedral (a catedral de San Patricio) e partes do Dublin Castle (Castelo de Dublín). Porén, debido ó feito de que a madeira era a materia prima principal para as súas construcións, restan moi poucos edificios orixinais conservados que se poidan ver hoxe en día.

Os costumes e a lingua dos ingleses prevaleceron na cidade e na súa contorna, nunha zona que se deu en chamar Pale, pero os potentados irlandeses influían en todas partes (dando lugar á expresión beyond the Pale, "alén do Pale"). Contra 1542, o rei Henry VIII (Henrique VIII) autoproclamouse rei de Irlanda e Inglaterra, e a Reforma chegou a Irlanda. Por volta do ano 1592, fundouse o College of the Holy and Undivided Trinity of Queen Elizabeth ("Colexio da Indivisa e Sagrada Trindade da raíña Sabela") en terreos expropiados polo priorado de All Hallows ("Tódolos Santos"). Comunmente coñecido coma Trinity College, este centro protestante de ensino desenvolveu unha ilustre tarefa na historia de Dublín durante os últimos catro séculos.

Co rei Charles I (Carlos I) destronado e a monarquía inglesa abolida, Oliver Cromwell chegou a Dublín cun enorme exército en 1649, iniciando unha época especialmente salvaxe e sanguenta na historia de Irlanda. Trala restauración da monarquía en 1660, Dublín comezou a adoptar a forma coa que a coñecemos agora. Dispuxéronse Saint Stephen's Green e Phoenix Park (a Praza de santo Estevo e o Parque Fénix) e erixíronse moitos edificios públicos significativos coma o Royal Hospital (Hospital real) en Kilmainham, agora Museum of Modern Art (Museo de arte moderna).

Contra 1685, o rei católico James II (Xaime II) asentábase no trono e Irlanda axiña se converteu no campo de batalla para unha guerra relixiosa que involucrou á maioría das forzas máis poderosas de Europa. En 1690, o rei James perdeu na batalla do Boyne contra o protestante William de Orange (Guillerme de Orange) quen se converteu en rei. Os católicos sufriron os efectos das Penal Laws (Dereito penal protestante), a cultura gaélica converteuse en clandestina e sentáronse os alicerces para a loita contra os ingleses pola autonomía irlandesa.

Durante o século XVIII iniciouse unha época dourada para Dublín, onde a cidade floreceu tanto física coma culturalmente. Parliament House (o Parlamento) que agora é o Bank of Ireland (Banco de Irlanda), Custom House (a Alfándega), Mansion House, Four Courts e Marsh's Library (Biblioteca Marsh) construíronse todos durante este período. Jonathan Swift, o autor de Gulliver's Travels ("As viaxes de Gulliver") volveu á cidade en 1713 para converterse no Deán da Saint Patrick's Cathedral, e o músico Händel estivo en Dublín en 1742 para dirixir a primeira representación do seu "Mesías".

O xurdimento do nacionalismo miniatura|270x270px|Four Courts.|alt= Logo veu un século de revoltas políticas. Daniel O'Connell axudou a conseguir a emancipación do catolicismo en 1829 e, xa que se desenvolveu unha clase media católica, Dublín comezou a converterse nunha cidade irlandesa distinta. A cidade logrou escapar ós peores efectos da "epidemia da pataca" que decimou a unha boa parte de Irlanda na década de 1840 e axiña se espallou grazas ós inmigrantes que afluían do rural circundante. No entanto, o efecto da epidemia no campo en conxunto foi devastador: dunha poboación total de oito millóns e medio, aproximadamente un millón morreron de inanición e emigraron arredor dun millón e medio, principalmente a Gran Bretaña e Norteamérica. A epidemia serviu para aumentar os sentimentos antibritánicos e unha abortada rebelión por parte da Irish Republican Brotherhood (Irmandade republicana irlandesa) en 1868 levou a esixir o Irish home rule (Dereito civil irlandés). O caso da autonomía irlandesa foi levado ó parlamento inglés de Westminster polo líder protestante Charles Stewart Parnell. Porén, Parnell morreu en 1891, pero o seu lugar político foi ocupado por dous movementos culturais: a Gaelic League (Unión gaélica), que se estableceu para revitalizar a lingua irlandesa, e o rexurdimento literario irlandés. William Butler Yeats desenvolveu un papel central na reconstitución do orgullo nacional coa fundación do Abbey Theatre (Teatro Abbey) en 1904, dando prominencia a dramaturgos coma Sean O'Casey e J. M. Singe. Este nacionalismo cultural desembarcou nun nacionalismo político coa creación do Sinn Féin ("Nós mesmos"), un movemento político que avogaba polo boicot do parlamento inglés. Co Reino Unido ocupado na primeira guerra mundial, o Sinn Féin organizou a ocupación de varios edificios estratéxicos por todo Dublín, e declarou a República de Irlanda dende a súa sede central na General Post Office (Oficina central de correos) o luns de Pascua de 1916.

Tras seis días de loita vinte mil efectivos das forzas británicas conseguiron abortar o Alzamento de Pascua, e executaron 15 dos capitáns rebeldes. Xurdiu unha onda de simpatía pública e o Sinn Féin asegurouse unha vitoria aplastante nas eleccións de 1918. Axiña se seguiu unha guerra de independencia entre os exércitos británico e republicano irlandés e, tras dous anos de loita, Michael Collins asinou un tratado en 1921 do que resultou a creación do Estado Libre de Irlanda, que abranguía a 26 dos 32 condados insulares. Os outros seis condados déronse en chamar Irlanda do norte e permaneceron dentro do Reino Unido. Collins dixo daquela que estaba asinando a súa sentenza de morte e o ano seguinte demostrouse que tiña razón. O tratado provocou a división entre diferentes faccións dentro do Sinn Féin e estoupou unha amarga Guerra civil que durou un ano e implicou a destrución de boa parte da cidade. Éamon de Valera gañou a loita polo control político do novo estado e comezou un período de conservadorismo político que durou ata o final da década de 1950.

Irlanda independente Irlanda declarouse república en 1949, pero non foi ata finais da década de 1960 cando Dublín comezou a expandirse cara a fóra. De Valera retirouse para asumir o posto honorífico de Presidente de Irlanda mentres que o novo Taoiseach (Primeiro ministro) Sean Lemass tomou posesión e comezou o proceso de modernización e industrialización do país. Quizais o momento máis definitorio da historia recente de Dublín foi a entrada de Irlanda na CEE en 1973.

Irlanda transformouse nos últimos trinta anos dun país predominantemente agrícola a unha economía industrial vibrante. Dublín é hoxe en día unha moderna capital europea que presume dunha poboación nova e ben preparada, atractiva para moitos investimentos estranxeiros. A igrexa e o goberno veñen distanciándose cada vez máis como evidencia o resultado do referendo de 1995 a favor do divorcio, e a flexibilización das leis relativas á homosexualidade ou ó aborto.

As iniciativas gobernamentais para estableceren o International Financial Services Centre ("Centro de servizos financeiros internacionais") no corazón da cidade tivo éxito dabondo para atraeren moitos dos maiores bancos de investimento mundiais e Dublín agora se sitúa como un importante centro financeiro. Irlanda tamén é punteira en tecnoloxía da información e electrónica, e Dublín converteuse nun importante centro europeo para a produción de programas informáticos. O progreso económico dos últimos dez anos foi sorprendente, e o "tigre celta" agora ten unha renda per cápita superior á de Gran Bretaña por primeira vez na historia de Irlanda. Porén, este proceso de modernización trouxo problemas ademais de beneficios. Prosperou unha cultura da droga e do crime organizado paralelamente ó resto da economía, malia a loita levada a cabo polo goberno.