Xosé Manuel Cabada Vázquez, nado no lugar de Barro, parroquia de San Xurxo de Codeseda (A Estrada) o 6 de decembro de 1901 e finado en Linares (Provincia de Xaén) o 2 de abril de 1936, foi un prosista, poeta e político galego, pertencente a Xeración de 1922, membro das Irmandades da Fala, do Partido Galeguista e do Seminario de Estudos Galegos.

Traxectoria De familia labrega, foi fillo de Manuel Cabada Prieto, natural de Marcenlos, e María Josefa Vázquez, de Barro. Xosé Manuel foi o segundo de tres irmáns. En 1918 entrou no Seminario de Santiago de Compostela ao mesmo tempo que estudaba Maxisterio e Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Entrou en contacto co galeguismo e asistiu á V Asemblea das Irmandades da Fala (1923). En decembro de 1925 morreu a súa irmán Emilia. Durante tres anos residiu no segundo andar do Pazo de Raxoi, como preceptor dos Nenos de Coro da basílica compostelá, alí vivía tamén Ángel Amor Ruibal (no primeiro andar), que era o cóengo encargado do coro. Dese xeito Cabada Vázquez foi discípulo, confidente, amanuense e secretario de Amor Ruibal. Xosé Manuel foi ordenado diácono en xuño de 1930 e en novembro morreu Amor Ruibal. En 1931 saíu da Imprenta, Lib. e Enc. do Seminario C. o seu poemario Vagalumes ilustrado por Camilo Díaz Baliño. Tamén en 1931 ingresou no Partido Galeguista. Ese mesmo ano obtivo o título de licenciado en Filosofía e Letras en xuño, abandonou definitivamente a carreira eclesiástica e ingresou, a comezos de outubro, como profesor no Colexio xesuíta Apóstolo Santiago de Teis, Vigo, onde coincidiu con Xesús Ferro Couselo. Asinou o 25 de outubro de 1931 o manifesto Afirmación Católica dun Grupo de Nacionalistas.

Colaborou en El Emigrado, A Nosa Terra, Vida Gallega, Céltiga e Nós onde publicou varios poemas: "Na fala gallega", "O botafumeiro", "San Francisco pregando ós paxariños", "Festa en San-Iago"…

Foi director dun instituto en Medina de Rioseco (Valladolid) en 1933, e trasladouse en 1934, tamén como director e profesor de latín, a outro de Linares (Xaén), onde compartiu aulas con Carmen Sierra Domínguez. Alí morreu prematuramente por mor dunha peritonite en 1936, antes de casar coa súa noiva a farmacéutica andaluza María Luisa López Jiménez.

Vinte e seis anos despois, en 1962, os seus restos foron trasladados á súa Codeseda natal.

Obra Iniciou a tradución ao galego do catecismo do Padre Astete. Vagalumes, verso galego, 1931. Con portada e varias ilustracións de Camilo Díaz.Versión escaneada na Biblioteca Virtual Galega.Versión en PDF en TabeirosMontes.com. Obra completa. Poemas e outros escritos, 2001 (edición de Manuel Cabada Castro).Escolma na Biblioteca Virtual Galega.Versión dixital en TabeirosMontes.com.

Galería de imaxes

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Alonso Montero, X. (1989). "Xosé Manuel Cabada Vázquez: O home e o poeta (cronoloxía, estudo e biografía)" en Vagalumes, reedición facsímile, A Estrada. Cabada Castro, M. (1990). "Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936), poeta, galeguista, educador. Representación dun anaco da nosa propia cultura". Grial n.º 105.

Outros artigos Seminario de Estudos Galegos

Ligazóns externas na Biblioteca Virtual Galega. , Manuel: "Paixón poética e militancia galeguista" Tabeiros Montes

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Irmandades da Fala Categoría:Membros do Seminario de Estudos Galegos Categoría:Poetas de Galicia Categoría:Nados na Estrada Categoría:Nados en 1901 Categoría:Finados en 1936 Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Finados por peritonite Categoría:Tradutores ao galego Categoría:Tradutores do castelán Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Políticos do Partido Galeguista