dereita|miniatura|Fachada principal da igrexa da parroquia
A Nosa Señora da Xunqueira, popularmente coñecida como A Xunqueira, é unha parroquia eclesiástica do municipio de Vilagarcía de Arousa.
Historia
A parroquia ten a súa orixe no barrio da Lomba, no marco do crecemento da cidade de Vilagarcía de Arousa cara ao sur. O río do Con era o linde entre a parroquia do Divino Salvador de Sobradelo e a de Santa Baia de Arealonga. Xunto aos bloques de vivendas, nos que vivían preto de 3000 persoas, había servizos públicos como centros de ensino e instalacións deportivas.
A comunidade comezou a organizarse cara a 1970, e desde 1972 organizouse a Pascua Xoven de Arousa. En 1979, sendo Ángel Suquía o arcebispo de Santiago de Compostela, creouse a parroquia de forma oficial.
Templo O criterio do proxecto de edificio foi darlle carácter relixioso a unha composición de locais para formar unha unidade de conxunto, reflexo dunha casa familiar en cuxo centro se ofrece un espazo amplo para a celebración. O máis rechamante do interior é a pintura e representación que creou o artista Urbano Lugrís Vadillo no presbiterio, onde se desenvolve un simbolismo da redención coa cruz no centro, de madeiras dunha batea, recollidas na beira do mar. Outro aspecto de eficacia funcional é a iluminación que ten tamén a súa simboloxía. O baptisterio atópase arredor dunha columna, que é á vez unha fonte decorada tamén por Lugrís Vadillo, á que se entra por unha porta que dá acceso tamén á capela do Santísimo, da misa diaria e da reconciliación (porta para os discapacitados). O sagrario está situado nun tronco de carballo, e a imaxe da Virxe María está colocada sobre un tronco. Esta imaxe é obra de Castor Lata e ten na súa man esquerda un ramo de xuncos e á beira o neno Xesús, que porta un instrumento musical, unha pequena arpa; todo isto alude a unha comunidade que crece unida como os xuncos e que celebra a fe con aire festivo.
Notas
Véxase tamén Bibliografía
Ligazóns externas Web da Parroquia A Nosa Señora da Xunqueira
Nosa Senora da Xunqueira Categoría:Parroquias eclesiásticas de Galicia