Marrocos pertence ao grupo de países emerxentes, cun sistema económico mixto. Desde o 1993 o goberno seguiu unha política de privatización das empresas públicas, así como da liberalización de moitos sectores da economía.
Aínda que os últimos anos os diversos gobernos seguiron unha política de diversificación económica, a agricultura que só representa o 17% do PIB emprega ao 44% da poboación activa. No 2009 aínda que a crise azoutou a unha parte do mundo, Marrocos conseguiu un crecemento do 5,0% grazas en parte a sobreproteccionismo da banca marroquí e aos bos resultados no sector agrícola.
Os ingresos do país proveñen nun 17,1% da agricultura, o 31,6% da industria e o 51,4% do sector servizos, segundo datos proporcionados no ano 2010. A inflación foi de 2,5 puntos aquel ano e o 15% da poboación vive nunha situación de pobreza. A porcentaxe de poboación activa é do 20% de habitantes.
As políticas económicas de Marrocos trouxeron estabilidade ao país a comezos da década de 1990, pero non diminuíron o desemprego, estimado o 20% nas cidades, a pesar dos esforzos do goberno para diversificar a economía. Os déficits comercial e orzamentario de Marrocos creceron durante o 2010. A redución do gasto do goberno e a adaptación a un crecemento económico reducido en Europa - onde están os seus principais mercados - serán os desafíos do país en 2011. Para o longo prazo, un dos principais desafíos é mellorar a educación e crear oportunidades de emprego para os mozos, ademais de reducir as desigualdades entre ricos e pobres e combater a corrupción.
Notas