Valentín González Formoso, nado nas Pontes de García Rodríguez en 1971, é un político galego do PSdeG, actual alcalde das Pontes de García Rodríguez e presidente da Deputación da Coruña.

Traxectoria Cursou estudos de Dereito na USC, rematándoa anos despois na UDC. Foi empregado de Iberdrola. Está casado e ten dous fillos. Encabezou a candidatura do PSdeG-PSOE nas Pontes de García Rodríguez nas eleccións municipais de 2003 e foi elixido concelleiro. Nas eleccións municipais do 2007 foi novamente o candidato do PSdeG-PSOE á alcaldía das Pontes de García Rodríguez, sendo elixido alcalde ao ser a lista máis votada, gobernando en minoría con 8 concelleiros fronte a 8 do BNG e 1 do PPdeG. Nas eleccións municipais de 2011 revalidou a alcaldía cunha ampla maioría absoluta de 12 concelleiros.

En xuño de 2012 concorreu á Secretaria Xeral do PSdeG na provincia da Coruña, sendo derrotado polo exministro Francisco Caamaño. En outubro de 2013, tralo nomeamento da nova executiva liderada por Xosé Ramón Gómez Besteiro, pasou a ser secretario de Política Municipal do PSdeG-PSOE.

Tralas eleccións municipais de 2015 revalidou a alcaldía das Pontes con maioría absoluta, e un pacto entre PSdeG-PSOE e BNG permitiulle ser elixido Presidente da Deputación da Coruña cos votos a favor tamén de Marea Atlántica, Compostela Aberta e Alternativa dos VeciñosEl alcalde socialista de As Pontes ya preside la Diputación de A Coruña, www.laopinioncoruna.es, 16/07/2015 , tras ser proposto polo partido. En decembro de 2017 venceu nas primarias pola secretaría xeral do PSdeG na provincia da Coruña cun 69% dos votos fronte a Mercedes Rosón, sendo proclamado novo secretario xeral no congreso provincial de xaneiro de 2018. Nas eleccións municipais de 2019 revalidou tanto a alcaldíaConcello das Pontes de García Rodríguez na FEGAMP, con maioría absoluta, coma a presidencia da Deputación de novo cun pacto co BNG.

Presentouse ás primarias pola Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE en outubro de 2021, vencendo ó entón secretario xeral Gonzalo Caballero con case o 60 % dos votos e asumindo formalmente o posto no 14º Congreso Nacional galego en decembro de 2021. Nas eleccións municipais de 2023 revalidou novamente a alcaldía con maioría absoluta e a presidencia da Deputación cun pacto cos nacionalistas. En abril de 2024 foi substituído á fronte da Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE por Xosé Ramón Gómez Besteiro, tras convocar un Congreso Extraordinario e non concorrer á reelección.

Vida persoal Está casado e ten dous fillos.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Eleccións municipais nas Pontes de García Rodríguez

Ligazóns externas Entrevista en El Progreso

Categoría:Alcaldes das Pontes de García Rodríguez Categoría:Alcaldes de Galicia polo PSdeG-PSOE Categoría:Alcaldes de Galicia durante a democracia Categoría:Presidentes da Deputación da Coruña

Categoría:Nados nas Pontes de García Rodríguez Categoría:Nados en 1971

Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela