Sergei Sergeevich Prokofev (en ), nado en Sontsovka o e finado en Moscova o 5 de marzo de 1953, foi un compositor, pianista e director de orquestra soviético que dominaba xéneros musicais numerosos e viña a ser admirado como un dos compositores máis sobranceiros do século XX. As súas obras inclúen pezas tan escoitadas como a marcha de O amor das tres laranxas, a suite Poruchik Kizhe, o ballet Romeo e Xulieta, de onde se toma a «Danza dos cabaleiros», e Pedro e o lobo, que inspirou o filme homónimo de 1946, producido por Walt Disney. Dentro das formas e xéneros establecidos nos que traballou, creou sete óperas completas, sete sinfonías, oito ballets, cinco concertos para piano, dous concertos para violín, un concerto para violonchelo, un concerto sinfónico para violonchelo e orquestra, e completou nove sonatas para piano.

Graduado no Conservatorio de San Petersburgo, Prokofev inicialmente deuse a coñecer como compositor-pianista iconoclasta e logrou notoriedade cunha serie de obras ferozmente disonantes e virtuosas para o seu instrumento, incluídos os seus dous primeiros concertos para piano. En 1915, Prokofev realizou unha ruptura decisiva da categoría estándar de compositor-pianista coa súa orquestral Suite escita, compilada a partir de música orixinalmente composta para un ballet encargado por Sergei Diagilev dos Ballets Russes. Diagilev encargou outros tres ballets a Prokofev: Chout, Le pas d'acier e Le Fils prodigue, que no momento da súa produción orixinal causaron sensación entre críticos e colegas. Con todo, o maior interese de Prokofev foi a ópera, e compuxo varias obras neste xénero, incluíndo O xogador e O anxo de lume. O único éxito operístico de Prokofev durante a súa vida foi O amor das tres laranxas, composta para a Ópera de Chicago, e posteriormente interpretada durante a seguinte década en Europa e Rusia.

Logo da Revolución de 1917, Prokofev deixou Rusia coa bendición oficial do ministro soviético Anatoli Lunacharskii e residiu nos Estados Unidos, logo en Alemaña, logo en París, e gañouse a vida como compositor, pianista e director de orquestra. Durante ese tempo, casou cunha cantante española, Carolina (Lina) Codina, con quen tivo dous fillos. A principios da década de 1930, a Gran Depresión diminuíu as oportunidades para que os ballets e óperas de Prokofev se presentaran nos Estados Unidos e Europa occidental. Prokofev, que se consideraba a si mesmo ante todo como compositor, resentía o tempo que lle levaba facer unha xira como pianista, e recorría cada vez máis á Unión Soviética para solicitar encargos de nova música. En 1936, finalmente regresou á súa terra natal coa súa familia. Gozou de certo éxito alí, especialmente con Poruchik Kizhe, Pedro e o Lobo, Romeo e Xulieta, e quizais sobre todo con Alexandre Nevski.

A invasión nazi á Unión Soviética impulsouno a compoñer a súa obra máis ambiciosa, unha versión operística de Guerra e paz de Lev Tolstoi. En 1948, Prokofev foi acusado de producir "formalismo antidemocrático". A pesar desa acusación, gozou do apoio persoal e artístico dunha nova xeración de intérpretes rusos, especialmente Sviatoslav Richter e Mstislav Rostropovich: escribiu a súa Novena sonata para piano para o primeiro e a súa Sinfonía concertante para o segundo.

Traxectoria Infancia e primeiras composicións miniatura|esquerda|Prokofev con 9 anos. Sergei Prokofev naceu o 23 de abril de 1891 en Sontsovka (agora Sontsivka, raión de Pokrovskyy, óblast de Donetsk, Ucraína), un predio rural remoto na Gubernia de Ekaterinoslav do Imperio Ruso. Seu pai, Sergei Alekseievich Prokofev, era enxeñeiro agrónomo. A nai de Prokofev, Mariia Grigorievna (de solteira Zhitkova), proviña dunha familia de antigos servos que foran propiedade da familia Sheremetev, baixo cuxo patrocinio ensinábase teatro e artes aos nenos servos dende unha idade temperá. Reinhold Glière (o primeiro profesor de composición de Prokofev) describiuna como "unha muller alta con fermosos ollos intelixentes ... que soubo crear unha atmosfera de calidez e sinxeleza sobre ela". Logo da súa voda no verán de 1877, os Prokofev mudáronse a unha pequena propiedade na gobernación de Smolensk. Finalmente, Sergei Alekseievich encontrou emprego como enxeñeiro de camiños, empregado por un dos seus antigos compañeiros de estudos, Dmitri Sontsov, a cuxa propiedade nas estepas ucraínas mudáronse os Prokofev.

No momento do nacemento de Prokofev, Mariia, que perdera dúas fillas anteriormente, adicara a súa vida á música. Durante a primeira infancia do seu fillo, pasou dous meses ao ano en Moscova ou San Petersburgo recibindo clases de piano. Sergei Prokofev inspirouse ao escoitar á súa nai practicando ao piano pola noite, na súa maioría obras de Frédéric Chopin e Ludwig van Beethoven, e escribiu a súa primeira composición para piano aos cinco anos de idade, un Gallop indio, que a súa nai escribiu nunha escala maior co cuarto grao da escala elevado, xa que o neno Prokofev sentía «reticencia a abordar as notas negras». Aos sete anos tamén aprendera a xogar ao xadrez. O xadrez seguiría a ser unha paixón para el e familiarizouse cos campións mundiais como José Raúl Capablanca, a quen venceu nunha partida de exhibición simultánea o 16 de maio de 1914, e Mikhail Botvinnik, con quen xogou varias partidas na década de 1930. Aos nove anos seu pai levouno por primeira vez a Moscova, onde ademais de ficar abraiado pola cidade, ou visitar o circo, quedou fascinado polo teatro, especialmente pola interpretación da orquestra sinfónica. De volta, xunto cos seus amigos comezou xogar a representar as súas propias obras, e un día compuxo a súa primeira ópera, O Xigante, e pese á incredulidade inicial da súa nai conseguiu completar a música de piano, xunto cos diálogos improvisados cos seus compañeiros. Era unha sinxela, mais brillante historia sobre dous valentes mozos que defendían a unha muller fronte o perigo dun terrible xigante. Pouco tempo despois, na casa de seu tío e coa colaboración dos seus primos e a súa tía, que mesmo se disfrazaron para a ocasión, representou o primeiro acto da súa ópera no salón do fogar, ante o abraio de seus pais e familia. Daquela xa compuxera dita ópera, así como unha abertura e outras pezas, e estaba inmerso na escritura dunha segunda e maior ópera titulada Illas desertas. Nese momento seus pais decidiron proporcionar a seu fillo unha educación máis sólida, con traballo duro e disciplina, comezando con leccións de francés e alemán.

Educación formal e primeiras obras controversas miniatura|Reinhold Glière, primeiro profesor de Prokofev. En 1902, a nai de Prokofev coñeceu a Sergei Taneev, director do Conservatorio de Moscova, quen inicialmente suxeriu que Prokofev debería comezar as clases de piano e composición con Aleksandr Goldenweiser. Incapaz de organizar isto, Taneev en cambio fixo arranxos para que o compositor e pianista Reinhold Glière pasara o verán de 1902 en Sontsovka ensinando a Prokofev. A primeira serie de leccións culminou, ante a insistencia dun Prokofev daquela de once anos, co compositor en ciernes facendo o seu primeiro intento por escribir unha sinfonía. O verán seguinte, Glière volveu visitar Sontsovka para continuar coas súas clases. Cando, décadas despois, Prokofev escribiu sobre as súas leccións con Glière, deu crédito ao método comprensivo do seu mestre, mais queixouse de que Glière ensináralle a estrutura de frase "cadrada" e as modulacións convencionais, que posteriormente tivo que desaprender. No entanto, equipado coas ferramentas teóricas necesarias, Prokofev comezou a experimentar con harmonías disonantes e compases infrecuentes nunha serie de pezas breves para piano que chamou "cancionciñas" (a partir da chamada «forma de canción», máis exactamente de forma ternaria, na que se basearon), sentando as bases para o seu propio estilo musical.

A pesar do seu crecente talento, os pais de Prokofev dubidaron sobre iniciar a seu fillo nunha carreira musical a unha idade tan temperá e consideraron a posibilidade de que asistira a unha boa escola secundaria en Moscova. En 1904, a súa nai decidírase en cambio por San Petersburgo e ela e Prokofev visitaron a daquela capital para explorar a posibilidade de mudarse alí para a súa educación. Presentáronlles o compositor Aleksandr Glazunov, profesor no Conservatorio de San Petersburgo, que pediu coñecer a Prokofev e a súa música. Prokofev compuxera dúas óperas máis, Illas desertas e A festa na época da peste, e estaba traballando na súa cuarta, Undina. Glazunov ficou tan abraiado que instou á nai de Prokofev a que o seu fillo solicitara a admisión ao Conservatorio. Pasou as probas introdutorias e inscribiuse ese ano.

Varios anos máis novo que a maior parte dos seus condiscípulos, Prokofev era visto como excéntrico e arrogante, e molestaba a varios dos seus compañeiros ao manter estatísticas sobre os seus erros. Durante ese período, estudou, entre outros, piano con Aleksandr Winkler; harmonía e contrapunto con Anatoli Liadov; dirección con Nikolai Cherepnin; e orquestración con Nikolai Rimskii-Korsakov (aínda que cando Rimskii-Korsakov morreu en 1908, Prokofev sinalou que só estudara con el "dalgún xeito" —era só un de moitos estudantes nunha clase moi concorrida— e lamentou que doutro xeito "nunca tería tido a oportunidade de estudar con el"). Tamén compartiu clases cos compositores Boris Asafev e Nikolai Miaskovskii, e este último converteuse nun amigo relativamente próximo e de toda a vida.

Como membro da escena musical de San Petersburgo, Prokofev desenvolveu unha reputación de rebelde musical, mentres recibía eloxios polas súas composicións orixinais, que el mesmo interpretaba no piano. En 1909, graduouse da súa clase en composición con cualificacións pouco impresionantes. Continuou no Conservatorio, estudando piano con Anna Esipova e proseguiu as súas clases de dirección con Cherepnin.

En 1910, coa morte de seu pai cesou o apoio financeiro a Sergei. Afortunadamente, comezara a facerse un nome como compositor e pianista fora do Conservatorio e facía aparicións nas Noites de Música Contemporánea de San Petersburgo. Alí interpretou varias das súas obras para piano máis aventuradas, como os seus altamente cromáticos e disonantes, Etudes Op. 2 (1909). A súa actuación impresionou aos organizadores das Noites o suficiente como para invitar a Prokofev a realizar a estrea rusa de Drei Klavierstücke Op. 11, de Arnold Schönberg. A experimentación harmónica de Prokofev continuou con Sarcasmos para piano, Op. 17 (1912), que facía un uso extenso da politonalidade. Nese tempo compuxo os seus dous primeiros concertos para piano, o último dos cales causou un escándalo na súa estrea (23 de agosto de 1913, Pavlovsk). Segundo unha versión, o público saíu da sala con exclamacións de "Ao demo con esta música futurista! Os gatos no tellado fan mellor música!", mais os modernistas estaban extasiados.

En 1911, chegou a axuda do renomeado musicólogo e crítico ruso Aleksandr Ossovskii, quen escribiu unha carta de apoio ao editor de música Boris P. Iurgenson (fillo do fundador da editorial Peter Iurgenson) e así ofrecéuselle un contrato ao compositor. Prokofev fixo a súa primeira viaxe ao estranxeiro en 1913, foi a París e Londres, onde coñeceu por primeira vez os Ballets Russes de Sergei Diagilev.

Primeiros ballets miniatura|Sergei Diagilev encargou a Prokofev o seu primeiro ballet. En 1914 Prokofev rematou a súa carreira no Conservatorio ao participar na "batalla dos pianos", un concurso aberto aos cinco mellores estudantes de piano, cuxo premio era un piano de cola Schreder: Prokofev gañou ao interpretar o seu propio Concerto para piano núm. 1. As súas primeiras obras, como dito concerto e a Suite escita para orquestra (1914), valéronlle mala fama como músico, pois non correspondían coa liña nacionalista rusa.