miniatura|Gravado de ''O nacemento da humanidade, tamén chamado "The womans booke'', por Eucharius Rösslin, arredor de 1550. A teratoloxía é unha disciplina académica que consiste no estudo dos teratóxenos, axentes capaces de provocar defectos conxénitos, inducindo ou aumentando a incidencia das malformacións conxénitas. Nun sentido amplo, un teratóxeno é calquera axente ambiental que chega ó embrión ou ó feto a través da nai e que é capaz de producir, directa ou indirectamente, anomalías estruturais ou funcionais, xa sexan alteracións bioquímicas, metabólicas, hormonais, inmunolóxicas, de crecemento ou de comportamento no embrión, no feto ou mesmo no cativo, despois do nacemento. En sentido estrito, un teratóxeno é todo axente que pode interferir no período da organoxénese e dar lugar a defectos conxénitos; en xeral, a exposición a un teratóxeno ocasiona aproximadamente do 4 ó 5% destes casos.
Segundo a Organización Mundial da Saúde, "os efectos teratóxenos son os efectos adversos morfolóxicos, bioquímicos ou de conduta, que se producen ó longo da vida fetal e que se detectan no momento do parto ou serodiamente".
Normalmente trátase de algo que é parte do ambiente ó que está exposta a nai durante a xestación. Pode tratarse de medicamentos receitados, drogas da rúa, o consumo de alcohol ou dunha enfermidade da nai capaz de aumenta-la posibilidade de que o cativo naza cun defecto conxénito.
Antecedentes Ata a década de 1940 mantívose a crenza de que os embrións humanos se atopaban protexidos contra axentes ambientais, fármacos e virus polas membranas extraembrionarias fetais e a placenta. Porén, xa a partir da década de 1930 apareceron evidencias de que isto non era así.
En 1933 Hale observou que as crías de porcas sen vitamina A nacían sen ollos, polo que concluíu que esta deficiencia podía perturbar os factores que controlan o desenvolvemento ocular. Non obstante, foi en 1941 cando apareceron os primeiros casos ben documentados de alteracións graves do desenvolvemento, causadas estas pola presenza dun axente ambiental durante os períodos críticos do desenvolvemento humano: tralas epidemias de rubéola, Gregg observou que os embrións expostos ó virus presentaban anomalías como cataratas, defectos cardíacos, xordeira e atraso mental.
Un caso moi famoso foi o da Talidomida, un fármaco comercializado entre os anos 1958 e 1963 como sedante e calmante das náuseas durante os tres primeiros meses do embarazo. Este medicamento provocou na Alemaña Occidental o nacemento de máis de 10.000 bebés afectados de focomelia, unha anomalía conxénita pouco frecuente e caracterizada pola carencia ou excesivo acurtamento das extremidades. A Talidomida afectaba ós fetos de dúas maneiras: ben porque a nai tomara o medicamento directamente ou ben porque fora o pai quen o tomara, xa que tamén afecta ó esperma e transmite os efectos nocivos xa no momento da concepción. Tralo descubrimento realizado por Lenz, foi retirada do mercado; non obstante, o Estado Español non retiraría o fármaco ata 1963.
Aquela descuberta realizada hai aproximadamente catro décadas centrou a atención mundial sobre o papel etiolóxico dos fármacos nas anomalías conxénitas humanas. Pódese estimar que do 7 ó 10% de tales anomalías son debidas a accións perturbadoras de virus, fármacos e outros factores ambientais.
Principais teratóxenos coñecidos Polo xeral, o uso da maior parte dos fármacos durante o embarazo non é recomendable, mais pódense dar diferentes situacións nas que sexa necesario a emprega de medicinas, xa para manter a saúde da nai ou para inducir efectos favorables no desenvolvemento fetal.
Algunhas das substancias que teñen efectos teratóxenos coñecidos, e que non se deben empregar durante o embarazo, son: Alcohol: provoca a síndrome alcólica fetal, con retardo do crecemento intrauterino (RCIU), atraso mental, microcefalia, anormalidades articulares, hipertelorismo ocular, fisuras palatinas. Cocaína: causa RCIU, microcefalia, infartos cerebrais difusos, anomalías uroxenitais, irritabilidade extrema, pranto permanente, sono escaso, convulsións, hipoglicemia. Talidomida: desenvolvemento anormal dos membros superiores ou inferiores (amielia, hipomielia), anormalidades faciais, defectos cardíacos e renais. Isotretinoína (ácido retinoico): anormalidades craniofaciais, defectos do desenvolvemento do tubo neural como espiña bífida, defectos cardíacos. Andróxenos: producen a virilización do feto feminino. Xestáxenos: virilización do feto feminino e feminización do masculino. Dietilestilbestrol: en nenas, virilización, cambios no epitelio vaxinal, adenose vaxinal e bridas cervicais, carcinoma de cérvix; en nenos, hipospadias, estenose do meato, alteracións dos espermatozoides. Tetraciclinas: As tetraciclinas causan coloración e anomalías nos dentes. Aminopterina: malformacións do SNC, craneofaciais e cardíacas.
Certas infeccións tamén se asocian a efectos teratóxenos: Rubéola: prematurez, RCIU, hepatoesplenomegalia, microcefalia, xordeira neuroperceptiva, cataratas, microftalmos, retinopatía pigmentaria, atraso mental, hipoplasia da arteria pulmonar, ductus arterioso permeable. Citomegalovirus: microcefalia, coriorretinite, atraso psicomotor, perda de audición, calcificacións periventriculais, hepatoesplenomegalia, parálise cerebral. Toxoplasmose (Toxoplasma gondii): microcefalia, atraso mental, microftalmia, hidrocefalia, coriorretinite, calcificacións cerebrais. Sífilis (Treponema pallidum): hidrocefalia, xordeira conxénita, atraso mental.
Factores que determinan a susceptibilidade aos efectos teratoxénicos Existen uns principios básicos en embriotoxicidade e teratoxénese, algúns deles xa apuntados por Wilson en 1959, que axudan a comprender cando unha determinada exposición pode ser teratoxénica ou non. No proceso de teratoxénese existen 3 elementos que xogan un papel fundamental: o embrión ou feto, a nai e a substancia potencialmente teratoxénica. Os principais factores que determinan a susceptibilidade para o desenvolvemento de efectos teratoxénicos pódense resumir nos seguintes casos que aparecen a continuación.
Natureza do axente Débese subliñar que é inapropiado clasificar unha substancia de teratóxena ou non teratóxena, pois a teratoxenicidade vai depender tanto da dose de exposición como da idade xestacional. Aínda así existirán substancias con potencialidade teratoxénica elevada como a warfanina, a talidomida ou as tetraciclinas.
Estadio da xestación O estadio de desenvolvemento do embrión no momento da exposición á substancia determina de xeito moi importante a súa susceptibilidade. Pódense definir tres períodos con diferente susceptibilidade durante o embarazo:
Días 1 a 14 de vida, ou primeiras 4 semanas de xestación: Este período non supón unha etapa de risco importante dende o punto de vista da teratoxénese, pois as células nesta fase son pluripotenciais polo que se se dana un número pequeno destas células, serán substituídas por outras e o feto continuará o seu desenvolvemento normal. Se, pola contra, se dana un número importante de células, o embrión non sairá adiante e producirase un aborto precoz. É por iso que esta etapa adóitase denominar como de todo ou nada, porque habitualmente as exposicións tóxicas durante o mesmo ou matan ao embrión ou non producen efectos permanentes nos embrións que sobreviven. Esta característica foi ás veces erroneamente interpretada como que nesta etapa non se poden producir malformacións. Todo o contrario, moitas substancias poden producir malformacións nesta etapa, pero neste caso é máis probable que o proceso conclúa cun aborto que coa supervivencia dun embrión malformado. Días 15 a 56 de vida, ou semanas 5 a 10 da xestación: Esta e a etapa da organoxénese. Trátase dunha fase especialmente vulnerábel para o feto, pois prodúcese a diferenciación das células embrionarias e a formación dos órganos rudimentarios. Os distintos órganos e sistemas posúen un ou máis períodos de vulnerabilidade altamente específicos, coñecidos como períodos críticos, dentro da etapa de organoxénese, que coinciden co seu período de máximo desenvolvemento. Os períodos críticos de distintos órganos poden solaparse, é por iso polo que a exposición a un teratóxeno pode producir un espectro de malformacións que inclúa varios órganos. En caso de dano, as células xa non se poderán recuperar e aparecerán dende malformación groseiras facilmente detectábeis no nacemento a alteracións metabólicas e funcionais, que se diagnosticarán na idade adulta e que dificilmente se asociarán á exposición fetal a un axente teratóxeno. Ademais, como aproximadamente o 50% dos embarazos son non desexados, a nai exporá ao feto de xeito inconsciente a axentes teratóxenos durante esta fase tan crucial. Malia os controis do embarazo, cada vez máis amplamente estendidos á poboación xeral, considérase que preto do 50% dos embarazos son non planeados ou non desexados. Xa que logo é frecuente a exposición do embrión, de modo non consciente por parte da nai, a substancias químicas durante esta fase do embarazo, sobre todo naquelas mulleres que teñen ciclos menstruais irregulares. A partir da semana 10 da xestación ata o parto é o chamado período fetal, que está marcado polo rápido crecemento e maduración celular. Aínda así, os órganos rudimentarios xa se formaron na etapa anterior e as exposicións teratoxénicas nesta etapa adoitan causar atraso no crecemento fetal, morte, disfunción do SNC, alteracións do comportamento e incluso infertilidade.
Dose Para moitas substancias existe un limiar de dose que, se non é superado, non producirá teratoxénese. Unha vez superado este limiar irá aumentando proporcionalmente a frecuencia e a severidade dos efectos teratóxenos ata chegar á morte do feto. É por isto que se di que o efecto é dose-dependente. Aínda que sería moi difícil de establecer cal é este nivel limiar para cada substancia, o que si se sabe é que é máis perigoso unha exposición crónica a un axente teratóxeno que unha exposición aguda.
Susceptibilidade biolóxica Como para moitas outras patoloxías, o xenotipo será o responsábel das diferenzas en susceptibilidades entre as distintas especies (e incluso entre individuos da mesma especie). É por este motivo que é complicado facer a extrapolación a humanos dos ensaios de teratoxenicidade en animais. O xenotipo da nai e do feto poden modificar o transporte placentario, a absorción, o metabolismo, a distribución e os receptores do axente teratóxeno.
Outros factores Peso molecular. O peso molecular dos axentes teratóxenos será moi importante pois, como noutros pasos a través das membranas biolóxicas, sábese que aquelas moléculas de p.m. superior a 1000 Da. non atravesan a placenta con facilidade, mentres que aqueles cun p.m. inferior a 600Da. si que o fan. pH do sangue fetal. O pH do sangue fetal é lixeiramente ácido se se compara co do sangue materno, polo que as substancias básicas tenderán a acumularse en maior proporción no feto. Hipertermia. Os efectos teratoxénicos da febre foron demostrados en estudos de experimentación en animais e en traballos epidemiolóxicos en humanos. Algúns autores recomendan que a temperatura corporal materna non debe exceder repetidamente os 38,9 °C, e para mulleres que se expoñen a fontes de calor externa (cama solar ou baño sauna) non exceder os 15 minutos a 39,0 °C ou 10 minutos a 40,0-41,1 °C a fin de diminuí-los riscos de defectos na descendencia. Hipocolesterolemia. Algúns autores suxiren que niveis plasmáticos baixos no sangue da nai poden producir alteracións no desenvolvemento normal do feto debido a que o colesterol é esencial para a síntese de esteroides e estes son imprescindíbeis no proceso de embrioxénese.
Principais efectos dos teratóxenos miniatura|Frasco da colección "Tératologie" no Museo de Anatomía (Musée d'anatomie) de Montpellier.