Iván Carril Regueiro, nado en Rebordaos (Santiago de Compostela) o 13 de febreiro de 1985, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego, que dende 2026 adestra o Lalín, da Terceira Federación.

Extremo veloz e habilidoso, estaba considerado unha das maiores promesas do Deportivo da Coruña, co que chegou a xogar varios partidos na Primeira División. Posteriormente militou en equipos da Segunda e a Segunda B, así como en clubs de Austria, Grecia, Nova Zelandia e Noruega. Gañou co SV Ried unha Copa de Austria e co Auckland City un Campionato de Nova Zelandia e a Liga de Campións da OFC.

Traxectoria

Como futbolista

Comezos Os seus inicios foron nun humilde club de fútbol sala do concello de Teo, onde a súa calidade pronto chamou a atención, sendo fichado pola SD Compostela para as súas categorías inferiores. No 2001 incorporouse á canteira do do FC Barcelona, onde conviviu entre outros con Andrés Iniesta, pero acabou sendo descartado. Rexurdiu tras volver a Galicia, nesta ocasión ao equipo xuvenil do Deportivo da Coruña, ao que se incorporou en 2002.

Deportivo da Coruña Xa convertido nunha das maiores promesas do club coruñés e do fútbol galego, na tempada 2004/05 subiu ao Fabril, da Terceira División, onde coincidiu co seu irmán maior Jonathan. Extremo veloz e habilidoso, axiña se converteu nunha destacada peza no filial deportivista e na campaña 2005/06 recibiu a chamada de Joaquín Caparrós para debutar co primeiro equipo do Deportivo. Foi nun partido da Copa Intertoto ante o Budućnost Podgorica en Riazor, o 2 de xullo de 2005, encontro no que substituíu na segunda parte á lenda do club, Juan Carlos Valerón. Foi titular no partido de volta e seguiu participando nos seguintes partidos da competición europea, marcando un dos goles do seu equipo na ida da final ante o Olympique de Marsella.

Saíu de inicio na primeira xornada de liga e disputou un total de 15 partidos durante a tempada. O 3 de maio de 2006 marcou o seu primeiro e único gol na Primeira División, na penúltima xornada do campionato ante o Espanyol no Olímpic Lluís Companys, cun forte disparo dende fóra da área co que superou ao gardameta Gorka Iraizoz e empatou o partido, minutos antes de darlle tamén unha asistencia a Diego Tristán para que este culminase a remontada (1-2).

Cesións ao Vecindario e ao Palencia Para a tempada 2006/07 foi cedido xunto a Xisco ao Vecindario, club da Segunda División co que o Deportivo mantiña un convenio de colaboración. O seu paso polo club canario foi accidentado dende o principio, debido a un enfrontamento co adestrador Pacuco Rosales nos primeiros meses e ás lesións que lle impediron estar dispoñible en varias xornadas. A súa situación non mellorou coa chegada dun novo técnico, o galego Castro Santos, e en xaneiro de 2007 o seu contrato de cesión foi rescindido.

Imposibilitado pola normativa para xogar nin en Primeira nin en Segunda no que restaba de tempada, para a segunda metade da 2006/07 foi cedido ao Palencia, da Segunda División B, onde tampouco tivo continuidade, disputando 13 partidos, 6 deles como titular.

Regreso ao Fabril A continuación regresou ao Fabril, que viña de ascender á Segunda B por primeira vez na súa historia. Xogou durante os seguintes dous anos no filial e estivo asentado na titularidade nun principio, pero atravesou momentos de irregularidade e chegou a pasar preto de ano e medio sen marcar gol, caendo incluso das convocatorias de Tito Ramallo. Nunca máis volveu vestir a camiseta do primeiro equipo do Deportivo e en 2009, tralo descenso do Fabril, rematou o seu contrato co club. Disputou un total de 103 partidos co Fabril, nos que anotou 19 goles.

Pontevedra En agosto de 2009 asinou por unha temporada polo Pontevedra, tamén de Segunda B. Ás ordes de Roberto Aguirre primeiro e Pablo Alfaro despois, xogou un total de 36 partidos, 4 deles na promoción de ascenso, e anotou 2 goles.

Austria Na tempada 2010/11 viviu a súa primeira experiencia no estranxeiro, ao fichar polo SV Ried, da Bundesliga de Austria. Na campaña do seu debut acadou un cuarto posto en liga e conquistou a Copa de Austria, tras derrotar ao Austria Lustenau na final, na que foi titular. Militou un total de tres anos no club austríaco, co que acadou unha segunda final de Copa e disputou dúas edicións da Europa League, antes de deixar o club ao remate dunha tempada 2012/13 na que sufriu problemas cos tendóns de Aquiles. Pechou o seu paso por Austria cun total de 76 partidos, 13 goles e 9 asistencias.

Paso por Grecia e o Kurdistán Despois de varios meses sen equipo, en febreiro de 2014 viaxou a Grecia, onde fichou polo Olympiacos Volos, da segunda categoría. Con todo, no equipo de Tesalia volveu vivir unha mala experiencia, pois o club non chegou a pagarlle ningún mes de salario, situación que acabou nos xulgados. Abandonou o equipo despois de só seis partidos oficiais e puxo rumbo ao Kurdistán iraquí, para aceptar unha importante oferta económica do Arbil SC, club co que podería disputar a Copa AFC. Con todo, o seu litixio co Olympiacos Volos atrasou o seu tránsfer, o que unido ao avance do Estado Islámico polo país, fixo que o xogador fixese de novo as maletas menos dun mes despois da súa chegada a Arbil.

L'Hospitalet e Nova Zelandia No verán de 2014 fichou polo CE L'Hospitalet, de Segunda B. Xogou media tempada no club catalán, disputando 12 partidos, 7 deles como titular. En xaneiro de 2015 cambiou de novo de continente, fichando polo Auckland City de Nova Zelandia. Co club azul tivo como adestrador ao catalán Ramon Tribulietx e coincidiu con varios xogadores españois e co tamén galego Gustavo Souto. Xogou seis partidos do Campionato de Nova Zelandia e marcou catro goles que contribuíron a que o equipo gañase o título de liga. Disputou tamén a Liga de Campións da OFC e acadou a final, sendo titular no encontro decisivo no Estadio Nacional de Suva, en Fiji, ante o Team Wellington. O seu equipo proclamouse campión despois de empatar e de superar na quenda de penaltis ao club da capital neozelandesa.

Noruega e retirada En setembro de 2015 iniciou o seu derradeiro periplo como futbolista, asinando contrato co Gjøvik-Lyn, da 2. divisjon de Noruega, terceira categoría do fútbol do país. Despois de sufrir a rotura do ligamento cruzado, en 2016 regresou a Galicia, onde colgou finalmente as botas.

Como adestrador Deu os seus primeiros pasos como adestrador mentres aínda era xogador, dirixindo nas categorías inferiores do Auckland City e do Gjøvik-Lyn. Trala súa retirada ingresou na canteira do Compostela, onde adestrou o equipo cadete, conseguindo o ascenso á liga galega ao remate da tempada 2018/19.

En xullo de 2019 foi contratado para adestrar o Noia, da Preferente Galicia, en substitución de José Manuel Martínez "Secho". Compaxinou este labor co seu traballo no Compostela, onde continuou dirixindo o conxunto cadete e a Escola de Tecnificación, que el mesmo creou. A súa primeira tempada no Noia acabou interrompida pola pandemia de COVID-19, pero na 2020/21 o equipo proclamouse campión do Grupo Norte de Preferente, conseguindo así o ascenso á Terceira División RFEF. Esa mesma campaña, Iván Carril conseguiu tamén o ascenso co cadete do "Compos", ao que levou á División de Honra.

Dirixiu o Noia na terceira campaña da súa historia na Terceira División, mais o equipo acabou descendendo tras rematar na 14ª posición. Despois de dous anos en Preferente, en 2024 proclamouse por segunda vez campión do Grupo Norte, e volveu así á Terceira, cun grupo de xogadores entre os que se encontraba o seu irmán Iker. Esa mesma campaña acadou ademais a final da Copa do Sar, onde caeu derrotado diante do Sigüeiro. Ao ano seguinte, na tempada 2024/25 (a última da súa etapa no Noia) concluíu o campionato da Terceira en 5º posición, malia ser un ascendido de recente, e disputou a promoción de ascenso á Segunda Federación. Emparellado co Estradense na primeira eliminatoria, empatou no encontro de ida no Julio Matito, pero foi eliminado despois de perder por 2-0 na Estrada.

En xullo de 2025, Carril foi elixido para adestrar a SD Sarriana na súa primeira temporada na Segunda RFEF. Porén, só cinco meses despois foi destituído: nesa altura o equipo estaba na zona media da táboa e acababa de conseguir unha vitoria ante o Real Ávila. O presidente da Sarriana, Manuel Sangil, culpou o mal ambiente do vestiario. Substituíno o vigués Dani Giménez no banco sarriao.

En xuño de 2026 foi anunciado como novo adestrador do Lalín, que viña de ascender á Terceira Federación.

Palmarés Xogador Fabril Terceira División (1): 2005/06.

Ried Copa de Austria (1): 2010/11.

Auckland City Campionato de Nova Zelandia (1): 2014/15. Liga de Campións da OFC (1): 2014/15.

Adestrador Noia Preferente Galicia (2): 2020/21, 2023/24.

Vida persoal É irmán dos tamén futbolistas Jonathan e Iker Carril.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas

Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en futbolme.com Perfil en playerhistory.com

Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados en Santiago de Compostela Categoría:Futbolistas de Santiago de Compostela Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores da UD Vecindario Categoría:Xogadores do CF Palencia Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do SV Ried Categoría:Xogadores do CE L'Hospitalet Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do CF Noia Categoría:Adestradores da SD Sarriana Categoría:Adestradores do CD Lalín