Veleno tinto é un libro de Ramón Carredano Cobas publicado en 2008 por Edicións Xerais. É a continuación de Frei Samuel, publicado no ano 2002.
Contexto histórico Inverno de 1319. Berenguel de Landoria, nomeado arcebispo de Santiago de Compostela polo Papa Xoán XXII, convocou un sínodo en Noia con nobres e comerciantes. A el acoden Rui Soga de Lobeira (o nobre anfitrión), Pedro Ordóñez, señor do castelo de Vimianzo, e comerciantes de Noia e Compostela.
Parte da nobreza galega é contraria a que Santiago de Compostela siga baixo xurisdición do arcebispo, sendo partidarios de que pase a ser un reguengo baixo o mando do rei de Castela (nese momento, baixo a rexencia de María de Molina). Entre estes nobres estaba Alonso Suárez de Deza, partidario da imposición dun bispo galego manexable pola nobreza.
Trama
Neste contexto histórico, aparece a figura ficticia de Frei Samuel, frade do mosteiro de Toxosoutos. É convidado polo arcebispo, dado que o axudou nunha aventura anterior. De camiño a Noia atópase con Pedro Ordóñez e a súa corte. O nobre chega de Vimianzo acompañado da súa filla Sabela, o seu futuro xenro Gonzalo (un nobre vido a menos, que busca a súa fortuna), Petra (ama de Sabela) e uns soldados. Con todos eles chega ao castelo de Noia.
Falando co nobre, frei Samuel vai coñecendo todo o conflito arredor da elección do arcebispo, e vai sabendo quen está a prol e quen está en contra do seu nomeamento.
Tras unha irada discusión, Pedro Ordóñez retírase á súa habitación para repousar, debido ao seu mal estado de saúde. Pouco despois, un criado do castelo aparece morto, presuntamente envelenado cunha xerra de viño.
Entre o anfitrión, un criado de confianza e frei Samuel comeza a investigación para desenmascarar ao culpable. Nun principio pensan que o obxectivo da xerra era o arcebispo. Así, descobren que na casa de Dacosta, outro nobre de Noia, hai reunións de partidarios de depor o arcebispo, e que alí acode un bufón de Rui Soga, con afán de medrar a outra corte máis poderosa.
Semella que o culpable é un comerciante compostelán, que non ten reparos en afirmar abertamente que lle gustaría ver morto ao arcebispo, pero pola forma do envelenamento (con graxa untada na xerra) e por outras circunstancias, frei Samuel descobre que realmente Gonzalo intentara matar a seu futuro sogro, Pedro Ordóñez.
Narración A narración, dividida en nove capítulos e un epílogo, está feita cun narrador omnisciente. Inclúe moitos elementos de humor.
Frei Samuel é un frade que traballa de copista na biblioteca e como herborista na horta, polo que ten certos coñecementos de Medicina. É áxil física e mentalmente, pensando e actuando dun modo moi vivo. O seu contrapunto é a súa pouca espiritualidade, caendo decote nos pecados da gula e a luxuria.
Inclúe moitos elementos da cultura galega medieval: fala da economía e gastronomía popular e das clases podentes, da vida dos nobres e a súa corte nun castelo, e dos enfrontamentos entre o poder eclesiástico e o poder da nobreza.
Véxase tamén Ligazóns externas Ficha na web de Xerais Ficha en Cultura Galega
Categoría:Obras literarias de 2008 Categoría:Novelas en galego