A galiña de Mos (ou raza de Mos) é unha das razas de pita máis antigas da Península Ibérica. Orixinaria de Galicia debe o seu nome á parroquia de San Xiao de Mos (no concello de Castro de Rei, Lugo), xa que foi nesta zona onde se comezou o proceso de selección para a recuperación da raza orixinal.
O trazo máis salientable é a súa crista en chícharo, que se caracteriza por ser pequena e ter tres filas de papilas ou puntos. Esta raza adáptase con facilidade a condicións climatolóxicas adversas.
Historia A comezos do século XX existía unha clara diferenza entre as galiñas da costa e do interior de Galicia (de máis volume e peso) e as galiñas da montaña (de menor tamaño). En 1935, a raíz da creación da Estación Pecuaria Rexional de Lugo, o veterinario Blas Martínez Inda iniciou o traballo de recuperación da Raza de Mos mediante a adquisición de ovos na Terra Chá, publicando ese mesmo ano o primeiro patrón da raza.
Nos anos posteriores fóronse ampliando o censo da raza e a súa venda a criadores interesados. En 1942, o veterinario Juan Rof Codina involucrouse na divulgación da raza realizando unha serie de estudos. Como consecuencia conseguiuse aumentar a capacidade de posta das galiñas de 128 ovos anuais de media (en 1939) a 154. No ano 1945 creouse a Cátedra de Divulgación Pecuaria de Galicia que, coa impartición de clases polas catro provincias galegas, permitiu dar a coñecer a Raza de Mos (seleccionada xa por aquel entón coas mesmas características que presenta na actualidade). Pola súa banda, a Estación Pecuaria Rexional de Galicia repartiu lotes da raza ata 1971, ano no que desapareceu a súa sección avícola.
Na década dos anos 60 realizáronse mudanzas orientadas cara a unha avicultura industrializada, o que propiciou os cruces entre razas para obter maior produtividade, producíndose deste xeito unha mingua na cría da Raza de Mos que a levou ao bordo da súa extinción. miniatura|Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia. A mediados de 2000, a Xunta de Galicia incluíu a Galiña de Mos nos programas de recuperación de razas gandeiras e iniciouse o “Programa de Recuperación e Conservación da raza Galiña de Mos”. Trala observación dos exemplares existentes e a consulta de datos históricos, redactouse un novo patrón da raza e creouse o Rexistro de Exemplares (publicado no Diario Oficial de Galicia o 11 de maio de 2001). Asemade, a finais de 2001 creouse a Unidade de Recuperación da Raza Galiña de Mos no Centro de Recursos Zooxenéticos de Galicia, con lotes de aves en galiñeiros situados en zonas exteriores, e onde calquera interesado pode adquirir algún destes animais para a cría.
Características xerais miniatura|esquerda|Prato de galo de Mos. A Galiña de Mos posúe unha testa máis ben pequena, unha cara vermella e lisa, unha crista en chícharo con tres filas de papilas ou puntos ben definidos de cor vermella, e un bico forte e ben curvado. O pescozo é esvelto e robusto, máis ben longo. O peito é ancho, profundo e prominente, de gran capacidade. As ás son máis ben pequenas, ben pregadas e cinguidas ao corpo, e a cola é de pequeno tamaño.
Existen diferenzas evidentes entre o macho e a femia. Así, o peso dos galos oscila entre 3,5 e 4 quilos mentres que o das galiñas está en torno a 2,5 e 3 quilos. A crista, as barbiñas e as orelliñas son máis pequenas nas galiñas, e o peito é menos prominente; asemade, as femias son de formas máis redondeadas. A plumaxe en ambos sexos é brillante, abundante e compacta, de cor roxa escura para o corpo, sendo a esclavina de cor máis clara no caso dos machos e de cor máis intensa nas femias.
Os ovos teñen un peso mínimo de 50 gramos, cunha casca de cor marrón clara.
O 16 de xaneiro de 2010 tivo lugar o I Certame de Exposición e Degustación do Galo de Mos na parroquia de San Xiao de Mos, en Castro de Rei, organizada polo concello e a asociación de veciños da parroquia.
Evolución da poboación AnoFemiasMachosTotalGanderías200912 4634 58717 050444201022 0007 85529 855510201121 3986 87128 269518201216 9326 90223 834455201317 6158 80126 416271201417 4358 30225 737237201517 4198 15525 574210201617 2328 81926 051194201717 2518 48525 736176201818 7289 96528 693173201917 42610 15027 576173202014 5436 82121 364176202117 1539 37026 523167202214 4047 06221 466166
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Asociación de avicultores da raza Galiña de Mos http://mediorural.xunta.es/fileadmin/arquivos/gandaria/razas/avicola/normativa.pdf https://web.archive.org/web/20050309222420/http://www.boe.es/boe/dias/2003-09-05/pdfs/A33523-33523.pdf https://web.archive.org/web/20050314035344/http://www.boe.es/boe/dias/2003-10-06/pdfs/A36173-36173.pdf
Categoría:Fasiánidos Categoría:Castro de Rei Categoría:Razas autóctonas de Galicia