Carl Edward Sagan, nado en Brooklyn (Nova York) o 9 de novembro de 1934 e finado en Seattle (estado de Washington) o 20 de decembro de 1996, foi un astrónomo, astrofísico, cosmólogo, astrobiólogo, escritor e divulgador científico estadounidense. Foi un defensor do pensamento escéptico científico e do método científico, pioneiro da exobioloxía e promotor da procura de intelixencia extraterrestre a través do Proxecto SETI. Impulsou o envío de mensaxes a bordo de sondas espaciais, destinadas a informar a posibles civilizacións extraterrestres acerca da cultura humana. Mediante as súas observacións da atmosfera de Venus, foi dos primeiros científicos en estudar o efecto invernadoiro a escala planetaria. Na Universidade Cornell, Carl Sagan foi o primeiro científico en ocupar a Cátedra David Duncan de Astronomía e Ciencias do Espazo, creada en 1976, e foi director do Laboratorio de Estudos Planetarios.
Carl Sagan gañou gran popularidade grazas á galardoada serie documental de Cosmos: A Personal Voyage, producida en 1980, da que foi narrador e coautor. Tamén publicou numerosos artigos científicos, e foi autor, coautor ou editor de máis dunha vintena de libros de divulgación científica, sendo os máis populares os seus libros Cosmos, publicado como complemento da serie, e Contact, no que se basea a película homónima de 1997.Algúns dos traballos de Carl Sagan (NASA ADS) Cosmos foi a serie máis vista da historia da televisión pública americana, foi vista por un mínimo de 500 millóns de persoas ó longo de 60 países diferentes. En 1978 gañou o Premio Pulitzer de Literatura Xeral de Non Ficción polo seu libro The Dragons of Eden.
Ó longo da súa vida, Sagan recibiu numerosos premios e condecoracións polo seu labor como comunicador da ciencia e a cultura. Hoxe é considerado un dos divulgadores de ciencia máis carismáticos e influentes, grazas á súa capacidade de transmitir as ideas científicas e os aspectos culturais ó público non especializado con sinxeleza non exenta de rigor.
Infancia e adolescencia Naceu en Brooklyn, Nova York, nunha familia de xudeus ucraínos. O seu pai, Sam Sagan, era un obreiro da industria téxtil nado en Kamianets-Podilsky, Ucraína, e a súa nai, Rachel Molly Gruber, era ama de casa. Carl recibiu o seu nome en honra da nai biolóxica de Rachel, Chaiya Clara; en palabras de Sagan "a nai que ela nunca coñeceu".
Tiña unha irmá chamada Carol, e a familia vivía nun modesto apartamento cerca do océano Atlántico, en Bensonhurst, un barrio de Brooklyn. Segundo Sagan, eran xudeus reformistas, o máis liberal dos tres principais grupos xudeus. Tanto Carl como a súa irmá coinciden en que o seu pai non era especialmente relixioso, pero que a súa nai indubidablemente cría en Deus, e participaba activamente no templo, e só servía carne kosher. Durante o auxe da Gran Depresión, o seu pai tivo que aceptar un emprego como acomodador de cine.
Segundo o biógrafo Keay Davidson, a guerra interior de Sagan era resultado da estreita relación que mantiña cos seus pais, quen eran opostos en moitos sentidos. Sagan atribuía os seus posteriores impulsos analíticos á súa nai, unha muller que coñeceu a pobreza extrema sendo nena, e que crecera case sen fogar na cidade de Nova York, durante a Primeira guerra mundial e a década de 1920. Tiña as ambicións propias dunha muller nova, pero bloqueadas polas restricións sociais, pola súa pobreza, por ser muller e esposa, e por ser de etnia xudía. Davidson sinala que ela, xa que logo, adoraba ó seu fillo; el faría realidade os seus soños non cumpridos.
Con todo, a súa capacidade para sorprenderse viña do seu pai, que era un tranquilo e bondadoso fuxitivo do Tsar. No seu tempo libre, regalaba mazás ós pobres ou axudaba a suavizar as tensións entre patróns e obreiros na tumultuosa industria téxtil de Nova York. Aínda que intimidado pola brillantez de Carl, polas súas lerias infantís sobre estrelas e dinosauros, tomouse con calma a curiosidade do seu fillo, como parte da súa educación. Anos máis tarde, como escritor e científico, Carl recorrería ós seus recordos da infancia para ilustrar ideas científicas, como fixo no seu libro Shadows of Forgotten Ancestors. Sagan describe así a influencia dos seus pais no seu pensamento posterior:
A Exposición Universal de 1939 Sagan lembraba que viviu unha das súas mellores experiencias cando, con catro ou cinco anos de idade, os seus pais levárono á Exposición Universal de Nova York de 1939, o cal foi un punto de inflexión na súa vida. Tempo despois lembraba o mapa móbil da América do Mañá:
Noutras exhibicións, lembraba como unha lámpada que iluminaba unha célula fotoeléctrica creaba un son renxente, e como o son dun diapasón convertíase nunha onda nun osciloscopio. Tamén foi testemuña da tecnoloxía do futuro que substituiría á radio: a televisión. Sagan escribiu:
Tamén puido ver un dos eventos máis publicitados da Exposición: o enterro dunha cápsula do tempo en Flushing Meadows, que contiña recordos da década de 1930 para ser recuperados polas xeracións vindeiras dun futuro milenio. "A cápsula do tempo emocionou a Carl", escribe Davidson. De adulto, Sagan e os seus colegas crearon cápsulas do tempo similares, pero para envialas á galaxia: a Placa da Pioneer e o Disco de Ouro das Voyager, foron produto dos recordos de Sagan sobre a Exposición Universal.
A segunda guerra mundial Durante a Segunda guerra mundial, a familia de Sagan estivo preocupada polo destino dos seus parentes europeos. Sagan, con todo e polo xeral, non foi consciente dos detalles sobre o curso da guerra. Escribiu: "Certo é que tivemos parentes que quedaron atrapados no Holocausto. Hitler non era un suxeito popular na nosa casa... Pero, doutra banda, eu estiven bastante illado dos horrores da guerra". A súa irmá, Carol, dixo que a súa nai por riba de todo quería protexer a Carl... Ela estaba a pasalo extraordinariamente mal coa segunda guerra mundial e o Holocausto. No seu libro The Demon-Haunted World (1996), Sagan inclúe os seus recordos sobre aquel período conflitivo, cando a súa familia enfrontouse á realidade da guerra en Europa, pero tratou de evitar que esta socavara o seu espírito optimista.
Curiosidade pola natureza Pouco despois de ingresar na escola elemental, Sagan comezou a expresar unha forte curiosidade pola natureza. Sagan lembraba as súas primeiras visitas en solitario á biblioteca pública, á idade de cinco anos, cando a súa nai lle deu un carné de lector. Quería saber que eran as estrelas, xa que ningún dos seus amigos nin os seus pais sabían darlle unha resposta clara:
Pola época en que tiña seis ou sete anos, Sagan e un amigo foron ó Museo Americano de Historia Natural da cidade de Nova York. Alí estiveron no Planetario Hayden e pasearon polas exhibicións de obxectos espaciais do museo, como os meteoritos, e as mostras de dinosauros e animais en contornas naturais. Sagan escribiu sobre esas visitas:
Os pais de Sagan axudaron a alimentar o crecente interese deste pola ciencia comprándolle xogos de química e materiais de lectura. O seu interese polo espazo era, con todo, o seu principal foco, especialmente despois de ler as historias de ciencia ficción de escritores como H. G. Wells e Edgar Rice Burroughs, quen estimulaban a súa imaxinación acerca de como sería a vida noutros planetas, como Marte. Segundo o biógrafo Ray Spangenburg, estes primeiros anos nos que Sagan trataba de comprender os misterios dos planetas convertéronse nunha forza motora na súa vida, unha faísca continua para o seu intelecto, e unha procura que xamais sería esquecida.
En 1947 descubriu a revista Astounding Science Fiction, que o introduciu en especulacións de ciencia ficción dura como as das novelas de Burroughs. No mesmo ano comezou a histeria colectiva dos pratos voantes, con Carl sospeitando que os "discos" podían ser naves espaciais alieníxenas.
Formación Sagan vivía en Bensonhurst, onde asistiu á David A. Boody Junior High School. Tivo o seu bar mitzvah en Bensonhurst cando acadou os 13 anos. Ó ano seguinte, 1948, a súa familia trasladouse á cidade próxima de Rahway (Nova Jersey) polo traballo do seu pai, onde Sagan entrou na Rahway High School e graduouse en 1951. Rahway era unha vella cidade industrial, e os Sagan estaban coa súa pequena familia xudía.
Durante a década dos anos 50, comezou a se interesar pola orixe da vida; inquedanza que continuará con el toda a vida. Esta curiosidade facía que malia que era un estudante con boas cualificacións, se aburrira se as clases non eran desafiantes e os profesores eran pouco inspiradores. Os seus profesores decatáronse disto e trataron de convencer ós seus pais para que o enviaran a un colexio privado. Na escola, o director díxolles: "Este neno debería ir a unha escola para nenos superdotados, ten algo realmente extraordinario". Pero non o puideron mandar, en parte debido ó custe.
Sagan foi nomeado presidente do club de química da escola e na casa creou o seu propio laboratorio. Ensinouse a si mesmo as moléculas facendo recortes de cartón para axudarse a ver como estaban formadas: "Descubrín que era tan interesante como facer experimentos [químicos]", dixo. Sagan quedou máis interesado pola astronomía como hobby, pero no seu primeiro ano converteuna no seu obxectivo profesional despois de saber que ós astrónomos pagábanlles por facer o que sempre lle gustou: "Foi un día espléndido cando comecei sospeitar que se me esforzaba, eu podería traballar en astronomía, e non só tela como pasatempo".
Antes de finalizar o instituto, entrou nun concurso de ensaio no que fixo a pregunta de se o contacto humano con formas de vida avanzadas doutro planeta podería ser tan desastroso para as persoas na Terra como para os nativos americanos cando tiveron o primeiro contacto cos europeos. O tema foi considerado controvertido, pero a súa habilidade retórica conquistou ós xuíces, e outorgáronlle o primeiro premio. Ó graduarse, os seus compañeiros votárono "o máis probable en ter éxito".
Matriculouse na Universidade de Chicago, que foi unha das poucas universidades ás que preguntou que considerase admitir a un mozo de 16 anos, a pesar das súas excelentes cualificacións de ensino medio. O seu director, Robert Hutchins, estruturou a universidade como unha "meritocracia ideal", sen requisitos de idade. A universidade empregaba a varios dos científicos máis importantes do país, incluíndo a Enrico Fermi e Edward Teller, ademais de dirixir do famoso Observatorio Yerkes.
Durante o seu tempo de pregrao, Sagan traballou no laboratorio do xenetista H. J. Muller e escribiu unha tese sobre as orixes da vida co físicoquímico Harold Urey. Alí uniuse á Ryerson Astronomical Society. Nesta universidade graduouse en 1954 en Artes con honras especiais e xerais, en 1955 graduouse en Ciencias e en 1956 obtivo un máster en Física, para logo doutorarse, na Universidade de Chicago, en Astronomía e Astrofísica en 1960 coa súa tese Physical Studies of Planets.
Usou os meses de verán dos seus estudos de posgrao para traballar co seu director de tese, científico planetario, Gerard Kuiper, así como co físico George Gamow e o químico Melvin Calvin. O título da disertación de Sagan reflicte os seus intereses compartidos con Kuiper, que durante toda a década de 1950 foi presidente da comisión da Unión Astronómica Internacional sobre "Estudos físicos de planetas e satélites". En 1958, os dous traballaron no proxecto A119, un proxecto militar clasificado, un plan secreto da Forza Aérea para detonar unha oxiva nuclear na Lúa.
Sagan tiña unha autorización Top Secret na Forza Aérea e unha autorización de Segredo coa NASA. Mentres traballaba na súa tese de doutoramento, Sagan revelou os títulos de dous traballos do Proxecto A119 cando solicitou unha bolsa Berkeley á Universidade de California en 1959. A fenda non foi revelada publicamente ata 1999, cando foi publicada na revista "Nature". Unha carta do xefe do proxecto Leonard Reiffel á revista, confirmou a fenda de seguridade de Sagan.
Carreira e investigación