Rodrigo García Vizoso, coñecido simplemente como Rodrigo, nado na Coruña o 26 de febreiro de 1909 e finado na mesma cidade o 2 de xuño de 2009, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego, que xogaba de gardameta. Considerado unha das maiores figuras da historia do fútbol coruñés, desenvolveu case toda a súa carreira deportiva nos clubs da propia cidade. Foi porteiro do Deportivo da Coruña durante sete tempadas e pasou brevemente polo Real Madrid, onde foi suplente de Zamora, e polo Granada. Traballador da Fábrica de Armas da Coruña, en 1940 fundou no seo da fábrica o Deportivo Xuvenil, ao que adestrou durante preto de 20 anos, levándoo ata a Segunda División. Tamén adestrou o Deportivo da Coruña en tres etapas e realizou diferentes funcións no club, como adestrador do Fabril e do equipo xuvenil ou observador.

Traxectoria

Como xogador

Comezos Naceu na coruñesa rúa de Fuente Luisa —agora chamada Argudín Bolívar— en 1909, sendo un dos nove fillos de Manuel García Paz e Rosario Vizoso Serantes. Os seus irmáns eran José, Pilar, Gumersindo, Evergisto, Maximiliano, Manuel, Rosario e Berta.Inclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda, Supercopa de España, Supercopa de Europa e Mundial de Clubs. Comezou a xogar ao fútbol no Varela Silvari, onde ademais de porteiro ocupaba as posicións de mediocentro e interior, e pasou tamén polas filas do Olímpico.

Deportivo da Coruña (1ª etapa) En 1927 comezou a xogar no reserva do Deportivo da Coruña e ao ano seguinte debutou co primeiro equipo, nun partido amigable ante o Racing de Ferrol no campo do Couto de Ourense, con motivo das festas do Corpus. Nos seus primeiros anos no Deportivo apenas contou con oportunidades, sendo o gardameta titular o histórico Isidro. O seu debut en partido oficial produciuse o 12 de maio de 1929, na 11ª xornada da edición inaugural da Segunda División. O adestrador Andrés Balsa aliñouno aquel día como titular ante o Sevilla en Nervión, onde a pesar da derrota callou unha boa actuación.

Despois de estar á sombra de Isidro varios anos, nos que só xogou esporadicamente algún partido tanto en Segunda División como no Campionato de Galicia, pasou a ser o primeiro porteiro do equipo cando aquel deixou o club en 1931. Desde aquela teceu unha carreira que o levou ser considerado durante anos un dos máximos referentes do club coruñés.

O momento de maior gloria da súa carreira viviuno en maio de 1932, cando o Deportivo, aínda na segunda categoría, se enfrontou na Copa do Presidente da República ao Real Madrid, vixente campión de liga. O Deportivo venceu por 2-0 no campo de Riazor e acudiu a Chamartín coa difícil misión de defender a vantaxe ante un equipo inzado de xogadores internacionais. A espectacular actuación de Rodrigo en Madrid, nunha tarde na que detivo case todos os numerosos lanzamentos dos futbolistas do club branco, foi clave para que o Deportivo conseguise a fazaña de pasar á seguinte rolda. Ovacionado no propio Chamartín, este encontro disparou a súa popularidade, elevándoo ao status de lenda do club.

Na tempada 1932/33 gañou o seu segundo Campionato de Galicia, sendo o gardameta titular en todos os encontros. Deixou o club en 1934, despois de sete anos na entidade.

Real Madrid En decembro de 1934, uns meses despois de deixar o Deportivo, realizou unha proba co Real Madrid e aínda que o adestrador Paco Bru se opuxo á súa fichaxe, esta foi concretada polo secretario do club, Pablo Hernández Coronado. Con todo, non chegou a debutar co club branco, onde foi o porteiro suplente do histórico Ricardo Zamora.

Granada Posteriormente fichou polo Granada, cun salario de 500 pesetas ao mes. No club andaluz, no que coincidiu co seu excompañeiro Alvarito, foi o gardameta titular, disputando un total de 23 encontros.

Deportivo da Coruña (2ª etapa) Co estalido da guerra civil volveu á Coruña e formalizou de novo ficha co Deportivo da Coruña, co que disputou a tempada 1936/37 do Campionato de Galicia. Titular en todos os partidos, proclamouse campión, sumando así o seu terceiro título.

Club Coruña A guerra levouno a pasar 34 meses no exército e após a contenda volveu á súa cidade natal, onde onde atopou traballo na Fábrica de Armas. En 1940 pasou a formar parte do Club Coruña, co que disputou varios partidos na Serie A, compartindo equipo entre outros con Eduardo Viso.

Como adestrador

Xuvenil miniatura|Rodrigo levado a ombreiros por unha multitude na estación da Coruña en 1932, tras eliminar ao Real Madrid da Copa. En 1939, no seo da Fábrica de Armas na que traballaba, encomendóuselle a dirección dun equipo formado por aprendices, que máis tarde deu lugar ao Deportivo Xuvenil. Comezou a competir nas divisións de modestos da cidade, proclamándose campión das dúas divisións da liga de modestos e tamén da Copa da Coruña.Rodrigo Biografías de xogadores do Deportivo - Peña Deportivista Os Zorros - Carballiño Deportivo Juvenil y Fabril, dos equipos distintos DEPOR Sport Aínda que a idea do club era só formar futbolistas para o Deportivo da Coruña, os bos resultados fixérono subir paulatinamente de categoría e na tempada 1953/54, na que tiña baixo a súa batuta a xogadores como Manín, Juananco, Vegazo, Rábade ou Arias, logrou un histórico ascenso á Segunda División. Nese momento, despois de 15 anos como adestrador do equipo, presentou a súa dimisión co obxecto de acudir ao curso de adestrador nacional en Barcelona. Ao seu regreso de Barcelona, o seu posto estaba xa ocupado por Eduardo Viso.

Deportivo da Coruña (1ª etapa) En xuño de 1955, despois dun ano de inactividade futbolística, foi nomeado novo adestrador do Deportivo da Coruña, na Primeira División. O seu primeiro éxito chegou na 10ª edición do Trofeo Teresa Herrera, que por primeira vez disputaba o Deportivo. Nun día que a prensa da época definiu como un dos máis memorábeis da historia do fútbol coruñés, o equipo de Rodrigo derrotou por 2-1 ao Athletic Club de Ferdinand Daučík, vixente campión da Copa do Xeneralísimo, grazas a un gol de Pahiño no minuto 130 de partido. Xa en competición oficial, Rodrigo foi o primeiro adestrador en levar o Deportivo a derrotar ao Real Madrid en Chamartín. Con todo, os irregulares resultados, e especialmente dúas derrotas consecutivas fóra da casa contra o Las Palmas e o Hércules, provocaron a súa destitución en febreiro de 1956.

Selección galega xuvenil e Deportivo Xuvenil En outubro de 1956 foi designado adestrador da selección galega xuvenil, substituíndo no cargo a Julio Antonio Elícegui. Dirixiu os xuvenís galegos durante máis dun ano, ata que presentou a súa dimisión o 21 de decembro de 1957. Uns meses antes regresara ao banco do Xuvenil, ao que adestrou ata 1960, cando este club pasou a estar baixo a tutela do Deportivo da Coruña. En outubro dese mesmo ano foi nomeado polo Comité Rexional de Fútbol Afeccionado e Xuvenil seleccionador galego xuvenil por segunda vez.

Deportivo da Coruña (2ª etapa) En abril de 1961 chegou a un acordo co Deportivo da Coruña para reingresar na entidade con varias funcións: segundo adestrador do primeiro equipo, adestrador do equipo B e dos xuvenís e observador de novos talentos. Compaxinou estes labores coa selección xuvenil, á que dirixiu ata 1964. En novembro de 1962, tralo cesamento de Enric Rabassa, colleu as rendas do primeiro equipo do Deportivo, conseguindo unha vitoria no primeiro partido ante o Mallorca. Con todo, non puido gañar ningún dos seguintes cinco encontros, polo que en xaneiro foi substituído por Lelé.

Fabril No verán de 1964 converteuse en novo adestrador do Fabril, que pouco antes viña de fusionarse co Xuvenil. Dirixiu o filial na Terceira División ata que en maio de 1965 volveu ser solicitado para o primeiro equipo.

Deportivo da Coruña (3ª etapa) A ausencia de Luis Carniglia, que marchou para Italia, propiciou a terceira etapa de Rodrigo no banco do primeiro equipo do Deportivo. Dirixiu o equipo na Copa do Xeneralísimo, acadando os oitavos de final, nos que caeu contra o Sporting de Gijón.

Fabril (2ª e 3ª etapa) Nos seguintes anos adestrou os equipos xuvenís do Deportivo e do Fabril e en 1970 volveu coller as rendas do Fabril, desta vez na Serie A galega. Pechou a liga regular na segunda posición, o que lle serviu para disputar a promoción de ascenso. Nesta conseguiu derrotar ao Barreda cántabro, conseguindo así o ascenso á Terceira División. A continuación regresou ao equipo xuvenil do Deportivo, pero en 1973 volveuse poñer á fronte do Fabril, ao que adestrou ata 1976.

Recoñecementos e legado En xuño de 1946 recibiu a primeira das súas múltiples homenaxes, nun partido da Copa Galicia entre o Deportivo Xuvenil e o Deportivo da Coruña, no que toda recadación do estadio de Riazor foi para o propio adestrador, que non cobraba polo seu labor no Xuvenil. En 2002 realizáronse unha serie de homenaxes á súa persoa, que comezaron coa refundación do Varela Silvari, club no que militara na súa xuventude, e que se pecharon coa inauguración dun busto seu na Cidade Deportiva da Torre, nun acto no que estiveron presentes entre outros Amancio Amaro e Luis Suárez.

Chegou acadar os cen anos de idade e o día do seu centenario foi homenaxeado no estadio de Riazor nos prolegómenos do último partido do Deportivo en competición oficial europea, fronte ao Aalborg dinamarqués. Falecería poucos meses despois. Como tributo, o Concello da Coruña decidiu mudar o nome do Campo Municipal de Fútbol A Grela II polo de Rodrigo García Vizoso. Tamén levou o seu nome un torneo de fútbol sete organizado polo Varela Silvari dende 2001.

Rodrigo foi descubridor de numerosos talentos do fútbol coruñés, entre eles o de Luis Suárez, veciño como el do barrio de Monte Alto.

Vida persoal Casou en febreiro de 1935 na Coruña con Estrella Sánchez Morandeira. Foi tío do tamén futbolista Mariano Veloy, fillo da súa irmá Rosario.

Estatísticas ClubTempadaLigaCopaC. RexionalTotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesDeportivo da Coruña1928/29100000101929/30400010501930/31400020601931/3218060903301932/33170601003301933/3416000100260Real Madrid1934/350000--00Granada1935/361203080230Deportivo da Coruña1936/37----100100Total club6001204201140Club Coruña1940/41??----??Total carreira72+0150500137+0

Palmarés Xogador Deportivo da Coruña Campionato de Galicia (3): 1930/31, 1932/33, 1936/37.

Adestrador Deportivo Xuvenil Terceira División (1): 1953/54. Serie A (1): 1945/46. Copa Galicia (1): 1949/50. Copa da Coruña (2): 1942/43, 1943/44. Primeira División de Modestos da Coruña (1): 1944/45. Segunda División de Modestos da Coruña (1): 1942/43.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do adestrador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1909 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Club Coruña Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Deportivo Fabril Categoría:Centenarios galegos