Daniel José Rodríguez Vázquez, coñecido como Dani Rodríguez, nado en Betanzos o 6 de xuño de 1988, é un futbolista galego, que xoga de centrocampista no Leganés, da Segunda División.

Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Betanzos e aos 12 anos recibiu unha chamada do Deportivo da Coruña, que estaba formando un equipo alevín para participar en varios torneos. Así, disputou con outros rapaces da provincia como Pedro Mosquera un torneo internacional celebrado no estadio Heliodoro Rodríguez López de Santa Cruz de Tenerife. A continuación regresou ao Betanzos, onde tivo como adestrador a Óscar Gilsanz.

En 2001 ingresou na canteira do Deportivo da Coruña, na que xogou durante os seguintes anos, excepto unha tempada que estivo cedido no Betanzos. Volveu en 2008 á Coruña, pasando a xogar no Fabril durante as seguintes tempadas e converténdose en capitán. En 2010 debutou co primeiro equipo do Deportivo na volta de cuartos de final da Copa do Rei no Ramón Sánchez Pizjuán fronte ao Sevilla, substituíndo a Bodipo no minuto 65. Ao remate da tempada 2010–11 anunciouse que non continuaría no Fabril.

Así, despois de 11 anos nas filas branquiazuis buscou novo destino e recalou no Conquense, tamén de Segunda B. Tras o descenso do equipo ao final da tempada, fichou polo Racing de Ferrol, da mesma categoría. Xogou dúas tempadas no club ferrolán, disputando 75 partidos e dúas fases de ascenso a Segunda División. Na tempada 2015/16 xogou no Racing de Santander, co que acabou campión do Grupo 1 de 2ª B, pero sen acadar o ascenso, e na 2016/17 militou no Albacete, co que xogou unha nova promoción, a súa cuarta consecutiva, conseguindo esta vez ascender.

Continuou un ano máis no Albacete, conseguindo a permanencia, e no verán de 2018, despois de 81 partidos e 12 goles co club manchego, fichou polo RCD Mallorca, tamén de Segunda. Na súa primeira tempada co club balear logrou o ascenso a Primeira División, despois de acabar quinto e eliminar na fase de promoción aos seus ex equipos Albacete e Deportivo.

Debutou en Primeira contra o Eibar na primeira xornada da tempada 2019/20, marcando un gol aos 4 minutos de xogo. Xogou todos os partidos de liga do seu equipo excepto un (por acumulación de cartóns amarelos), nun ano no que o Mallorca acabou descendendo de novo a Segunda. Con todo, o equipo balear volveu lograr ascender na seguinte tempada (2020/21), contribuíndo Dani Rodríguez con 8 goles, a maior cifra anotadora da súa carreira.

Continuou como titular na maioría de partidos das seguintes tempadas e en 2024 acadou a final da Copa do Rei, na que se enfrontou ao Athletic Club. Foi titular no partido disputado no estadio de La Cartuja de Sevilla e no minuto 21 bateu a Julen Agirrezabala para colocar o 0-1 no marcador. Con todo, na segunda parte Oihan Sancet empatou o partido e forzou unha prórroga que derivou nunha quenda de penaltis da que saíu vencedor o club biscaíño.

Na terceira xornada da tempada 2025/26 o Mallorca enfrontouse ao Real Madrid no Santiago Bernabéu e tralo encontro Dani Rodríguez criticou ao adestrador Jagoba Arrasate por deixalo no banco de suplentes, en favor da nova fichaxe, Jan Virgili. O club reaccionou sancionando ao xogador e retirándolle a capitanía, e aínda que este pediu perdón, acabou por ser apartado do equipo definitivamente. En decembro o seu contrato foi rescindido, pechando a súa etapa en Mallorca cun total de 282 partidos e 32 goles.

En xaneiro de 2026 foi anunciado como novo xogador do Leganés, da Segunda División.

Vida persoal Casou en 2024 na catedral de Mallorca coa modelo Cristina Palavra, coa que mantiña unha relación dende facía máis dunha década, e coa que tiña xa tres fillos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en ceroacero.es Datos do xogador en lapreferente.com

Categoría:Nados en 1988 Categoría:Nados en Betanzos Categoría:Futbolistas de Betanzos Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Betanzos CF Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores da UB Conquense Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Racing de Santander Categoría:Xogadores do Albacete Balompié Categoría:Xogadores do RCD Mallorca Categoría:Xogadores do CD Leganés