miniatura|300px|Distribución das zonas de produción da IXP Pataca de Galicia A pataca de Galicia é unha indicación xeográfica protexida creada para destaca-la excelencia da pataca obtida en Galicia que, reunindo as características definidas no seu regulamento, cumpre con tódolos requisitos esixidos neste.
O tubérculo definido como Pataca de Galicia correspóndese coa especie Solanum tuberosum L., da variedade cultivada "Kennebec", destinada ao consumo humano. Esta denominación de orixe abrangue unha superficie agrícola situada anualmente en torno ás 1.500 a 1.800 hectáreas de cultivo.
O terceiro domingo do mes de setembro, celébrase a festa da pataca no concello coruñés de Coristanco.
Evolución normativa A normativa da denominación foi a seguinte:
Orde de 5 de abril de 1989: Recoñecemento da Denominación Produto Galego de Calidade e nomeamento do seu órgano reitor. Orde de 19 de setembro de 1989: Aprobación do Regulamento da Denominación. 12 de abril de 1996: Solicitude da Denominación Específica. Orde de 19 de setembro de 1996: Recoñecemento da Denominación de Orixe Específica e nomeamento do seu consello regulador. Orde de 24 de xuño de 1998: Aprobación do Regulamento da Denominación Específica. Orde de 29 de outubro de 2001 (DOG do 9 de novembro): Aprobación do Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida e do seu Consello Regulador. Orde de 24 de abril de 2002 (BOE nº 113 do 11 de maio) do Ministerio de Agricultura Pesca e Alimentación, APA/1046/2002: Ratificación do Regulamento da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia e do seu Consello Regulador. Regulamento (CE) nº 148/2007 da comisión o 15 de febreiro de 2007, polo que se inclúe no rexistro de Indicacións Xeográficas Protexidas a Pataca de Galicia (IXP).
A pataca miniatura|300px|Variedade Kennebec A variedade Kennebec ten un tamaño de entre 40 e 80 milímetros, a súa pel é de cor amarela, o tubérculo é de cor branca e de tacto fino, cremoso no padal e de textura firme. Trala súa cocción mantén o seu recendo e senlleiro sabor. Cultívase de xeito tradicional, e constitúe a única pataca amparada por esta denominación na Unión Europea, o que lle permite amosar a súa rastrexabilidade e orixe ao longo do territorio comunitario.
Malia poder vexetar en climas moi diferentes, podéndose cultivar a distintas latitudes e altitudes, a pataca atopa en Galicia a súa zona óptima de cultivo.
A pataca galega destaca pola súa resistencia, fortaleza e considerable adaptación. Trátase dun cultivo axeitado para zonas preferentemente tépedas, cunha temperatura de crecemento que se atope entre os 6 °C e 8 °C como mínimo e entre 14 °C e 18 °C como óptima, isotermos estes de común distribución en case todo o territorio galego.
Segundo o Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño:
Desde 1996 existe en Galicia a Denominación Específica Pataca de Galicia, que ampara a producida nas zonas de Bergantiños (A Coruña), Terra Chá-A Mariña (Lugo), Lemos (Lugo) e A Limia (Ourense). A produción amparada por esta Denominación ascendeu progresivamente desde as 4.000 toneladas do ano 2000 ata as 7.004 toneladas colleitas en 2008 Estas 7.000 toneladas refírense á pataca comercializada baixo a denominación de orixe, que é menos da metade da produción controlada: 14.968 toneladas., cun valor superior ó millón e medio de euros.
Zona xeográfica miniatura|Carroza deseñada con patacas na festa da pataca de Coristanco 2005. A área de produción e envasado do produto amparado pola Indicación Xeográfica Protexida abrangue catro subzonas da Comunidade Autónoma de Galicia cuxo ámbito territorial é o seguinte:
Subzona de Bergantiños (provincia da Coruña): formada polos concellos de Carballo, Coristanco, A Laracha, Malpica de Bergantiños e Ponteceso. Subzona da Terra Chá-A Mariña (provincia de Lugo): formada pola totalidade dos concellos de Abadín, Alfoz do Castrodouro, Barreiros, Cospeito, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ribadeo, Trabada, Valadouro, Vilalba e Xermade. Subzona de Lemos (provincia de Lugo): constituída polos concellos de Monforte, Pantón e O Saviñao. Subzona da Limia (provincia de Ourense): composta pola totalidade dos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Santos e Xinzo de Limia; as parroquias de Coedo e Torneiros do concello de Allariz; as de Atás, Cualedro, Lucenza, Vilela e A Xironda do concello de Cualedro; as de Bóveda, Padreda, Seiró e Vilar de Barrio pertencentes ó concello de Vilar de Barrio, e as de A Abeleda, Bobadela a Pinta, A Graña e Sobradelo, do concello de Xunqueira de Ambía.
Consello Regulador O Consello Regulador da Denominación de Orixe Pataca de Galicia foi recoñecido por Orde 15 de abril de 1989 (D.O.G. nº 108 de 7 de xuño de 1989) pola Consellería de Agricultura e Pesca da Xunta de Galicia, pola que se aprobou o Regulamento da Denominación de Orixe e mailo seu Consello Regulador como organismo certificador do produto, cuxos obxectivos son protexer e certificar a calidade da pataca producida nos seus ámbitos protexidos, ademais de promover, xestionar e poñer en funcionamento a difusión da Pataca de Galicia recoñecida pola súa orixe e calidade.
A actividade deste organismo consiste en garantir a orixe e maila calidade da Pataca de Galicia. Esta tarefa realízase comprobando e verificando a procedencia das patacas, as condicións de traballo dos procesos de cultivo e almacenamento, así como as especificacións ou características do produto final e as condicións de envasado.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Pataca A pataca na cultura popular galega Ligazóns externas
Categoría:Denominacións de Orixe de Galicia Categoría:Pataca Categoría:Artigos destacados sobre Galicia