The Sims 3 é un videoxogo de simulación social e estratexia da franquía The Sims, orixinalmente creado por Maxis e desenvolvido por Electronic Arts, para PC e Mac. Trátase da terceira entrega da popular serie The Sims (posterior ao videoxogo The Sims 2). Foi anunciado nunha entrevista de Electronic Arts en novembro de 2006 e lanzado o 2 de xuño de 2009 nos Estados Unidos, e o 26 de outubro de 2010 para as consolas Xbox 360, PlayStation 3, Wii e Nintendo DS.

O videoxogo tivo un éxito inmediato. Foron vendidas máis de 1,4 millóns de copias na súa primeira semana, dominando todas as listas de vendas. As críticas foron na súa maioría positivas; The Sims 3 obtivo unha puntuación de 86% en Metacritic.

Saída ao mercado Saíu en DVD para Microsoft Windows e en CD para Macintosh o 2 de xuño de 2009 en América do Norte, o 4 de xuño en Australia e o 5 de xuño en Europa. O xogo vendeu 1.400.000 exemplares na súa primeira semana de distribución. Existen versións tamén para iPhone, iPod Touch, Blackberry e para móbiles.

Características The Sims 3 realizouse cos mesmos conceptos que os seus precursores: os xogadores controlan os Sims en varias actividades e forman relacións de xeito semellante á vida real. The Sims 3 como The Sims e The Sims 2, carecen dun obxectivo definido.

Sistema de xogo Creación de Sims A ferramenta de creación dun sim redeseñouse respecto a entregas anteriores. Aumentando o nivel de detallismo á hora de definir os detalles faciais, cambiou o sistema de configuración do corpo. Mentres que en entregas anteriores á hora de creación dun sim só se podía escoller entre corpo intermedio e sobrepeso (no xogo podíase alcanzar tamén un corpo musculado), e eses tres modos eran idénticos para tódolos sims, nesta entrega cada sim pode ter un corpo diferente ao doutro. Existen tres deslizadores para os homes e catro para as mulleres que permiten configurar ao milímetro a complexión de cada sim. O primeiro deles fai referencia ao nivel de delgadeza ou gordura, o segundo fai referencia ao tamaño muscular. Antigamente estes dous eran os únicos deslizadores dispoñibles, pero nun parche posterior engadíronse os restantes deslizadores.

O terceiro deslizador fai referencia á musculatura, facendo máis ou menos marcados os abdominais e os músculos do corpo. O cuarto deslizador é exclusivo das sims mulleres e define o tamaño e exuberancia ou non dos seus peitos. Cabe sinalar que estes deslizadores están dispoñibles para adolescente, xove adulto e adulto. Os demais grupos de idade só teñen dispoñibles algúns destes deslizadores ou ningún no caso dos cativos.

O apartado de roupa tamén sufriu un redeseño intensivo. Mentres que antes só era posible escoller pezas superiores e inferiores ou ben pezas do corpo completo a partir dun repertorio predeterminado, agora é posible escoller ademais diso os zapatos e complementos de todo tipo como lentes, calcetíns, medias, pulseiras etc., e ademais é posible definir un peiteado diferente para cada tipo de roupa, elixir entre informal, formal, roupa de durmir (o que inclúe tanto pixamas como roupa interior), roupa atlética e roupa de baño. Nun parche posterior engadiuse tamén a posibilidade de escoller a ropa para ir ao traballo. Á hora de escoller a roupa, tamén é posible definir a cor de forma totalmente dinámica a partir de todo o espectro de cor, e dependendo do tipo de roupa será posible escoller varias cores diferentes, e gardar o estilo creado para reutilizalo para outros sims en calquera momento. A diferenza da entrega anterior, toda a roupa está dispoñible para todos os sims en todo momento, sen ser necesario acudir a ningunha tenda a comprala.

Xogo no barrio A diferenza de entregas anteriores, as casas e os barrios están nun mapa continuo de toda a cidade sen cargas intermedias. O xogo inclúe unha función opcional chamada "Historia de progresión", que permite a tódolos sims non controlados polo xogador no barrio vivir de forma autónoma, crecer, casar, ter os seus empregos e ascensos, ter fillos, construír o seu soño ou comprar unha casa, e así sucesivamente; é dicir, que aínda que non o controle o xogador, as súas vidas se seguirán desenvolvendo paralelamente ás da familia xogable.

O sistema de humor foi rediseñado respecto a entregas anteriores. As necesidades básicas seguen estando presentes, pero agora o humor é resultado dos novos "estados de humor". Existen tres tipos, positivos, negativos ou neutrais. Os estados neutrais son simplemente informativos e non soben nin baixan o humor. Dentro dos positivos e negativos, hainos de diversas intensidades, que soben máis ou menos o humor que outros. Algúns estados de humor aparecen ao satisfacer ou non as necesidades dos sims. Outros son resultado de actividades relacionadas cos seus trazos ou as súas relacións sociais. Por exemplo, se un sim satisfai a súa fame cunha comida cociñada nunha boa cociña por un sim con habilidade, aparecerá o estado de humor positivo "Boa comida", que aumentará o seu humor nalgúns puntos. En cambio, se se lle priva de comer por moito tempo, aparecerá o estado de humor negativo "Famento", que baixa uns puntos o humor, e se persiste, chegará a un punto no que o estado de humor pasará a "Morto de fame", que baixará máis dramaticamente o humor. Como en entregas anteriores, un sim de mal humor non se concentrará para facer determinadas tarefas ou renderá mal no traballo ou na escola.

Introdúcese ademais un novo sistema de desexos que substitúen os desexos e os medos da entrega anterior. Un sim ten un cadro polo que van desfilando diferentes desexos que se van acumulando e que tras un tempo desaparecen. Tamén dispón de catro cadros de promesa. Ao facer clic nun desexo recente, se hai algún cadro de promesa libre, ese desexo considerarase "prometido" e pasará a ese cadro. Ao cumprir un desexo prometido, o sim obterá puntos de felicidade e o estado de humor "Realizado". Os puntos de felicidade pódense aforrar e uns desexos ofrecen máis puntos que outros dependendo da súa dificultade ou transcendencia na vida do Sim (por exemplo, terminar de ler un libro da moitos menos puntos que ter un fillo). Ao reunir puntos suficientes pódese acceder a un catálogo de recompensas para o sim en forma de características directas do sim (por exemplo, non aburrir xamais) ou en obxectos especiais para o sim que toda a familia pode empregar (como localizadores de sementes ou teletransportadores).

Ademais, cada sim xove adulto ten un chamado "Desexo de toda a vida", que ao cumprilo lle proporcionará unha gran cantidade de puntos de recompensa e un estado de humor especial. Ese desexo de toda a vida escólleo o xogador ao crear o sim, ou ben pode elixilo durante o seu crecemento, en base a propostas que aparecerán marcadas distinguiblemente no cadro de desexos durante a infancia e adolescencia do sim (bebés e infantes non poden ter desexo de toda a vida). Se o sim chegara a xove adulto sen desexo de toda a vida, nese momento se lle obrigaría a escoller un desexo de toda a vida entre todo o repertorio dispoñible, destacando cinco propostas en base aos trazos do sim.

Os sims viven por un período de tempo (axustable polo xogador) e avanzan a través de varias etapas (bebé, infante, neno, adolescente, xove adulto, adulto e ancián). Os sims poden morrer de vellez ou poden morrer prematuramente por causas tales como incendios, fame, afogamento, electrocución etc. Despois da morte, convértense en fantasmas non xogables que se aparecerán aos demais sims da familia mentres a tumba siga en casa, aínda que hai misións que permiten converter o fantasma nun personaxe xogable, e incluso existe unha comida que pode resucitar a un fantasma ao comela, entre outras opcións.

Cada sim vai adquirindo trazos de personalidade ao longo da súa vida, ata un máximo de cinco (a expansión University Life permite aumentar este número a un máximo de sete). Os bebés e infantes comezan con dous trazos, e despois adquiren un trazo máis en cada etapa de idade ata chegar aos cinco de xove adulto, que xa conservan o resto da súa vida. Existe un amplo repertorio de trazos, e algúns son opostos entre si e non poden darse ao mesmo tempo nun mesmo sim (por exemplo "Bo" e "Malvado" ou "Valente" e "Covarde"). Ao crear un sim pódense elixir a vontade os trazos que terá tendo presente esa limitación. Se o facemos nacer e crecer no xogo, os trazos que adquira dependerán de diversos factores: se o sim tivo unha boa vida na fase de idade na que se encontra (salvo no paso de bebé a infante onde non hai cambios de trazos), o xogo permitirá escoller ao crecer o trazo novo que se engadirá; se, polo contrario, non fora así, serán asignados aleatoriamente. No caso dos bebés acabados de nacer, os seus trazos dependerán de que a nai tivera un bo embarazo. Os nenos terán trazo elixible se de infantes aprenderon todo o que deben aprender (a andar, a falar e a usar o ouriñal) e desenvolveron ben as súas habilidades con xoguetes. Os adolescentes e adultos novos dependerán sobre todo do seu rendemento na escola e de que logren un sobresaliente ao chegar ao seu aniversario. E en tódolos casos tamén inflúe o satisfacer frecuentemente as necesidades do sim, tanto as básicas como as de humor.

Tamén se rediseñou o sistema de habilidades. Mentres que nas dúas entregas anteriores existía unha lista de habilidades prefixada para tódolos sims, nesta entrega as habilidades que pode aprender un sim son incontables, e o seu número vai aumentando coas expansións. A diferenza de entregas anteriores, non hai ningunha lista para cada sim, senón que comezan coa pestaña en branco, e poden ir aprendendo habilidades novas pouco a pouco e engadíndoas dinamicamente a unha lista que irá crecendo co tempo. Para desenvolver as habilidades pode recorrerse a practicar a habilidade correspondente, estudar un libro acerca da materia ou facer que o sim acuda -previo pago- a unha clase. Os libros pódense adquirir na librería da cidade, e hainos de tres niveis, principiante para sims con niveis entre 0 e 3, intermedios para niveis entre 4 e 6, e avanzados para niveis superiores. Non sempre están dispoñibles tódalas opcións para tódalas habilidades, e de estar dispoñible, a opción de asistir a unha clase só se pode empregar unha única vez por sim.

Desenvolvemento En 2005 comezouse a difundir o rumor sobre un futuro The Sims 3. Falábase que Electronic Arts estaba traballando no proxecto.

O 2 de novembro de 2006 Warren Jenson, responsable do departamento financeiro de Electronic Arts, confirmou a creación de The Sims 3, que ten unha data exacta de lanzamento: 2 de xuño de 2009 nos Estados Unidos, e Sam Player, xefe de produción para PC de The Sims 2: Seasons confirmou a creación de máis expansións para a franquía actual.

Na presentación da expansión, The Sims 2: FreeTime, os produtores advertiron aos fans da saga que The Sims 3 estaban máis cerca do que parece. Nesta expansión, hai un "Ovo de pascua" (easter egg) onde un dos produtores de The Sims (Rod Humble) aparece no terreo onde se xoga e dálle un regalo ao sim en uso que contén un videoxogo chamado The Sims 3 no que aparecen sims camiñando polo barrio sen restricións, ademais do creador de sims e como amoblar as casas.

O sitio web oficial de The Sims foi aberto o día 19 de marzo coas primeiras imaxes e información.

Subiuse o primeiro trailer de The Sims 3, no que se ve a varios sims facendo actividades como pescar ou facer footing libremente polo barrio. Ao final, vese a un sim tocando a guitarra nun concerto na praia. Curiosamente o vídeo está gravado orixinalmente en simlish e despois traducido a varios idiomas.

Segundo o sitio web oficial, os detalles da edición especial para coleccionistas foran anunciados na Convención de videoxogos de Leipzig.