A Cidade Deportiva de Abegondo, coñecida tamén como Dépor Training Center ou O Mundo do Fútbol, é un complexo deportivo do Deportivo da Coruña, inaugurado o 1 de maio de 2003. Está situada no concello de Abegondo, na parroquia de Mabegondo, ao carón da autovía A-6, e conta cunha superficie de 90 000 m², na que acolle os adestramentos do primeiro equipo, do filial, do equipo feminino e das categorías inferiores do club.

Historia A Cidade Deportiva de Abegondo foi erguida durante a presidencia de Augusto César Lendoiro, que pretendía a construción dunhas instalacións de adestramento para o Deportivo análogas ás doutros clubs de elite da época. Ata entón o equipo adestrábase no Complexo Deportivo de Acea de Ama, no Burgo. Tras barallar outras localizacións como Bastiagueiro ou Cambre, o club adquiriu máis de 100.000 metros cadrados de terreos na Agra de Marces na parroquia de Mabegondo, no concello de Abegondo, tras pagar uns 100 millóns de pesetas, e o 26 de marzo de 1998 deron inicio unhas obras que se prolongaron durante cinco anos. O complexo foi inaugurado o 1 de maio de 2003.

Instalacións O Mundo do Fútbol consta dun edificio principal que alberga os vestiarios, oficinas e cafetería e que serve, á súa vez, de chanzo, con capacidade para máis de 1 200 persoas cara ao campo principal e outras 500 persoas na parte posterior, orientado ao campo de céspede artificial. Na planta superior do edificio sitúanse as oficinas, sala de prensa, cafetería e aseos de público. A planta inferior alberga os vestiarios, almacéns e cuartos de instalacións. Dispón de preto de 9.000 metros cadrados de aparcadoiros e zona de servizos.

Campos 7 campos de céspede natural de medidas practicamente iguais a Riazor (105×65 metros). 1 campo de céspede artificial de última xeración do tamaño de Riazor (105×61 metros). 6 campos de céspede natural de fútbol 7 (50×30 metros). Máis de 16 000 metros cadrados de campos auxiliares de céspede natural.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Información na web oficial do Deportivo de La Coruña Información das instalacións do Deportivo

Categoría:Deportivo da Coruña Abegondo Mundo del Fútbol Categoría:Abegondo