A historia de Portugal abrangue a historia de Portugal e a dos seus estados predecesores. Cuxas orixes remontan á Baixa Idade Media, cando o condado portucalense se independizou do reino de León. Ampliou os seus territorios durante a Era dos Descubrimentos ata crear o Imperio Portugués, converténdose nunha potencia mundial entre os séculos XV e XVI. Portugal entrou en decadencia perdendo gran parte da súa riqueza e status, o que comezou pola perda da súa forza militar e naval na batalla de Alcacer-Kibir, e da súa frota, que foi incorporada á Armada Española, o que non permitiu a defensa das posesións de ultramar. Volveu ser arruinado en 1755 coa destrución case total da súa capital por un terremoto, a comezos do século XIX coas guerras napoleónicas e en 1822 coa independencia da súa maior colonia, Brasil. Unha revolución en 1910 depuxo a monarquía, pero a República foi incapaz de liquidar os problemas dun país inmerso na conflitividade social, a corrupción e os enfrontamentos coa Igrexa. En 1926 un golpe de estado deu paso a unha ditadura que se mantivo no poder ata 1974, cando unha revolución de militares demócratas impuxo a democracia. Ao ano seguinte, Portugal declarou a independencia de todas as súas posesións en África. É socio fundador da OTAN, OECD e a EFTA. En 1986 ingresou na CEE, actual Unión Europea.

Prehistoria

Idade Antiga

Conquista romana de Hispania

A Península Ibérica foi, xunto co norte de Italia o escenario principal da segunda guerra púnica entre Cartago e o Imperio Romano. Foi durante esta guerra cando arribaron ás costas peninsulares tropas romanas por primeira vez. Tras a conquista de Cartago por parte do Roma, os cartaxineses tiveron que renunciar á península a favor dos romanos (no 206 a. C.). Este resultado, tras o final da segunda guerra púnica, desenvolveuse a partir do 202 a. C. No 197 a. C. os romanos crearon dúas provincias, baixo as cales quedaba dividida a península, eran a Hispania citerior (Norte de Hispania) e a Hispania ulterior (Sur de Hispania).

Os pobos célticos que habitaban a zona, non estaban dispostos a someterse aos romanos sen antes loitar. Esta resistencia comezou practicamente desde o momento en que os romanos pisaron o territorio. Desta forma, no 197 a. C. comezaron as guerras celtiberas entre os pobos oriúndos de Iberia e as tropas romanas. Tras un acordo de paz, en 179 a. C., ideado por Tiberio Sempronio Graco, os pobos lusos sometéronse á que entón era a República Romana.

Con esta vitoria romana non se trouxo paz ás provincias, senón que os Lusitanos, outro pobo celtibero, terminarían por levantarse contra os romanos. O conflito foise agrandando cada vez máis.

Guerras lusitanas

En 154 a. C. deu comezo o que se coñece como guerra hispánica, un levantamento dos pobos celtiberos. Catro anos máis tarde, os romanos conseguiron vencer ao xefe lusitano e terminar coa revolta. Viriato, un dos poucos sobreviventes, converteuse en xefe dos Lusitanos, continuando coas loitas contra os romanos e converténdose no heroe do seu pobo. Cando foi asasinado por mans romanas, mentres se atopaba xunto co seu pobo na localidade de Viseu en 139 a. C., comezou de novo unha revolta. A partir do 138 a. C. os romanos comezaron a fortificar a zona na que se atopa a actual Lisboa. Xulio César arribou a Lisboa no 60 a. C., e terminou co último foco de resistencia lusitano.

Roma mantivo o poder no territorio durante case catro séculos. En 27 a. C. ten lugar unha reforma administrativa baixo o goberno de César Augusto, na cal divídese a Península Ibérica en tres provincias: Bética, Hispania Citerior ou Tarraconense e Lusitania (con capital en Emérita Augusta, a actual Mérida). A provincia da Lusitania dividiuse en tres conventos xurídicos: Pacensis (con capital en Pax Iulia, a actual Beja), Scallabitanus (con capital en Scallabis, a actual Santarém) e Emeritensis (con capital en Emerita Augusta, a actual Mérida). Lusitania compúñase da maior parte do territorio portugués actual (o que atopamos ao sur do Douro) así como as provincias españolas de Salamanca , Cáceres , gran parte de Ávila, zonas de Zamora , o oriente de Toledo , así como unha boa parte de Badaxoz . Durante a Antigüidade tardía, Diocleciano dividiría a Tarraconense en 3 provincias xurdindo a Hispania Cartaginense e Callaecia ou Gallaecia. A Gallaecia compúñase dos territorios do actual Portugal que se atopaban ao norte do Douro.

Os celtiberos eran pagáns, practicando o sacrificio humano, o que foi certificado por Apiano durante as exequias de Viriato . No século IV comezou a cristianización de todos os territorios, creándose catro dioceses (Braga, Ossónoba, Évora e Lisboa), das cales Braga era a máis antiga.

Idade Media

Invasións bárbaras

En 409 os chamados pobos bárbaros, suevos, alanos e vándalos (Asdingos e Silingos), todos de orixe xermánica, salvo os Alanos que eran pobos iranios, aséntanse en Hispania. En 411 estes pobos divídense entre si o territorio: os vándalos asdingos ocuparon a Gallecia, os suevos a rexión do norte do Douro, os alanos as provincias de Lusitania e Cartaginense e os vándalos silingos a Bética.

Ao mesmo tempo ten lugar a entrada dos visigodos na Península Ibérica ao servizo do Imperio Romano co obxectivo de subxugar aos invasores.

De todos estes pobos, os suevos e os visigodos serían os que tiveron unha presenza máis duradeira no territorio no que actualmente se asenta Portugal. Establecendo a capital do o seu reino en Braga, os suevos expanden o seu territorio cara a Galicia e Lusitania. Os suevos eran orixinariamente pagáns, sendo evanxelizados por Martiño de Braga, aínda que a variante do cristianismo á que pertenceron foi alternativamente católica (a da poboación autóctona) ou ariana (a dos visigodos). A partir de 470 crecen os problemas do Reino Suevo co veciño Reino Visigodo de Toledo. En 585 o rei visigodo Leovixildo toma Braga e anexiónase o Reino Suevo. A partir deste momento, toda a península permanecerá baixo o reinado godo (coa excepción dalgúns puntos na costa sur do mediterráneo, que estaban controladas polos Bizantinos), ata a invasión musulmá de 711.

Os pobos bárbaros eran numericamente inferiores á poboación hispano-romana, polo que a súa estratexia foi en primeiro lugar manterse como minoría dirixente estritamente separada da maioría autóctona. A iso axudou o mantemento das diferenzas idiomática e relixiosa, e a prohibición legal dos matrimonios mixtos. No entanto, a consolidación do Reino Visigodo (e en menor medida do Suevo) conseguiuse xustamente por políticas de integración coa poboación local, incluíndo a conversión relixiosa, a unificación lexislativa e a autorización de matrimonios mixtos, o que produciu unha progresiva identificación e mestura étnica e cultural.

As cidades sufriron unha forte decadencia, como en toda Europa Occidental, e tanto as formas de vida urbanas como a economía sufriron unha forte ruralización.

Independencia Se rápida foi a invasión musulmá, a Reconquista dos redutos de cristiáns do norte foi francamente máis lenta. Este proceso gradual orixinou o nacemento de pequenos reinos cristiáns que se irían agrandando a medida que a Reconquista ía dando os seus froitos. O primeiro, o Reino de Asturias, converteríase en Reino de León con Afonso III no ano 901.

Máis tarde, Afonso VI de León (autodenominado emperador) entregou, por mérito, ao seu xenro Henrique de Borgoña, o Condado Portucalense. Deste condado, que pertencía ao Reino de León, pero que posuía grande autonomía xurdiría o Reino de Portugal. Henrique gobernou para conseguir unha autonomía completa no seu condado e deixou unha terra portucalense moito máis libre da que recibiu. Tras a súa morte (1112), sucédelle a viúva deste, Tareixa de León, como rexente do condado durante a minoría de idade de Afonso Henriques. O pensamento de Tareixa foi idéntico ao do seu marido: fortalecer a vida portucalense e conseguir a independencia do condado. Tareixa comezou en 1121 a autodenominarse raíña, pero os grandes conflitos diplomáticos e a influencia dos nobres galegos (principalmente Fernán Pérez de Traba) na rexencia dos asuntos públicos prexudicou o seu esforzo. Aos catorce anos de idade (1125), o mozo Afonso Henriques é elevado á condición de cabaleiro, seguindo os costumes dos reis, e converténdose así en guerreiro independente. A posición de favoritismo da raíña en relación aos nobres galegos e a indiferenza aos fidalgos e eclesiásticos portucalenses orixinou unha revolta destes, baixo a dirección do seu fillo.

A loita entre Afonso Henriques e a súa nai desenvólvese ata que en 1128 ten lugar a Batalla de San Mamede (Guimarães) na que Tareixa é derrotada e expulsada do territorio que gobernara durante quince anos. Afonso Henriques aproveitou a ocasión para declarar ao condado como principado independente.

No entanto, continuou loitando contra as tropas de Afonso VII de León e Castela (non conforme coa perda do condado), mentres que paralelamente loitaba contra os musulmáns. En 1139, Afonso Henriques conseguiu unha importante vitoria contra os musulmáns na Batalla de Ourique, declarando a independencia co apoio dos xefes portugueses, que o aclamaron como rei.

Nesta data, 1139, nacía oficialmente o Reino de Portugal e a súa primeira dinastía, con Afonso I de Portugal como rei.

Afonso Henriques dirixiuse ao papa Inocencio II reclamando protección pontificia para a nova monarquía, que declarou Portugal como tributario da Santa Sé. En 1143 é recoñecida a independencia de Portugal polo rei de Castela no Tratado de Zamora, asinándose definitivamente a paz. Durante o período que continúa, seguiuse atendendo, sempre que era posible, a asegurar a soberanía (que non estivo asegurada durante a Crise dinástica), así como a ampliar o territorio cara ao sur.

Casa de Borgoña e de Avís miniatura|dereita|150px|Henrique de Borgoña, conde de Portugal. Henrique de Borgoña foi o fundador da primeira casa real portuguesa, a Casa de Borgoña, que gobernou o país ata 1383. Fernando I foi o último membro desta familia en gobernar Portugal. Os motivos da caída desta dinastía foron as loitas contra os reinos veciños de León e Castela e as revoltas en tempos de Dinís de Portugal.

Terminada a parte portuguesa da Reconquista en 1249, a independencia estivo en perigo pola presenza castelá, como resultado da crise de 1383-1385 pola sucesión do rei Fernando I. A independencia queda garantida na batalla de Alxubarrota coa aniquilación total do exército castelán e a aclamación popular de Xoán I, irmán de Fernando I pero fillo ilexítimo de Pedro I, que representaba o inicio da segunda dinastía, a de Avis, casa real que gobernaría Portugal ata a chegada de Filipe I e a independencia coa Dinastía de Braganza. Baixo a dinastía Avís, Portugal comezou os descubrimentos en ultramar así como foi creando un Imperio comercial por África, Asia e América.

Idade Moderna

Descubrimentos portugueses

miniatura|dereita|150px|Enrique o Navegante.