Michael Andreas Helmut Ende, nado en Garmisch-Partenkirchen, Baviera, RFA o 12 de novembro de 1929 e finado en Stuttgart, na Alemaña reunificada, o 28 de agosto de 1995, foi un escritor alemán. As súas obras foron traducidas a máis de 40 linguas con vendas de máis de 35 millóns de exemplares.
Biografía Foi o fillo único do pintor surrealista Edgar Ende e a fisioterapeuta e despois tamén pintora Luise Bartholomä. Segundo Michael Ende, o pai fora marcado polos nazis como "artista dexenerado" e era ela a que sostiña economicamente á familia. Os seus pais estaban separados desde 1953, o pai morreu en 1965 e a nai en 1973, aos 81 anos.
Sendo estudante participou na agrupación anti-nazi "Frente Libre Bávaro", pero debeu suspender os estudos para servir no exército alemán da RFA. Tempo despois mudouse coa súa familia a un barrio de artistas en Múnic, o que lle supuxo unha grande influencia. En 1947 entrou na escola Waldorf, seguidora da liña antroposófica creada polo filósofo Rudolf Steiner en Stuttgart.A antroposofía foi creada como unha escisión da teosofía por Steiner cando declararon a Jiddu Krishnamurti a reencarnación de Cristo. En 1948 entra na Escola de Teatro de Cámara, de Otto Falckenberg, en Múnic.
Comezou a escribir relatos de corte infantil e xuvenil a principios da década de 1950. Traballou como actor, guionista de espectáculos de cabaré e como escritor de críticas cinematográficas.
En 1964 casou coa cantante Ingeborg Hoffman, que coñecera en 1949, e coa que foi vivir a Roma. Ingeborg faleceu en 1985 debido a un cancro de pulmón, e Michael Ende casou de novo en 1989 coa xaponesa Mariko Sato, que fora a súa a súa tradutora ao xaponés.
Michael Ende morreu con 65 anos, debido a un cancro de estómago que se lle diagnosticara o ano anterior.
Obra A súa obra enmárcase no xénero fantástico.
En 1947 escribiu a súa primeira obra de teatro, dedicada á matanza de Hiroshima. Ao longo da súa vida Ende viaxou catro veces ao Xapón.
Logrou popularidade no seu país coa obra Jim Knopf und Lukas der Lokomotivführer ("Jim Botón e Lucas o Maquinista"), publicada en 1960, unha novela fantástica que lle supuxo o premio Deutscher Jugendbuchpreis como mellor libro alemán do ano para público infantil. En 1962 publicou a segunda parte, Jim Knopf und die Wilde 13 ("Jim Botón e os 13 salvaxes").
Momo foi publicada en 1973 con grandes dificultades, debido á dura crítica social que entraña. Foi galardoada co Premio Nacional de Literatura Xuvenil.
Die unendliche Geschichte ("A historia interminable") foi publicada en 1979, e supúxolle o Premio Internacional Janusz Korczak.
Ao longo da súa vida, Ende recibiu 41 premios, entre eles o Buxtehuder Bulle (galardón dado por un xurado de nenos e adultos), o Premio Literario Europeo de Libro Xuvenil, o Nakamori do Xapón, ou o Simpatía Cidade de Roma.
Museo Michael Ende En 1998 inaugurouse na Bibliothek für internationale Kinder- und Jugendliteratur (Biblioteca internacional de literatura infantil e xuvenil) de Múnic o Museo Michael Ende. Nel consérvanse obras do autor en diversos idiomas, manuscritos, pinturas do seu pai, libros da súa biblioteca privada, e obxectos persoais de especial valor. Ende era un coleccionista de figuras de tartarugas feitas de toda clase de materiais.
Obras Jim Knopf und Lukas der Lokomotivführer (1960) Jim Knopf und die Wilde 13 (1962) Das Schnurpsenbuch (1969) Tranquila Tragaleguas a tartaruga teimuda (Tranquilla Trampeltreu die beharrliche Schildkröte, 1972) Momo (1973) Das kleine Lumpenkasperle (1978) Das Traumfresserchen (1978) A historia interminable (1979) O ponche dos desexos (Der satanarchäolügenialkohöllische Wunschpunsch, 1989) O longo camiño a Santa Cruz (O longo camiño a Santa Cruz'', 1992).
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas
www.michaelende.de .
Categoría:Escritores en lingua alemá Categoría:Escritores de Alemaña Categoría:Nados na Alta Baviera